Igualdade

Un nome de dicionario

Un nome de dicionario
Autora: Amélie Nothomb
Editorial: Galaxia
Páxinas: 140

I.S.B.N: 84-8288-635-5

Plectrude nace no cárcere, orfa. Vai ser unha rapaza distinta, condicionada para sempre por esa circunstancia. Excepcional na escola, onde todos a admiran, a súa obsesión é ser bailarina na Ópera de París.  Cando está a piques de realizar o seu soño, a dura disciplina da danza condúcea á anorexia. A protagonista da novela está inspirada nunha personaxe real, a cantante francesa Robert, que aparece retratada na cuberta da edición galega da novela. En Un nome de dicionario, Amélie Nothomb sorprende polo seu estilo inconfundible, pola súa madureza e a súa capacidade para conectar facilmente cos lectores e coas lectoras. Hoxe en día, a narradora belga é a representante por excelencia da nova literatura en lingua francesa.

Autora de culto e un dos fenómenos literarios europeos máis interesantes dos últimos tempos, Amélie Nothomb é unha escritora que conecta con doada complicidade coas inquedanzas da nosa época, inquedanzas que traducen historias contundentes e extraordinariamente atractivas, que se afastan claramente do insubstancial e do solemne, da inxenuidade e do academicismo. En palabras do crítico Francisco Martínez Bouzas, posúe "un estilo cunha ollada incisiva, dun humor e unha ironía tallantes, espontáneos e non premeditados". Texto extraído de: http://culturagalega.org/lg3/novidade.php?Cod_prdccn=121

Curso 2009-10. Lecturas Titoría 3º ESO

La cenicienta que no quería comer perdices

Texto: Nunila López
Ilustracións: Myriam Cameros

La cenicienta que no quería comer perdices é un conto moderno, realista, divertido que  mostra a situación de moitas mulleres que decidiron rebelarse o día que descubriron que as súas vidas non eran ese conto de fadas que lles prometera o seu "príncipe azul". Este conto reflicte de maneira moi fresca outra forma de entender a fantasía, con personaxes que desfrutan dos seus roles libres de estereotipos. A autora Nunila López Salamero e a ilustradora Myriam Cameros Sierra reinventan o conto clásico da Cincenta cunha protagonista vexetariana, marchosa e rebelde. As ilustracións teñen forza e nada teñen que ver con outros debuxos femininos máis azucrados. O texto crítica os roles de xénero, pero cunha visión positiva e esperanzadora. Son 45 páxinas de imaxes e textos minimalistas que se len en dez minutos.Todas e todos deberiamos de lelo analizando canto hai de conto ou de realidade nas nosas vidas.

 

Conto lido pola autora

Curso 2008-09. Lecturas titoría.

Curso 2008/09: Taller Afectivo - Sexual / Quérote

Nera, a ferreira

    Imelda Barrio: Nera, a ferreira
Ilustracións de Andrés Meixide
Colección Contos da igualdade, 5. A Coruña, 2009

Hai moito tempo, nun afastado reino naceu Nera, a filla do ferreiro, nunha noite especial que hai cada cen anos: as constelacións están aliñadas e reúnese o Consello de Fadas para conceder un desexo a quen naza nela. Deliberaron sobre que desexo lle concederían, repasando os anteriores que concederan (unha voz doce, que se namorase dun príncipe, etc.). Pero as mulleres ás que llelos concederan non foran cumprindo eses desexos tan banais. Entón pensaron noutros: que puidese estudar, que chegase a vivir da ferreiría e a ser xefa da forxa, que non vivise obsesionada pola súa imaxe, que fose libre para rexeitar o príncipe valente... Pero como había que elixir un só desexo, acordaron concederlle que cando chegase á maioría de idade decidise ela se quería ser un home ou non, pois só sendo home podería cumprir todos aqueles desexos. Enteirados o seu pai e a súa nai, educárona na igualdade: nin lle compraron vestidos de cor rosa nin a a sacaron do colexio cando cumpriu 11 anos. E, sobre todo, apoiárona nas súas decisións e afeccións nada comúns entre as nenas e nenos do seu reino: cando xogaban ás guerras, as nenas pedían coidar os guerreiros feridos ou ser princesas que esperaban no castelo o regreso dos seus maridos loitadores, pero Nera quería ser capitana. E ríanse dela cando dicía que de maior quería ser ferreira. Cando medrou, tivo moitos pretendentes pois era moi atractiva. Púñaos a proba pedíndolles que a convidasen a comer á súa casa preparando eles o xantar, pero todos suspendían porque era intragable o que preparaban, lles axudara algunha muller, ou non recollían a mesa nin fregaban a vaixela. Outras veces Nera preguntáballes como querían educar aos posibles fillos e fillas... Porque ela quería un COMPAÑEIRO, con maiúsculas. Cando cumpriu 18 anos, as fadas e o reino enteiro agardaban expectantes que decidise converterse en home, pois nin se integraba coas mulleres, nin atopaba esposo por ser tan rara. Mais ela rexeitou cambiar. Pasaron os anos e non só foi ferreira senón incluso a xefa da forxa. E viviu feliz e comeu perdices, que lle guisaba a miúdo o seu COMPAÑEIRO.

 
Curso 2008/09. Lecturas Titoría 1º ESO.

Caricias de León - Santiago García-Clairac

A lectura é unha das formas máis amenas e máis eficaces de ser conscientes. Ás veces os libros que lemos vólvense significativos porque nos fan reflexionar sobre algo que tal vez antes nunca se nos ocorrera pensar, ou porque o seu contido ten unha forte  vinculación co mundo real que nos rodea. Ler é recordar, non só a experiencia allea contada polo autor ou autora sobre "actos ocorridos hai moito tempo" ou "actos recentes dos nosos días", senón tamén a nosa experiencia inconfesada. Caricias de León serviunos para abordar o tema da igualdade home-muller tratando de desenvolver o pensamento crítico en torno ao tema da violencia doméstica. O libro consta de dúas partes.

Primeira parte, novela: Diana podería ser máis tolerante e paciente con León. Pero non quere. Non ten por que aguantar. Non está disposta a deixar que o seu suposto noivo lle dea pequenos azotes, por moi cariñosos que sexan. Se a nai de León reaccionase a tempo, agora as cousas serían moi pero moi diferentes...

Segunda parte, análise: Santiago Luque, psicólogo e especialista en psicoloxía clínica e da saúde, aborda o tema da violencia doméstica desde todos os puntos de vista posibles para que os lectores e as lectoras reflexionen, saquen as súas propias conclusións e poidan decidir. Unha análise fonda da violencia de xénero e os malos tratos.

Curso 2008-09. Lecturas Titoría 3º ESO.

Curso 2006-07: Webquest

 

Primeiro Premio na categoría de ensino secundario para a webquest elaborada no IES Chapela:

Resolución conxunta do 31 de maio do 2007 da Dirección Xeral de Ordenacion e Innovación Educativa da Consellería de Educación

Distribuir contido