Nesta entrada queremos mostrarvos o acto de homenaxe ao noso ex-director, Francisco Pérez Lemos.
Paco, como tod@s vós sabedes, foi unha persoa que encabezou a modernización e mellora do noso colexio, e foi quen de crear unha comunidade educativa unida pola mellora da calidade e pola adquisición de valores de solidariedade, igualdade e liberdade.
E todo iso acompañado dun ambiente agradable, cheo de humor e afecto, humano e harmonioso.
Velaí o noso homenaxe máis sentido para Paco e a súa familia.
Este primeiro de maio acudimos, coma facemos habitualmente, á festa dos Maios no Concello do Barco de Valdeorras, e alí tivemos a ocasión de interpretar a Cantiga de Maio, que compuxera Florencio Delgado Gurriarán, a xeito de homenaxe á súa figura.
Desta volta tivemos o terceiro premio en maios tradicionais e o primeiro en maio artístico, e ao non ter coplas orixinais non competimos no apartado de coplas, pero cremos que ben paga a pena xa que neste ano tratábase de homenaxear ao noso persoeiro.
Tamén tivemos o premio do público, que é un premio que nos enche de satisfacción.
Deixámovos a ruta á reportaxe que fixeron en Promecon do acto:
Este ano coincide a nosa festa dos Maios co día da Nai.
Con este vídeo, que temos que agradecer coma moitas outras cousas a Michel, a nosa comunidade quere felicitar ás nais do noso alumnado, que sempre están aí apoiando @s fill@s na súa marcha escolar e fronte aos desafíos da vida.
Para todas elas a nosa máis sentida felicitación neste día.
Deixámovos aquí unha reportaxe dos actos realizados para a celebración do Día da Muller Traballadora pola comunidade escolar do Ceip Condesa de Fenosa. Coma sempre estamos moi orgullosos de sermos unha comunidade que reivindica a total igualdade de mulleres e homes, e de que o noso alumnado vaia criando os alicerces dun mundo futuro igualitario e solidario.
Hoxe realizamos o noso acto pola Paz, centrado na reivindicación da igualdade no acceso á educación para homes e mulleres.
O acto consistiu en pendurar do noso valado uns grous de papel, seguindo o exemplo de Sadako, e tamén enviamos amarrados a uns globos de helio outros grous, neste caso un por aula do centro, con mensaxes pedindo a igualdade no acceso á educación das nenas e nenos.
Deixámovos aquí un vídeo do intre en que soltamos os globos para espallar os nosos desexos de igualdade polo mundo adiante.
Un ano máis foi imposíbel realizar o festival de Nadal como adoitabamos facer nos anos anteriores á pandemia.
Cando faciamos o Festival tod@s nos queixabamos da falta de espazo, da calor, de se alguén se levantaba a facer unha foto ou gravar un vídeo... Que tempos aqueles! Como os botamos de menos!
Pero aquí están @s nen@s coa mesma ilusión, cantándonos as panxoliñas, bailando ou contándonos un conto... e grazas a eles a maxia do Nadal continúa.
Desfrutade destes vídeos nos que nos regalan o seu traballo, o seu esforzo e a súa ilusión.
Que pasedes tod@s un bo Nadal e que o ano que vén sexa o que nos permita sair desta pandemia.
Mentres tanto, desfrutade das Festas CON SENTIDIÑO!
Como todos os anos, polo mes de novembro, @s nos@s mellores científic@s póñense a bata branca e preparan os seus experimentos para contarnos que é iso da ciencia, e as cousas tan fantásticas que podemos facer traballando con elementos tan cotiáns coma auga, colorantes, aceite, bicarbonato....
E por suposto, no noso idioma, porque a máis de termos verbas "fermosas", temos, coma todos os idiomas do mundo, a capacidade de entender e explicar con el todo o que sabemos da natureza.
Por isto, o alumnado do noso centro e as súas familias, un ano máis enchen esta páxina de ciencia da boa, de ciencia en galego!