Skip to Content

Club de lectura

CAMBIANDO O RUMBO

Esta tarde tivemos unha nova reunión do club de lectura do 1º ciclo. O primeiro que nos chama a atención é o escaso número de asistentes debido a varios motivos: a alta incidencia da Covid entre o alumnado, a acumulación de exames e o pouco que queda de curso que fai que se vexan sen tempo para dedicarllo a outras actividades e tamén (e aquí temos que recoñecer a nosa parte de culpa) a falta de interese que parece que espertaron algúns dos libros propostos.

Para os primeiros motivos non temos solución pero para poñer remedio ao terceiro decidimos cambiar a tipoloxía dos textos e abandonamos os que se desenvolven nun espazo real para intentalo coa lectura de libros pertencentes ao mundo da fantasía. Así, a seguinte proposta é dunha autora moi popular entre o público xuvenil. Estámonos a referir a Laura Gallego. O título seleccionado é El valle de los lobos, o primeiro volume de Crónicas de la Torre. Agardamos que esta escolla cadre máis cos gustos do alumnado que continúa no club e que poida desfrutar da lectura.

Volvendo ao libro desta reunión, Sete caveiras, xa supuxo un cambio na liña de lectura proposta pois deixamos de lado os títulos protagonizados por adolescentes e as súas problemáticas e abordamos un texto de literatura negra escrito para adultos pero de doada comprensión.

A partir da historia que se conta tratamos diferentes temáticas como o abuso de substancias tales como o alcohol ou as drogas, o remordemento, a vinganza, a posibilidade de superación dunha experiencia traumática, etc. 

Aínda sendo poucos comentar os libros entre nós continúa a ser un pracer.

NÓS SI PODEMOS COMUNICARNOS

Esta tarde volvemos a reunirnos os membros do club de manga, desta volta co volume Komi-san no puede comunicarse, de Tomohito Oda.

Achegámonos nesta ocasión a un novo manga con contido, é dicir, que trata problemáticas presentes na sociedade. Como ben se observa no título a principal dificultade da protagonista, Shoko Komi, é a incapacidade para comunicarse, é dicir, a disartría. Pero este non é o único trastorno presente senón que todos os personaxes teñen algunha peculiaridade que van dende o pánico escénico de Himiko Agari ata a timidez extrema de Hitohito Tadano, pasando pola difusa identidade sexual de Najimi Osana ou a personalidade obsesiva de Ren Yamai. Malia que no manga estas dificultades se mostren dunha forma hiperbólica, iso non quita que reproduzan modelos presentes no día a día da rapazada adolescente, que é en principio o público destinatario destes textos.

Conversar sobres estes trastornos e as relacións interpersoais dos diferentes personaxes resultou, como sempre, moi grato.

ACHEGÁNDONOS A NOVAS HISTORIAS...

Hoxe no club de lectura de manga ocupámonos dun volume que trata sobre a relación entre dúas persoas do mesmo sexo (dos modos de achegarse a este feito, das confusións e dúbidas que se crean...).

Algo entre nosotros foi un cambio radical respecto dos títulos que leramos con anterioridade:

  • Fronte a acción que dominaba os volumes previos atopamos a emoción e o sentimento.
  • Fronte á profusión de onomatopeas aparece a contención nos diálogos.
  • Fronte a ocupación total do  espazo cos debuxos  pasamos a imaxes máis esquemáticas e de detalle.

 Todo isto fixo que a lectura resultase máis doada e de moito interese.

COIDADO COAS MENTIRAS...

No club de 2º ciclo imos un pouco máis atrasado e vimos de rematar o noso segundo libro do curso. Trátase de Mentira, de Care Santos, unha obra que figura entre as dez máis lidas nos clubs de lectura de Galicia no curso pasado.

Algúns dos temas tratados na xuntanza que deron máis que falar foron as relacións a través da rede, a confianza entre pais e fillos, os modelos que quere imitar a mocidade, a importancia da lectura, o que seríamos capaces de facer por amor/amizade...

O alumnado mostrou moito interese polo libro e de feito querían que seguísemos cos outros títulos da triloxía (Verdad e Miedo), pero esa xa será unha lectura que farán eles en solitario se o desexan (na biblioteca contamos con exemplares de ambos títulos). Desta colección estamos pendentes de sumar o título da secuela, Ben, que relata a vida dun dos personaxes máis destacados e controvertidos da novela.

   

TODOS SOMOS DIFERENTES

Onte reunímonos no club de manga para charlar sobre My hero academia, obra de Kōhei Horikoshi. A todas (emprego o feminino porque somos a maioría mulleres) nos gustou moito esta obra enmarcada dentro do mundo dos superheroes.

O punto de partida da historia resulta moi interesante: nun mundo cheo de persoas extraordinarias que contan con dons de seu, ser diferente e non posuír ningún don especial non pode ser un impedimento para conseguir o que se quere, neste caso chegar a ser un heroe.

Ademais o protagonista, Deku, actúa de xeito altruísta sen medir as consecuencias que os seus actos poden traer consigo, de tal xeito que no manga se prioriza a bondade sobre o interese particular.

Outro aspecto que nos chamou a atención foi o feito de que o autor (ou autora, porque non sabemos quen é) ao final de cada episodio nos conte como constrúe os personaxes: Izuku Midoriya, All Might, Kasugi Bakugo...

Como sempre o tempo non deu para máis e tivemos que regresar ás aulas sen acabar de espremer o manga ao completo: tanto o texto como o debuxo dan para comentar abondo.

A próxima xuntanza será arredor de Algo entre nosotros, de Hagi. Imos, pois, darlle un cambio ao estilo do que levamos lido ata agora.

XOGANDO A PARTIR DOS LIBROS

Desta volta rematamos con 10 negriños, de Agatha Christie, e fixemos unha xincana para tratar a obra dun xeito máis divertido. Así, alternamos as preguntas concretas sobre algún dos aspectos de interese do libro cunha serie de probas relacionadas co texto.

O tempo destinado ao club non foi suficiente para levar a cabo todo o que tiñamos planeado pero o alumnado quedou cun bo sabor de boca e cun recordo agradable desta lectura.

Aquí vos mostramos algún dos momentos da actividade.

 

SEGUIMOS E CRECEMOS

Este martes tivemos unha nova reunión do club de manga. Desta volta comentamos Hanako Kun, de Aida Iro, que resultou ser unha historia moi divertida polo que enganchou a todos os participantes dende o principio e tamén deixou moitos misterios sen resolver deixándonos co mel nos labios e pendentes do que vai suceder despois.

De feito comentamos a posibilidade de adquirir os catro números seguintes de todos os títulos que levamos lido para poder continuar coa lectura, pero xa de xeito individual e cada un ao seu ritmo.

Ademais fixemos unha serie de fotos de varios integrantes do club en distintos baños do centro co manga, posto que Hanaku é o fantasma do lavabo. Tedes a presentación coas fotos no seguinte enlace: https://youtu.be/6nyWvu_ZFAI

Por último, tivemos dúas novas incorporacións ao club co que este segue medrando...

Distribuir contido


by Dr. Radut