Blogue
Ola amig@s:
Invitámovos a mandarnos dende este formulario calquera comentario que nos queirades facer para mellorar o noso servizo de biblioteca escolar.
Podes mandar as túas queixas, se algo do que estamos a facer non che gusta ou pensas que está mal organizado.
Podes enviarnos as túas suxestións, cousas que non facemos e que pensas que poden ser un recurso interesante para a biblioteca.
Tamén nos podes enviar aqueles recoñecementos que queiras, as actividades, recursos ou iniciativas que pensas que son importantes manter para dar un servizo de biblioteca de calidade.
En fin, que estaremos moi atent@s ás vosas impresións e tentaremos así facer a mellor biblioteca posible.
Mercadiño de intercambio de libros
quinif — Ven, 27/05/2022 - 12:21
Coma todos os anos durante esta semana realizamos o noso tradicional mercadiño de intercambio de libros, co que queremos dar unha segunda vida aos libros que xa temos lido, dando unha alternativa cooperativa e non comercial a eses libros que temos nos andeis da casa.
Se ben o ano pasado, por mor das restricións da Covid 19, non puidemos facer o mercadiño na biblioteca, este ano á calor do novo protocolo, xa puidemos realizar a actividade na propia biblioteca, encetando unha nova etapa na que as restricións de uso sexan unha mala lembranza e poidamos ir recuperando a nosa actividade anterior á pandemia.
Lectura, familias e Cristina Novoa
quinif — Mér, 04/05/2022 - 09:52
Onte tivemos o enorme placer de ter connosco a Cristina Novoa, que veu falarnos do acompañamento lector, base imprescindíbel para criar lector@s crític@s, ávid@s, curios@s...
Cristina é unha das maiores especialistas en bibliotecas escolares do Estado Español, e baixo a súa dirección se desenvolveron múltiples programas de promoción da lectura, como o material ao que podedes acceder polo seguinte código QR.
A súa visita enmárcase dentro do programa de lecturas e familias, que a máis dun club de lectura e outro de escritura, organizou a charla da escritora Ana Meilán e ten adiado un obradoiro de contacontos con Manuel Caramés, que realizaremos en breve.
Lectura e Familias está a ser unha iniciativa que está achegando estratexias para que dende a escola e a contorna familiar traballemos en conxunto para acadar ese achegamento á lectura tan desexado por todos nós.
Celebrando o día do Libro
quinif — Sáb, 23/04/2022 - 19:23
Volve unha certa normalidade, tras estes anos de COVID, ás actividades da Biblioteca, desta volta cunha nova visita de Paco Nogueiras, da man da Editorial Kalandraka, que nos veu contar unha serie de contos (o can de Milu, Selva, e outrosm albumes ilustrados).
O espazo foi o patio cuberto, onde puidemos montar un escenario e co fondo do mural de Florencio, co que cremos que foi un marco estupendo para realizar esta actividade.
Todos acabamos cantando e batendo palmas, e desfrutando coas lecturas que é o mellor xeito de animarnos a sermos lectoras e lectores autónomos.
Deixámovos aquí unha pequena escolma de fotos da actividade que son a mostra dese agromo desta primavera que anuncia que volveremos a ter unha vida máis ou menos normal.
Vídeo do mural de Florencio
quinif — Lun, 21/02/2022 - 21:07
Durante a realización do noso mural sobre Florencio fomos tomando algunhas instantáneas da nosa comunidade traballando. Sen dúbida é un fermoso xeito de mostrar o bo que é o traballo en equipo, que tira de cada un de nós o mellor que temos para ofrecer: a nosa creatividade, o noso esforzo, a nosa colaboración...
Valores, sen dúbida, todos eles presentes na obra de Florencio.
Creatividade na Biblioteca: creando un mural para Florencio
quinif — Sáb, 12/02/2022 - 22:07
Tanto o Equipo de Biblioteca coma o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do colexio puxemos en marcha baixo a dirección de Chere, un artista orixinario do Barco, e da súa compañeira Susana que se adicou máis á dirección da parte pictórica, a elaboración deste mural co que queremos homenaxear ao autor nacido en Córgomo, Florencio Delgado Gurriarán, ao que a Real Academia Galega adica as letras galegas deste ano 2022. O mural elaborado integramente polo noso alumnado, continuará a súa elaboración o próximo luns, xa que no traballo das clases houbo que aplicar quendas para cumprir co protocolo anticovid.
