Equipo TICs

Charla de robótica para familias

08/05/2018 16:30

O vindeiro martes 8 de maio ás 16:30, terá lugar no salón de actos do colexio unha charla informativa para as familias sobre a robótica na educación dos seus fillos/as. Esta, encádrase dentro do proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria "Introdución á Robótica Educativa na Educación Primaria", que nos foi concedido este curso. Contaremos coa presenza de Fran Bellas, profesor da Universidade da Coruña e creador de robots e Fátima García, responsable do servizo de Formación do Profesorado na Consellería de Educación. Neste encontro, o noso alumnado levará a cabo unha práctica de traballo con robots. 

     

 

Robobos

Primeiro foron os beebots, despois os mbots e agora os robobos. A familia de robots do CEIP de Sigüeiro segue medrando e con elas as actividades e os retos por resolver. Nesta ocasión tocoulle ao alumnado de 2º e 3º de Primaria (tamén pasarán os de 1º) que se inician na robótica grazas á liña "Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia" dos Contratos-Programa. Coa axuda de Fran Bellas, profesor da Universidade da Coruña, e tamén de alumnado da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, conseguiron levar a cabo retos cos robobos nos que tiveron que medir ángulos, calcular distancias, facer xiros... Impresionante, verdade? 

 

Máis fotos no seguinte álbum:

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Robótica (E. Primaria)

STEMlab Galicia

Hoxe o alumnado de 6º de Primaria desprazouse ao palacio de Congresos de Santiago para participar na 1ª feira #STEMlab. Ademáis de coñecer ao único astronauta español en viaxar ao espacio, Pedro Duque, visitamos os stands de diferentes centros educativos galegos que desempeñan proxectos arredor das disciplinas STEM (Science, Technology, Engineering and Maths). Robótica, programación, viaxes espaciais, impresión 3D, edición de videos con pantallas de chroma... Foi unha xornada moi divertida. #eusonSTEM #nóssomosSTEM

 

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> STEMlab

Sesións de robótica con 4º, 5º e 6º

As sesións de robótica avanzan e cada vez xa somos capaces de facer máis cousas. Os retos de programar os nosos mbots para que se despracen unha determinada distancia, logo paren, xiren facendo ángulos rectos, agudos ou obtusos, esquiven obxectos e continúen avanzando... xa non son nada complicados para nós. Pero as posibilidades de traballo en robótica son infinitas e as nosas ganas de aprender tamén, así que seguiremos resolvendo probas e retos.

 

O próximo 8 de maio as familias estades convidadas a asistir a unha charla sobre robótica e as súas aplicacións na educación.

 

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Robótica (E. Primaria)

Os beebots desprázanse por Sigüeiro

Todos os martes o alumnado de infantil traballa robótica e programación cos pequenos beebots ou robots-abella. Con eles aprenden conceptos como a direccionalidade, a secuenciación, a estimación ou a resolución de problemas. Agora están recreando a nosa vila, Sigüeiro, pola que desprazan os beebots para chegar a diferentes lugares: dende a Foca ata a praza de Isaac Díaz Pardo onde se atopa o concello, a comisaría de policía, ou o Parque do Carboeiro, etc.

 

Máis fotos no seguinte álbum:

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Robótica (E. Infantil)

Cleo ensínanos a programar en scratch

Hoxe, día internacional da muller, unha alumna de 6º, muller importante onde as haxa, ensinounos programación básica con scratch. 

 

Moitas grazas Cleo por achegarnos un pouco máis o mundo da programación e da robótica. Máis fotos no seguinte álbum:

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Robótica (E. Primaria)

1ª Charla da Garda Civil

Sabedes que é o "sexting", como usar as RRSS (redes sociais) con seguridade ou os perigos de internet? O alumnado de 5º e 6º de Primaria xa o sabe grazas á charla de Óscar, o garda civil que nos acompañou o pasado venres. 

Fíxonos reflexionar acerca do número de seguidores das RRSS que non coñecemos persoalmente e cos que estamos compartindo imaxes ou informacións que poden poñernos en perigo a nós mesmos e tamén ás nosas familias. Pareceunos unha charla moi interesante e productiva. 

E o próximo venres falaremos doutro tema de moito interese tamén como é a violencia de xénero.

PFPP de Robótica e Tablets

Os docentes do noso centro, dentro do Programa de Formación Permanente do Profesorado, están recibindo formación en robótica e tamén no uso educativo das tablets na aula. Parécenos moi importante na era dixital, promover a formación nestes campos con tanta proxección no futuro e actualizar os coñecementos dos nosos mestres co fin de mellorar as súas competencias na súa labor docente.

 

Exposición interactiva "Manuel María, a palabra viva"

Hai uns días chegaba ao noso centro a exposición "Manuel María, a palabra viva" procedente da Casa Museo deste autor en Outeiro de Rei. Traía moita información do poeta e tamén moitas imaxes, pero nós queriamos máis. E como non somos de quedar quedos, decidimos que queriamos poñerlle voz e movemento. Puxémonos mans á obra e cada grupo preparou un poema seu que gravamos en video gracias a axuda do alumnado do 3º ciclo e as tablets do cole. Despois, utilizando "Blippar", unha aplicación de realidade aumentada, asociamos cada video a un panel da exposición; de xeito que ao mirar o panel coa tablet xurdía máxicamente o noso video recitando os poemas que máis nos gustan de Manuel María.

 

  

Na casa tamén podedes probar. Só tedes que descargar a aplicación e enfocar os paneis da exposición. Descubriredes un montón de cousas! Ver os paneis aquí.

Na web e tamén no perfil de twitter da Casa Museo de Manuel María, fixéronse eco da nosa iniciativa.

Mirade...

 

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Paneis Exposición Manuel María

Aprendendo con tablets

Este curso estamos desenvolvendo unha proba piloto de aprendizaxe con tablets coa editorial dixital Snappet. O alumnado de 5º e 6º de Primaria aprende Matemáticas, Lingua, Ciencias ou Inglés coa axuda desta ferramenta.