Conferencias, charlas

Conversa con Natalia, nai de día

Hai uns días, desde os ciclos de Integración social e Educación infantil, tivemos a oportunidade de conversar con Natalia Gómez Bayón arredor das familias acolledoras, como nai de acollida que é.

Ao tempo, visibilizounos que o acollemento segue a ser un asunto pendente e urxente. Falounos tamén do labor da Asociación de familias acolledoras de Galicia (Acougo), que enlazando vidas, acompaña todo o proceso, con programas de apoio a crianzas e adolescentes (encontros entre irmás e irmáns, ocio positivo entre iguais, apoio educativo, fins de semana de respiro, campamento de verán…), programas de apoio ás familias e programas de difusión e sensibilización arredor da necesidade de priorizar o acollemento fronte outras medidas, espallando a cultura do acollemento.

Respondeu a innumerábeis preguntas e achegounos a súa experiencia ao respecto das circunstancias que xiran arredor do acollemento: emocións, decisións, necesidades a cubrir, despedidas, reencontros, continuidade, rupturas, posibilidades…

Deixounos claro que hai que reivindicar a acollida fronte ao internamento nos centros, nos que se esvaece a posibilidade de medrar sentíndose parte dunha familia, pois como sentirse parte da sociedade sen antes ser parte da túa familia?

A clave?

Ter claro que hai que moverse no círculo da influencia, o que podemos facer, e non no da preocupación, o que non está nas nosas mans.

En realidade, as aprendizaxes que Natalia nos achegou son para a vida, non só para o acollemento.

Son precisas máis nais e pais de acollida en Galicia e a través de Acougo hai programas que exploran as posibilidades de acollida: ao longo do curso, en fins de semana, acollida temporal ou tamén, permanente se fose o caso.

É posible tamén participar da cultura do acollemento formando parte do voluntariado de Acougo, por se te animas!

Moitas grazas, Natalia, por abrirnos a porta á acollida e convidarnos a reflexionar arredor do que significa acoller!

Alento, Asociación de dano cerebral, no IES

 

 

Este xoves 15 de febreiro pola tarde os grupos de APSD e Integración social modular tivemos a sorte de conversar cunha representación de profesionais e participantes de Alento (Asociación de dano cerebral adquirido, ubicada en Navia).

Achegáronse até o IES para amosarnos como é o día a día tanto no seu centro de día terapéutico como no servizo residencial. 

Atopámonos con persoas plenamente conscientes de que é o que se precisa para mellorar a calidade de vida e a autodeterminación das persoas e como é posible poñelo en práctica grazas a moitos perfís profesionais (fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, psicoloxía, neuropsicoloxía, traballo social, TCAE…) que desafían as barreiras que nun momento ou outro da vida, en realidade, todas as persoas podemos atopar no camiño. 

Descubrimos que teñen a posibilidade de mergullarse en obradoiros artísticos, sesións de psicomotricidade, natación, escalada, experiencias en contacto coa contorna, obradoiros nos que coidar da natureza ou saídas máis alá da contorna de Vigo: a quen non lle apetece ir até Tui, por exemplo? Collen as furgos e… adiante!

E todo, co bo humor das persoas que saben gozar do momento e ir resolvendo dificultades cando xorden; se non houbese a posibilidade de previlas, pois aí teñen, ao carón da man, os apoios precisos para seguir a avanzar no camiño, xuntas.

Teñen tamén a mirada posta no futuro, con ideas que xa están a xermolar, como unha andaina a finais de abril da que vos contaremos máis adiante cal vai ser o percorrido. Imos?

Desde aquí queremos deixar constancia do que nos transmitistes! Vida! 

Grazas por achegarvos ata o IES e ampliar a nosa mirada!  

Saída Charla Alzhéimer APSD

 

O pasado luns, alumnado de APSD ordinario e modular do IES de Chapela, acudiu en Vigo a unha charla formativa dentro do programa DIVULGAMENTE da Fundación Barrié. Nela puidéronse sensibilizar e coñecer que é o Alzheimer e outros tipos de demencias, que partes do cerebro se ven afectada en cada unha delas, por que se producen e cales son as principais diferenzas entre elas.

