Complementarias e Extraescolares

FESTA DA AUGA!

Divertido final de curso que estamos tendo, agora tocou FESTA DA AUGA!!! E coas temperaturas que estamos soportando, superando dende hai varios días os 30 graos, viña fenomenal refrescarse un pouquiño. Como nos divertimos! Grazas a todos e todas os que organizastes esta festa, foi xenial!!! 

 

 

EXCURSIÓN FIN DE CURSO 1º E 2º DE PRIMARIA

Este luns 19 de xuño os alumnos e alumnas de 1º e 2º de primaria visitamos o Centro Etnográfico do río Mandeo da man de Pobo Aventura. Fixemos un montón de xogos e ata unha pequena andaina na que tivemos que realizar moitas probas  ao mesmo tempo que aprendemos diferentes curiosidades sobre o río Mandeo. Pasámolo xenial!!!!

 

SAÍDA FIN DE CURSO 3º E 4º DE PRIMARIA

Este mércores, 7 de xuño, os alumnos e alumnas de 3º e 4º curso de primaria visitaron o Galipark, en Padrón. Fixeron escalada, tiro con arco, lasertag, un circuíto de altura, deslizáronse por unha rampla de auga, refrescáronse na piscina e ata tiveron tempo de lanzarse por unha tirolina de 200 metros de lonxitude!!!

Picade na foto se queredes ver máis, iremos subíndoas todas ó longo da semana!

EXCURSIÓN FIN DE CURSO 5 E 6º DE PRIMARIA

Retrincos da excursión de 5º e 6º de Educación Primaria.

 

Tódalas fotos na nosa galería.

 

PRESENTACIÓN DA HORTA E LEMBRANZA A CASARES

E chegou o día grande. Por unha banda recoñecemento á nosa horta con todo o traballo que hai detrás, e pola outra, homenaxe a ese home que dedicou gran parte da súa vida a loitar polo galego e pola súa normalización, Carlos Casares.

Para a presentación da nosa horta non podía faltar unha representación do concello, que no seu momento nos traballou a terra, nin da ANPA "A Nosa Escola" que sempre nos brindaron a súa axuda con este proxecto; por suposto tiñan que estar presentes os nenos e nenas que tanto traballaron nela e todo o profesorado. "Hortocol" é unha das miniempresas nacida no noso colexio a raíz do programa da Consellería de Educación "Eduemprende" patrocinado pola Fundación Alcoa. Despois de moito traballo, esforzo, empeño, ilusión... podemos decir que o soño deste proxecto e desta miniempresa do alumnado de sexto está cumprido. Xa se están vendendo os seus productos e empezando a obter beneficios. NORABOA CHICOS E CHICAS DE SEXTO ASÍ COMO ÁS VOSAS PROFES!!!

 

E para homenaxear as Letras Galegas e a Carlos Casares algúns dos nosos alumnos interpretaron con violíns e teclados o himno galego e deuse lectura ao poema "Amemos". Para rematar, o alumnado de sexto representou no salón de actos dúas obras do autor, "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas" e "A Galiña azul". Que ben o fixeron!!!

 

 

Visita ó CIFP Compostela.

O venres 31 de marzo fixemos unha visita ó CIFP Compostela, en Santiago, para coñecer distintos estudos encamiñados ó mercado laboral (dentro do programa ATRÉVETE).

Puidemos ver como estuda e practica o alumnado de ciclos medios e superiores de mecánica, carpintería, laboratorio... Foi xenial!

Para rematar o día, visitamos a Cidade da Cultura na que fixemos unha parada para merendar e asistir a unha explicación arquitectónica da propia Cidade da Cultura. Moi interesante coñecer por dentro todos os edificios! Iso si, tivemos que botar unha carreira porque o día non acompañou...

 

OUTRA CHARLA DA GARDA CIVIL

Esta semana tivo lugar outra das charlas da Garda Civil para o alumndo de 5º e 6º, dentro do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos. Nesta ocasión  o tema foi o Acoso escolar ou bullying. Foi moi interesante e aprendemos e reflexionamos sobre moitos aspectos da vida do noso entorno. 

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN "MULLERES POLO MUNDO"

Hoxe, 10 de marzo, tivo lugar no centro a inauguración da exposición fotográfica "Mulleres polo mundo". Organizada pola ANPA "A nosa escola" en colaboración coa asociación Troula e coa biblioteca do centro, forma parte dos nosos corredores dende o día 8, Día Internacional da Muller.Todo un éxito de participación do alumnado, que co apoio das súas familias, nos trouxeron multitude de fotos ou debuxos de mulleres nacidas fóra de España e que viven en Sigüeiro ou teñen algunha vinculación coa nosa vila. Unha destas mulleres estivo presente para contarnos a súa experiencia, e entre outras cousas agradeceu a boa acollida da xente galega cos estranxeiros/as.

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER coa TVG

Hoxe, 8 de marzo, con motivo do Día Internacional da Muller, levamos a cabo no centro varias actividades, todas elas encamiñadas a tomar conciencia de que as mulleres poden igual que os homes e reflexionar sobre a situación destas na sociedade. Os nosos corredores albergaron a exposición que organizaron a ANPA, a asociación Troula e a biblioteca  "Mulleres polo mundo" coa súa caravana de mulleres.

ALMORZO CON BEIZOS BRANCOS

Grazas á Obra Social "la Caixa" e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, levouse a cabo no colexio a actividade "Almorzo con beizos brancos" para o alumnado de 4º de Primaria, participante no proxecto Cookmat. Os obxectivos son sensibilizar aos nenos/as sobre a importancia que ten almorzar todos os días dunha maneira completa e saudable así como dar a coñecer o sistema productivo do leite. Contou cunha parte teórica e unha práctica na que todos/as degustaron dúas mandarinas, un vaso de leite enteiro con cacao puro e pan galego con aceite de oliva. Hmmm! Canto lles gustou!