Blogues

Ada Lovelace, a nai da computación.

Tagged:  

Trémovos un novo episodio da nosa serie de podcasts nos que rescatamos do inxusto esquecemento a moitas mulleres que foron precursoras das súas materias.

Unha delas é esta muller, Ada Lovelace que albiscou, no mesmo inicio da computación, a linguaxe coa que había que falar ás máquinas. A ela debémoslle ter hoxe teléfonos intelixentes, ordenadores, ordenadores cuánticos...

Tamén temos un pequeno galano musical por estas datas do Nadal que nos fan os compañeiros de 3º.

O Apalpador anuncia xa o Nadal!!

Tagged:  

Coma todos os anos o Apalpador baixou das súas montañas do Courel e veu ata o  colexio para saber se as barriguiñas das nenas e dos nenos están ben cheas.

Tróuxonos unha chea de castañas e de regalos e falounos da súa vida nos montes, facendo carbón.

Se en Vigo acenden as luces para anunciar o Nadal, nós, no Condesa de Fenosa, anunciámolo moito mellor coa visita do Apalpador.

Club de lecturas científicas

Tagged:  

Un novo podcast elaborado na nosa emisora da Radio na Biblio. Desta volta recibimos aos membros do club de lecturas científicas que nos falan das últimas lecturas que teñen feito e que lles chamaron moito a atención.

Atendede a estas e estes futuros científicos.

O teu son vaime!

Mirade que fermoso vídeo realizado por centros de toda a xeografía da nosa fala (dende o norte de Portugal ata os territorios dos nosos irmáns do Bierzo), decindo algo que é a esencia do futuro do noso idioma: Arrecheguémonos para semos nós!

Podemos sentir todos os sotaques con que falamos ao longo do país, e aínda así comprobar como nos entendemos e podemos fundirnos neste canto xeral, harmonizando e acompasando os nosos sons.

E con Ghayoso fundíndose co seu micro!

Rosa Parks, sentouse para levantar ao seu pobo!

Tagged:  

Chéganos o seguinte episodio do noso podcast, desta volta da man das nenas e nenos de 4º de primaria, que nos contan moitas cousas de Rosa Parks, a muller que ao negarse a ceder o seu asento a un branco nun autobús encetou a loita contra da discriminación dos negros en USA.

 

Manifesto 25 -novembro

Tagged:  

Deixámovos aquí o noso primeiro podcast do curso, e precisamente o día internacional para a erradicación da violencia contra das mulleres.

O noso manifesto mostra o noso desexo de traballar activamente contra desta violencia de xénero.

 

Polo San Martiño, MAGOSTO e peóns ao Camiño

Tagged:  

Coma todos os anos, as castañas, o magosto, as caras tisnadas pola feluxe, as castañas amosegadas e aqueloutras que non e que estouran para risa de tod@s, e ao tempo o baile das buxainas (lembrade... polo San Martiño Peóns ao camiño) volven ao noso colexio.

E como dice a canción, Se chove... deixa chovere! aos galegos non nos asustan unhas cantas pinga. E se hai que facer o magosto, faise!!

M(P)adriñ@s Lectores

Tagged:  

Un ano máis volven as lecturas ao patio de infantil coas nos@s voluntari@s, as nosas madriñas e os nosos padriños lectores.

Crear afeizón á lectura, desenvolver lazos de amizade e solidariedade entre o alumnado, xogar xuntos... son moitas das cousas que promove esta iniciativa dos apadriñamentos lectores.

Dentro de pouco botaremos tamén a andar o club de lectura dos adultos, que este ano van ler "Senlleiras" de Antía Yáñez, e neste mesmo lugar vos informaremos de como vai indo a cousa.

Entrementres, deixámovos unhas fotos dos nosos apadriñamentos lectores que enfeitan o patio de infantil.

DinoTerror

Tagged:  

Onte á noitiña, quentando xa os ánimos para o Samaín, puidemos escoitar na Biblioteca do Condesa varios contos de terror.

Cunha boa afluencia de aterrorizad@s nen@s e nais e pais, os nosos contacontos nos regalaron unha presadiña de contos de terror que nos encantaron a tod@s e que nos animaron a ler estas historias nos fondos da Biblioteca.

Pois iso, nen@s, lede para pasar un terrorífico Samaín.

Ven e arrepíate no Samaín da Biblioteca

Tagged:  

Xa o fixemos antes da pandemia, e arestora volve O CONTACONTOS MÁIS TERRORÍFICO.

Vén ao Samaín da biblioteca o vindeiro luns á noitiña, porque ás sete e media imos ter unha xornada de terror con monstros, bruxas, sacauntos e bestas varias...

Vén..... se te atreves!!!

Distribuir contido