Skip to Content

Club de lectura

O TESOURO DA LECTURA

O club de lectura dos maiores de Educación Primaria composto por alumnado de 5º e 6º leu Prohibido casar, papá, de Fina Casalderrey.

Comentar o libro deunos pé a falar de temas como a morte, os pais, a ausencia ou mesmo a normalización da menstruación.

Para completar a xuntanza fixemos unha busca do tesouro que consistiu en resolver un quebracabezas, secuenciar frases sobre o libro e atopar pistas na biblioteca entre os libros da mesma autora. Ao resolver as tres probas conseguiron o código para abrir unha caixa forte, onde atoparon algúns agasallos e o próximo libro.

MOITO QUE FALAR

No club de lectura de 4º de Primaria os nenos e nenas tiñan moito do que falar!

O Nicolasiño, un libro de Sempè, trata das aventuras dun neno co que o alumnado se sentiu moi identificado.

Despois de falar do libro, fixemos un encrucillado sobre algúns personaxes da historia, a partir do cal a rapazada tiña que descubrir unha palabra secreta.

Por último, vimos o tráiler da película de O Nicolasiño, que sairá moi pronto en cines.

As nenas e nenos están desexando comezar a ler o libro do segundo trimestre.

 

PALABRA SECRETA

O último día de clase antes do Nadal no noso clube de lectura de Primaria fixemos a reunión de 3° de Primaria para comentar o libro Vampira de biblioteca, de Ledicia Costas.

Primeiro comentamos un pouco as nosas impresions sobre a historia: se nos gustara, os personaxes...

Tras isto, acordamos buscar unha palabra secreta, ao igual que os protagonistas do noso libro e, despois dunha votación, a palabra escollida foi: 'Cercedenses'. 

Ao igual que a protagonista do noso libro, unha vampira que comía letras dos libros da biblioteca, nós decoramos unhas galletas coa nosa palabra secreta para despois comelas. Estaban boísimas!

 

 

PECHANDO O ANO

Para pechar o ano 2022 reunímonos arredor do manga Jojo’s bizarre adventure, de Hirohiko Araki.

A verdade é que este título non resultou como esperabamos pois predomina a violencia sobre calquera outro aspecto da historia.

Evidentemente partindo dunha máscara que transforma as persoas en vampiros xa agardabamos que fose unha historia un tanto violenta, pero non que na maior parte das páxinas se mostrasen escenas de golpes, abusos, pelexas e mesmo asasinatos, algúns tan innecesarios como queimar vivo ao can do protagonista.

Aínda así o volume deu pé para tratar temas como o machismo, a violencia de xénero e, sobre todo, a maldade: o ser humano é malo por natureza ou polas circunstancias que o rodean?

MALIA ÁS DIFICULTADES MANTÉMONOS AO PÉ DA BIBLIOTECA...

Debido a unha reestruturación da biblioteca esta permanecerá pechada durante un tempo, pero non renunciamos ás nosas xuntanzas do club e decidimos reunirnos no recibidor, diante da biblioteca.

Aínda que non nos resultou moi cómodo, o lugar era o de menos, o interesante está nos libros, neste caso no novo manga que nos convocaba: The promised neverland.

O que máis destacou a rapazada do volume foi o cambio de sentido da trama: comezaba desenvolvéndose nun lugar idílico, unha típica historia feliz e, de súpeto e por un descoido, descóbrese o que se agocha detrás desa fachada. A intriga, o misterio e o descoñecido atrapounos ata o remate da obra e deixounos con ganas de máis pois quedaron no aire moitas incógnitas por despexar.

O argumento do manga deu pé a tratar temas como o machismo, o valor do material, o egoísmo fronte á solidariedade, as prioridades de cada un e, en definitiva, a cuestionarnos que estamos dispostos a facer para manternos con vida: A custa de que? Todo vale? Salvámonos se nos salvamos nós sos?

Para a próxima reunión, xa en decembro, continúa a acción co manga Jojo's bizarre adventure, de Hirohiko Araki.

ESTAMOS DE ESTREA

A semana pasada estreáronse xa os tres clubs de lectura de primaria.

O primeiro que fixemos foi unha actividade para coñecer os gustos lectores da nosa rapazada, na cal anotaron os xéneros que máis lles gustaban, as temáticas que lles interesaban e os títulos que preferían. Resulta curioso constatar que a poesía e o teatro tiveron un peso importante polo que para as vindeiras lecturas terase en conta esta demanda.

Os libros seleccionados para cada grupo inicialmente son:

  • Vampira de biblioteca, de Ledicia Costas, para 3º EP;
  • O Nicolasiño, de René Goscinny, para 4º;
  • Chamando ás portas do ceo, de Jordi Sierra i Fabra, para 5º e 6.

ESTAMOS DE VOLTA!

As CLUBEIRAS e CLUBEIROS comezamos unha nova andaina neste curso 2022/2023.

Hoxe tivemos a primeira reunión do club de manga. Comezamos lendo un volume que, aínda que non é manga senón cómic, foi seleccionado por aclamación popular: trátase de Heartstopper, de Alice Oseman.

O alumnado tivo coñecemento desta obra a través das redes sociais e isto sumado á estrea da serie baseada no cómic en Nétflix outorgoulle unha maior popularidade.

Aproveitamos así para comparar os dous formatos existentes: o cómic e a versión audiovisual. E decantámonos definitivamente pola versión escrita: a trama da historia, a sensibilidade que mostra a autora e a invitación a imaxinar e percibir as cousas dunha forma tan persoal, fixeron que a lectura resultase fascinante e nos enganchase dende o principio.

Para a vindeira reunión regresaremos ao manga. O título proposto é The promised Neverland, de Kaiu Shirai (guión) e Posuka Demizu (debuxo).

Distribuir contido


by Dr. Radut