IV CONCURSO DE POESÍA MATEMÁTICA
Un ano máis celebramos o día 12 de maio, día escolar das matemáticas, o noso concurso de poesía. Queremos felicitarvos pola calidade das obras presentadas, cada ano facédelo mellor, é un auténtico pracer lelas!
As persoas gañadoras do IV Concurso de Poesía Matemática do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón son:
1º PREMIO- “AUSENCIA” Samuel Baleirón Torres 4º ESO
AUSENCIA
Dende a suave forma dos teus beizos
ata o volume da tua face.
Todo iso desapareceu
sen fórmula posible que o explique.
E sen calculalo nin cotexalo , descubríchenos,
descubríchenos ese espazo que ocupabas
ese espazo, que agora chamo vacío
que por moito que tente, parece que é infinito.
Samuel Baleirón Torres. 4º ESO
2º PREMIO- “90, 60, 90” Naira Ferreirós Bustelo 3º ESO A
90, 60, 90
90, “se tes máis de 90 centímetros pareces un home”; ela puxo roupa frouxa
60, “se tes máis de 60 centímetros estás gorda”; ela deixou de almorzar
90, “se tes menos de 90 centímetros, estás moi delgada”, ela púxose a chorar
Agora tenta esquivar os espellos para que non a devoren.
Naira Ferreirós Bustelo. 3º ESO A
3º PREMIO- Temos un empate entre:
“DOUS” Laura Mariño Bello 3º ESO A
DOUS
Dous ollos, dúas orellas
e ata dous buratos no nariz!
Dous perfectos beizos que serven para sorrir.
Dúas pernas e dous brazos,
catro extremidades para nos mover,
convosco podo dar abrazos,
e ata cansarme de correr!
Dous, que número tan máxico,
tan bonito para min,
sen ti nada sería posible,
non podería vivir.
Laura Mariño Bello 3º ESO A
“O CORPO” María Rodríguez Romero 4º ESO
O CORPO
O corpo non é matemática redonda.
Parecería máis un número irracional
ou unha fórmula sen demostración descuberta.
O corpo non é matemática
porque inventou un sistema que permite medir
as bágoas, os berros e os sorrisos.
O corpo non é matemática
porque por moito que aprenda dos gráficos
segue xogando co valor do improbable.
O corpo non é matemática
porque aínda que mido 1 metro 65,
son capaz de tocar as estrelas.
O corpo non é matemática.
Porque é o único capaz de operar
e ver a beleza
do Syntax Error.
María Rodríguez Romero. 4º ESO
ENLACE ÁS POESÍAS PARTICIPANTES
O alumnado tamén recitou e gravou o recitado das poesías nuns audios que podedes escoitar accedendo ao enlace: