Skip to Content

Club de lectura

SCAPE ROOM

Cos nenos e nenas de 4° de EP fixeron o xoves o club de lectura, onde comentamos o libro do trimestre: Perrock Holmes: Scape Room imposible. Despois de falar do libro, comentar as relacións entre irmáns e falar dos “scape room” fixemos un nós mesmos. A primeira proba consistiu en ordenar os eventos do libro, para conseguir así un código secreto. Con este, desvelariamos o libro no que tiñamos que buscar a seguinte pista. Cando por fin o atoparon, tiveron que descubrir a mensaxe cun bolígrafo de luz ultravioleta. Finalmente encontramos o cofre do tesouro, onde atopamos a chave e algo de comida para adozar a tarde. Estamos seguros de que o pasaron XENIAL.

RESOLVENDO PROBLEMAS

As nenas de 3° de EP do club de lectura aprenderon moito do libro deste trimestre: Doña Problemas. As actividades que fixemos estiveron moi relacionadas coa resolución pacífica de conflitos e sobre valorar os amigos. Fixemos unhas pulseiras para regalarlle a unha amiga, e todas quedamos moi contentas co resultado.

UNHA DECEPCIÓN

Nesta ocasión o manga que lemos decepcionounos un pouco. Trátase de The seven deadly sins (Os sete pecados capitais), de Nakaba Suzuki, que se presenta como precuela do ciclo artúrico pero que só ten unha referencia expresa a este e pouco máis.

O principal problema  que detectamos foi que o personaxe principal, Meliodas, era un “depravado” e o seu comportamento machista e aproveitado (tocando os peitos ou o cu de Elizabeth, propoñéndolle un miniuniforme...) incomodounos a todos.  Ademais as personaxes femininas non se molestan ante estas situacións o que nos indignou aínda máis.

A isto había que sumar que Suzuki mostraba as mulleres da historia en posturas pouco ortodoxas, hipersexualizadas, que non se corresponden co argumento da obra.

Por outra banda, resulta curioso que o personaxe máis interesante do manga sexa un porco parlante que actúa como conciencia crítica.

Finalmente, non lle vemos sentido ao título pois é bastante sorprendente que os heroes teñan nomes caracterizados negativamente, os pecados capitais (a ira e a envexa, neste volume), nin tampouco se corresponden co seu xeito de actuar. De feito a Meliodas máis que ira parece acaerlle a luxuria...

EN GRUPO REDUCIDO

A última reunión do club de manga foi un pouco diferente pois coincidiu con varias excursións planeadas no centro polo que nin o alumnado de 1º nin parte do de 4º puido estar presente. Así que eramos menos pero iso non restou interese ao encontro.

Nesta ocasión o manga que lemos foi Haikyu. Con esta palabra desígnase ao voleibol en xaponés, polo que está claro de que trata o volume.

Resultou curioso que a temática, en lugar de tratarse de superheroes ou situacións fantásticas como vén sendo habitual, fose deportiva polo que o contido se fixo máis próximo e cotián. Este feito ten aspectos positivos e negativos. Como negativo algún membro do club sinalou a falta de acción. Como positivo está que as situacións e os sentimentos mostrados no manga son válidos na nosa realidade: o afán de superación, a rivalidade, o traballo en equipo, entre outros, son parte do noso día a día.

UNHA HISTORIA DIFERENTE

Continuamos avanzando no mundo do manga. Nesta ocasión reunímonos para comentar Yotsuba, un manga con protagonista infantil moi distinto a todo o que leramos ata o de agora.

Trátase dunha rapaza que vai descubrindo cousas cotiás que a sorprenden (o columpio, a tormenta, o centro comercial..) e que nos leva a repensar detalles que pasamos por alto no día a día.

Ao mesmo tempo falamos da posibilidade de que a protagonista que dá nome ao manga sexa unha nena con necesidades educativas especiais (cun déficit de atención e/ou con hiperactividade, ou mesmo coa síndrome de Asperger) xa que non ten paraxe e non filtra o que di, algo habitual na infancia pero agudizado no caso de Yotsuba.

Outros temas que comentamos son a adopción da nena, que se explica de forma vaga e pouco crible; a estraña relación entre a filla mediana da veciña e o pai de Yotsuba (cunha diferenza de idade considerable); o aspecto físico da nena, co cabelo verde e catro coletas... Todo isto crea unha certa sensación de irrealidade pois aínda que o que se conta parece normal ten un matiz de ficción que o desfigura.

Por último temos que anotar que se sumaron catro persoas máis ás nosas reunións: Andriely, Cristina, Liana e Lorena. Benvidas clubeiras.

PROBLEMAS ÉTICOS

Hoxe xuntámonos de novo para comentar un novo título de manga: Death note.

O argumento deste volume (poder matar xente escribindo o seu nome nun caderno) deu pé a un debate acendido sobre a pena de morte: é xustificable acabar coa vida de alguén, mesmo tratándose dunha persoa responsable dalgunha maldade (asasinato, violación...)? Non nos convertemos nós en asasinos ao matalos a eles? Como podemos estar certos de que son culpables? Soportaría a nosa conciencia o peso desa dúbida?

Ademais tamén aparece outro tema de interese: nun momento dado ao protagonista propóñenlle, a cambio da metade da súa vida, poder coñecer os pensamentos dos demais. Opinar sobre se ese trato nos convence ou non foi outro dos aspectos destacados da reunión. A maioría consideramos que é mellor non saber o que pensan os demais, aínda que esta capacidade non nos custase nada e moito menos se é a cambio da metade da nosa vida.

Todo isto puxémolo en relación coa obra de Óscar Wilde, El retrato de Dorian Gray, que parece estar no trasfondo desta historia.

TOMANDO IMPULSO

Unha nova reunión pero desta volta para para avaliar o que levamos de actividade, propoñer os cambios que se considerasen oportunos e organizarnos de cara ao novo trimestre despois do descanso do Nadal.

Así, acordamos a orde de lectura: como só mercamos tres exemplares de cada título, a cada persoa lle corresponde unha semana o manga (despois ten que pasalo á seguinte compañeira) de tal forma que ao cabo dun mes todos o lemos e podemos reunirnos para comentalo. Deste xeito tentaremos que a cadea de lectura non se rompa.

A orde establecida é a seguinte:

exemplar nº1: Alba, Carla, Antonio e Joel

exemplar nº2: Noelia, Antía, Celia e Elia

exemplar nº3: Richy, Michelle, Lucía e Helena

Ademais decidimos ler a continuación o manga Death note, escrito por Tsugumi Oba e ilustrado por Takeshi Obata, para o martes 7 de febreiro.

Por último, aproveitamos a xuntanza para propoñer novos títulos para o que queda de curso. Algúns dos que se citaron foron: Yotsuba, A silent voice, Black butter, Haikyu, 7 pecados capitales  e Grand blue. Intentaremos conseguilos.

Distribuir contido


by Dr. Radut