O mural ten tres panos, un adicado ao retrato do autor, outro central cunha paisaxe valdeorresa e o terceiro pano no que cada clase escribirá un verso de Florencio Delgado Gurriarán que escolleron de entre os poemas da obra de Florencio.
Deixámovos unha escolma de fotografías do proceso de elaboración deste mural homenaxe.
Primeira actividade de Familia e Lectura
quinif — Xov, 10/02/2022 - 13:01
Onte tivemos ás 4 da tarde a primeira actividade do programa de Familia e Lecturas, cunha conferencia de Ana Meilán que nos falou da importancia da lectura para o noso desenvolvemento persoal, e animounos a ler e escribir.
Pola mañá tivo un encontro co alumnado de distintos niveis do colexio, e a tarde foi adicada a este encontro coas nais que se achegaron ao centro.
Esta actividade vai ter continuidade con outras charlas e obradoiros e a posta en marcha de clubs de lectura e de escritura creativa.
Invitámovos, xa que logo, a participar destas actividades que estamos seguros que serán de moito proveito para todos nós.
Conferencia de Ana Meilán
quinif — Mar, 08/02/2022 - 12:59
Mañá ás 4 da tarde Ana Meilán, escritora lucense de literatura infantil, terá un encontro coas familias do centro.
Ler e escribir non entenden de imperativos é o título da súa charla, coa que nós tentamos achegar medios de promocionar a lectura dende as familias para inocular este bo vicio, o do ler e escribir, a todo o noso alumnado.
Non deixedes de acudir.
30 de Xaneiro: Día da Ilustración
quinif — Ven, 28/01/2022 - 23:25
Todos os anos se celebra o 30 de xaneiro o Día da Ilustración. A ilustración nos dá unha visión complementaria, enriquecedora dun texto, facilitándonos a relación coa trama que se nos conta.
A máis disto hai ilustracións dunha calidade excelente, cun valor artístico de seu, que mesmo se convirten elas soas, sen texto, nun libro de valor excepcional.
Dende hai uns anos levamos traballando os mestres das bibliotecas de Valdeorras e Trives nun seminario de Ilustración, e este ano comezamos a traballar nos poemas de Florencio Delgado Gurriarán, autor ao que lle adicamos as Letras Galegas deste ano 2022.
O ano pasado fixemos algúns traballos de ilustracións baseándonos no Libro dos Moradores de Darío Xohan Cabana, e aquí vos deixamos o noso traballo, recompilado pola nosa mestra Isidora, coordinadora da Biblioteca do IES de Celanova, premio nacional de Bibliotecas deste ano, para que xuntos celebremos esta data.
Darío, sempre connosco
quinif — Mér, 17/11/2021 - 13:24
Abraiados lemos a nova do pasamento de Darío Xohán Cabana, e pensamos que os lectores galegos quedamos orfos sen esta gran persoa e escritor inesquecible.
Eu non podo declararme menos que namorado do seu "Galván en Saor", un libro marabillosamente escrito onde canda a modernidade convive en máxica harmonía o celme dos libros de cabaleiría, o ciclo artúrico herdeiro do Merlín mindoniense.
E que dicir do "libro dos moradores", de "Cándido Branco e o Cabaleiro negro", ou "as aventuras de Breogán Folgueira", e como non da súa impresionante tradución da Divina Comedia.
O ano pasado tivemos aquí no Barco un grupo de traballo sobre ilustración que traballou sobre os contos do libro dos moradores, e na reunión final, onde mostramos os nosos traballos acudiu Darío para ver os deseños inspirados na súa obra. Coma sempre as súas intervencións foron esclarecedoras sen por iso esquecer o humor.
A nosa biblioteca, que tivo a sorte de que nos visitara en 3 ocasións, non ha parar de chorar a súa perda.
Deica sempre, Darío.