 

 

Charla 1º Farmacia - Consello farmacéutico

O  pasado venres 21 de abril tivo lugar a charla Consello farmacéutico a cargo de María Rosa González, da empresa Coachingmasdos. Á mesma asistiu alumnado de 1º Farmacia Ordinario.

Charla emprendemento

Charla da actriz Sabela Arán Román

O mércores 27 de Abril tivemos a gran sorte de contar no IES de Chapela coa presenza da actriz Sabela Arán Román licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela e máster de Actuación Cinematográfica e TV de Madrid xunto con estudos de doblaxe.
Traballou en varias longametraxes (Blockbuster. A esmorga,Vilamor..) en series de TV (Matalobos, Serramoura, Néboa...).Tamén en series web , curtas e plataforma Netflix.
Contou co alumnado de 4º ESO e 1º Bach de música, artes escénicas e danza.
Impresionante a súa experiencia no mundo da interpretación e o rápido que empatizou con todo o alumnado que viviu con ledicia as vivencias da súa carreira profesional que lle ía contando facéndoos partícipes en todo momento.

Grazas por vir e mostrarnos a emoción coa que vives a túa profesión.

Actividade
Actividade Actividade
   

Os sentidos do cine

Para calquera futura técnica en Atención a Persoas en Situación de Dependencia a empatía é algo fundamental. Por iso, o mércores 27 de abril o alumnado de APSD modular foi ata Redondela para, da man do FIC Andaina, poñerse na pel dunha persoa cega e unha persoa xorda no ámbito audiovisual. Menuda experiencia! Grazas por invitarnos.

Aprendendo en compañía de persoas con diversidade funcional

Ao longo da segunda avaliación, o alumnado de APSD modular recibiu a visita de varias persoas con diversidade funcional do noso propio contorno: Secundino Curro (diversidade funcional visual), Eva Rodríguez Rodríguez e Beatriz Rodríguez Rodríguez (diversidade funcional auditiva), e Natalia García (diversidade funcional física / acondroplasia). Estas visitas, xunto co obradoiro de teatro inclusivo que estamos a levar a cabo en colaboración coa asociación Xaruma (para a integración de persoas con problemas de saúde mental) e a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Vigo, permitíronnos seguir dando forma ao proxecto “En compañía”, dirixido a achegarnos á realidade de distintos perfís de persoas con diversidade funcional ou usuarias de servizos de atención sociosanitaria a través do contacto directo coas mesmas para coñecelas mellor e derrubar mitos, prexuízos e barreiras.

Moitas grazas a todas estas persoas pola súa colaboración! Así mesmo, moitas grazas ao Concello de Redondela, que está a cedernos o auditorio do Multiusos Piñeiral do Crego para as sesións de teatro e que nos facilitou de balde o servizo de interpretación de lingua de signos para a charla de Eva e Beatriz!

Paulino Campos con APSD

O 7 de marzo, o alumnado e profesorado de APSD diúrno e modular e de Integración Social tivemos a sorte de contar con Paulino Campos, xornalista de TVE, RNE, El país, e activista social, presidente de REDE (Federación Galega de Asociacións de Familiares e usuarias de residencias e da dependencia) e portavoz da "Plataforma  Estatal de Organizacións de familiares e usuarias de residencias de persoas maiores e de persoas con discapacidade". Paulino ofreceu unha charla acerca da xestión das residencias de persoas maiores en Galiza e da loita que realiza por mellorar as condicións de vida das persoas residentes e das súas familias. Foi unha conversa chea de humanidade e fraternidade cara á dignificación do traballo das xerocultoras e da calidade de vida das persoas maiores. Grazas Paulino!

 

 

Charla sobre o libro Galegas na Ciencia

O alumnado de 1º de Bacharelato de Ciencias asisitiu a unha conferencia impartida por Isabel Blanco, escritora do libro Galegas na Ciencia, donado polo Concello de Redondela. Este libro recolle as biografías de vinte científicas galegas, que abriron as portas da ciencia a milleiros de mulleres. 
Charla Física e Química Charla Física e Química
Distribuir contido