Skip to Content

Erasmus STEM: primeira mobilidade - Italia

Do domingo 10 ó mércores 13 de febreiro desprazámonos a Módena para visitar o IC3 Istituto Comprensivo de Módena, centro formado por escolas de infantil, primaria e secundaria que é pioneiro na implantación de metodoloxías STEM. É un instituto excepcional no panorama italiano, se atendemos ó último informe da OECD: só o 18% dos italianos (fronte ao 37% dos outros países) se gradúa na universidade, e faino en disciplinas pouco ligadas ó ámbito STEM.

Como en España, a educación é obrigatoria ata os 16 anos. Ata os 14 todo o alumnado ten un currículo común, a chamada “educación básica”. Nós visitamos os centros de primaria Martin Luther King e e a Scuola secondaria Matarella, un centro de primeiro grao. Baixo a dirección de Daniele Barca, nestes colexios faise unha clara aposta por innovar no eido STEM, para o cal están ben coordinados por departamentos desde infantil a secundaria, ademais de dotar as aulas con recursos dixitais e tecnolóxicos de calidade.

A escola de secundaria é un edificio novo, aberto, cheo de luz; teñen aulas materia agrupadas por áreas con diferentes cores, e o alumnado desprázase entre elas cunha bolsa de cor segundo o seu curso, portando nela o material escolar. As mochilas quedan nas taquillas, e o centro mantén unha apariencia de permanente limpeza.

Existen pantallas en vestíbulos e corredores, visibilizándose permanentemente a información máis importante do centro. A pantalla situada no acceso principal da escola ten incorporado un lector magnético para controlar telematicamente a asistencia a clase. De todos xeitos, non existe absentismo.

Na biblioteca contan con ibooks para préstamo, e en todas as aulas existen estantes con libros e revistas especializadas.

As aulas de ciencias e Tecnoloxía están enfocadas a unha aprendizaxe a través de recursos TIC: portátiles e tablets, software para simulacións e programación, equipos de montaxe eléctrico e robótico, xogos educativos (Minecraft), etc. Existe material de laboratorios pero non de traballo tecnolóxico con ferramentas, agás unha impresora 3D.

Os sábados pola mañá desenvólvese un obradoiro de robótica en coordinación co profesorado de primaria, e garántese así continuidade de formación para o alumnado con interese.

Nas escolas de primaria puidemos ver aulas STEM nas que nenos e nenas programaban en Scratch ou desenvolvían proxectos interdisciplinares, como imprimir maquetas de vivendas sumerias logo de ter reproducido unha cidade con Minecraft. Nalgunhas aulas atopamos dúas docentes, a de referencia do grupo e unha segunda especialista na área (falamos concretamente coa de Bioloxía, coa que estaban preparando unha investigación).

Froito das observacións, gravei este vídeo que resume as visitas.

 



blog | by Dr. Radut