Proxectos

Un proxecto con moita Enerxía

Botamos a andar o noso proxecto documental sobre a Enerxía.

Para comezar imos poñer en marcha unha pequena páxina web onde recoller distintos recursos documentais, dixitais e analóxicos, para recompilar os datos que vaiamos necesitando para satisfacer as nosas necesidades de información.

Tamén poñemos en marcha unha wiki dentro da aula virtual do colexio para ir poñendo por escrito todo o que averigüemos sobre a enerxía.

Para visitar a nosa páxina do proxecto, premede aquí!!

Florencio Delgado Gurriarán, o noso poeta.

Comeza o ano das letras de Florencio, e nós arrincamos con el para darlle unha moi merecida homenaxe a este veciño de Córgomo, que soubo, coma ninguén, cantar á nosa bisbarra, aos seus montes, á súa fala, aos seus viños, ás súas xentes...

No Colexio, e no marco da Biblioteca creativa, estamos a elaborar un mural para celebrar a elección de Florencio coma autor a homenaxear nas letras galegas deste ano.

A nivel académico o noso alumnado vaise embarcar na elaboración dunha wiki sobre a súa vida e obra, e coma material de apoio á súa procura na rede, elaboramos unha pequena web onde recollemos algúns dos enlaces que a estas alturas do ano están fornecendo informacións de relevancia sobre o noso autor.

Se queredes acceder a esta web, podédelo facer dende aquí.

En canto teñamos rematado o noso mural, no que vai participar todo o colexio baixo a dirección do artista Xerardo Estévez,  tamén vos ensinaremos o resultado do noso traballo neste mesmo espazo.

Deica entón, saúde e terra!

Coronavirus: Coñecelo para derrotalo.

Tod@s sabemos o que está a pasar por mor da pandemia do coronavirus, da xente que enferma, do confinamento...

Con esta secuencia de actividades pretendemos que tod@s saibamos con que nos enfrontamos: que é un virus, como se multiplica, cales son os seus puntos febles e como podemos acabar con el.

Preme aquí para acceder a estes contidos.

150 anos da Táboa Periódica

MendeleievEste ano conmemórase o 150 aniversario da publicación da Táboa Periódica dos Elementos de Mendeleiev, que abriu unha chea de posibilidades para a química do século XX e XXI.

Nesta secuencia de actividades podemos pescudar e aprender máis sobre a táboa, o seu autor, a estrutura do átomo que subxaz no concepto da táboa, e as achegas que nos fai a Química a nosa vida cotián e aos desafíos do futuro.

Premede aquí neste enlace, e mergulládevos no mundo da Química.

As fotos dos avós

Hai algúns anos fixemos un traballo de recollida de fotografías antigas,  e o resultado foi tan bo, atopáronse fotografías tan preciosas, que non puidemos resistir a tentación de facermos unha exposición con elas. 
A toda a comunidade educativa encantoulle a iniciativa, e dado que había tanta xente que quería unha copia de tal ou cal foto, decidimos poñelas a disposición de tod@s na rede. 
Premede aquí e... velaí as tedes

Xogando coa CDU

A dirección xeral de Centros e Recursos Humanos vén de convocar un concurso de ideas para traballar a CDU nas clases. De seguro que xurdirán ideas excelentes das que nos aproveitaremos tod@s e que nos servirá para ser usuarios máis eficientes da Biblioteca.

Nós tamén queremos achegar o noso grao de area, e velaquí, neste enlace chégase a unha secuencia de actividades ao redor do tema da CDU.

 

O foguete do Condesa vai despegar cara a Galaxia 3B-nus

Este ano houbo moitos e moi interesantes proxectos de investigación dentro do noso colexio.

Un deles é este proxecto de investigación titulado "Galaxia 3B-nus", que nos converteu a todos e a todas en astrónomos e astronautas.

Fixemos moreas de cousas, e aprendemos moito: traballamos con Escornabots, fixemos impresión 3D, elaboramos lapbooks, gravamos vídeos e estreamos a pantalla Chroma, aprendemos a citar os libros e webs que usamos na nosa investigación, fixemos galletas, presentamos o noso traballo en público...

Se queredes saber máis polo miúdo que é o que fixemos podedes consultar esta WEB.

Non vos ides arrepentir.

 

A historia do Barco ao través dos seus edificios

Xa  temos a web do proxecto documental do curso 2013-14, na que investigamos sobre a historia dos edificios máis senlleiros do Barco de Valdeorras.
A nosa idea é que a Web sexa accesible dende dispositivos móbiles, para o que imos colocar códigos QR nos edificios que permitan á xente do lugar, e aos forasteiros que nos visiten, coñecer un pouco máis sobre as edificacións do noso pobo.
Mentres non colocamos os códigos podedes acceder á Web dende aquí.

A Castaña e o Castiñeiro

No ano 2016-17 estivemos a traballar procurando documentación sobre a castaña e o castiñeiro, algo moi noso, de Valdeorras.

O Barco, aínda que é máis famoso polo viño, ten os seus montes inzados de soutos, e a castaña é un produto de moita importancia para a economía da nosa comarca.

No colexio unha das festas máis queridas é o Magosto, onde todos o pasamos de marabilla, así que por que non investigar sobre esta festa, sobre a árbore e o seu produto, sobre as súas pegadas na literatura popular (refráns, adiviñas, cantigas...) e sobre as larpeiradas que podemos facer coas castañas na cociña.

Así que nos puxemos a traballar, e os resultados deste traballo de investigación, así como algunhas actividades para divertirnos ao tempo que aprendemos, puxémolo nun eXe, que está á vosa disposición.