Resolución provisional Plan de mellora de bibliotecas escolares- Públicos (centros de nova incorporación). Curso 2020/21

 

logo programa bibliotecas escolares de Galicia

O Portal Educativo publica hoxe, 14 de xullo, a relación provisional de centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2020/21, co detalle das contías asignadas inicialmente, segundo o previsto na Orde de 25 de maio de 2020 (DOG de 03/06/2020).  Intégranse, segundo esta resolución, 25 novos centros. Este número poderá incrementarse na resolución definitiva en función das baixas ou renuncias ocasionadas. Esta resolución final, que se publicará no DOG, previsiblemente no mes de setembro, recollerá a totalidade dos centros públicos integrados no PLAMBE para o curso 2020/2021 (705), así como as asignacións destinadas ás intervencións de mellora e actualización das bibliotecas escolares. 

Ábrese un prazo de 5 días naturais a contar a partir de mañá 15 de xullo, para a presentación das alegacións que se considere conveniente. 

 

Informe Clubs de lectura do curso 2018/2019

 

 

Como en anos anteriores, publícase un breve informe sobre as actuacións dos Clubs de lectura que participaron na convocatoria de 208/2019. Esta é unha actividade integrada no programa Hora de Ler que promove a participación de grupos de lectores e lectoras para compartir as asúas experiencias coa lectura coa mediación dunha persoa adulta. Estos clubs considéranse unha das fórmulas de maior interese para o fomento da lectura, en xeral, e entre os adolecentes en particular. O informe foi elaborado a partir dos datos obtidos da valoración das 242 memorias presentadas polos Clubs de lectura que se acolleron á convocatoria anual do curso 2018/2019.

Lembramos, tamén, o estudo realizado por José Antonio Millán sobre os impactos desta iniciativa transcorridos dez anos da primeira convocatoria, no que se inclúe o informe do curso 2017/2018.

Novos artigos sobre bibliotecas escolares na Revista EDUGA de xuño de 2020

 
 
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de facer público o novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA), que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares. Neste número 79 de xuño de 2020 publícanse un total de 8 artigos, nas tres sub-seccións: Biblioteca escolar, Boas prácticas e Hora de Ler. Nestes artigos, atopamos reflexións e actividades sobre o papel da biblioteca durante o cese da actividade formativa presencial,  traballo por proxectos,  clubs de lectura, inclusión,  lectura,  igualdade ... Unha revisión destes artigos, e do resto de traballos publicados en números anteriores da revista, serve para achegarse á realidade das bibliotecas escolares galegas, autenticos motores de innovación e viveiros de cidadanía, temén en tempos estranos.

 

Bibliotecas escolares abertas, activas e imprescindibles.

Cristina Novoa e María Pousa. Asesoría de bibliotecas escolares. 

 

Os camiños da lectura no CEIP Juana de Vega

Equipo de biblioteca do CEIP Juana de Vega (Oleiros-A Coruña) 

 

ALFIN en tempos de coronavirus.

Mónica P. Múñoz Sobrino. CEIP A.D.R. Castelao (Navia-Vigo) 

 

Reformas nos alicerces de Librolandia.

 María Elena Cagigao  e Ruth Álvarez . CEIP P.  Graxal (Cambre-A Coruña)

 

A inclusión e as bibliotecas creativas.

Manuel andrade Vallo. CEE López Navalón (Santiago de Compostela) 

 

Dez anos ao pé da  letra.

 María Garrido e María Xosé Fernández. 

IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia-Ourense) 

 

Deconstruíndo as series televisivas para adolescentes con Mª José Masanet

Susana Quintela Díaz. IES María Sarmiento (Viveiro-Lugo) 

 

 Se as pedras falasen... falarían con voces de muller.

Isidora Gil, Inma Fernández e  Belén Sánchez.

IES de Celanova (Celanova-Ourense) 

  

#bescolaresgalAbertas - Carta de Navegación curso 2020/2021

Á vista das necesidades observadas durante o periodo da suspensión da actividade educativa presencial cómpre iniciar un periodo de reflexión por parte dos axentes implicados nos programas de desenvolvemento das bibliotecas escolares e fomento da lectura: equipos de biblioteca e Asesoría de bibliotecas escolares, especialmente.
A Asesoría elaborou  dous documentos que convidan á reflexión sobre o feito nestes meses e a valoración dos aspectos a ter en conta na planificación do curso 2020/2021:
Os equipos de biblioteca empezan a achegar propostas con protocolos para o remate deste curso e o inicio do próximo:

 

 

#bescolaresgalAbertas - Guías de Verán 2020

 

Ás nosa xanelas asoma un verán diferente, que todavía non sabemos como afrontar. É posible que unha boa selección de lecturas axude neste trance e niso andan as bibliotecas escolares galegas.

"... merecemos recursos enriquecedores, que entreteñan e aporten a un tempo." (Biblioteca CEIP de Leirado) 

 

Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2020/2021 - Centros públicos

 

O DOG publica hoxe a Orde do 25 de maio de 2020 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, para o curso 2020/21.

Ao igual que en anos anteriores, seleccionaranse un mínimo de 25 centros novos para a súa incorporación ao PLAMBE, podendo ampliarse este número no caso de baixas ou renuncias de centros xa integrados neste programa en convocatorias anteriores. Os centros que se incorporaron nas convocatorias 2014, 2015 e 2016 poderán recibir, ademáis da asignación para fondos, unha asignación complementaria para a renovación de mobiliario e outros equipamentos imprescindibles para o funcionamento da  biblioteca escolar. A continuidade no PLAMBE esixe a solicitude correspondente a través desta convocatoria, coa entrega da documentación que se solicita en cada caso, así como acadar unha valoración positiva na memoria de actividades deste curso 2019/2020.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 3 de xullo.

 

 

15 Anos de LIX Galega

Recollemos nesta guía 15 anos de LIX galega unha selección dos libros que tiveron unha maior presenza nas bibliotecas escolares galegas nestes primeiros quince anos do PLAMBE, que acompañaron ao alumnado galego no seu paso pola escola e polo instituto neste período e que, finalmente, teñen o recoñecemento das lectoras e dos lectores galegos. É froito da nosa observación e da colaboración con profesorado responsable de bibliotecas escolares que quixeron contribuír coa súa escolla. Non están todos pero todos os que están son referentes de lectura e forman parte do imaxinario do lector e da lectora que foi medrando xunto coa rede de bibliotecas escolares galegas.  A dificultade de seleccionar 15 títulos, a nosa primeira intención,  levounos a un documento más amplo no que se recollen, tamén, os títulos que tiveron recoñecemento a nivel galego, a nivel estatal e a nivel internacional. 

 

 

 

 

 

#bescolaresgalAbertas

 

Nestes días nos que quedamos na casa, as bibliotecas escolares galegas permanecen abertas virtualmente e continúan ofertando ao alumnado recursos e  actividades  arredor da lectura, os proxectos de traballo, AMI, ALFIN, música, Arte, creación, retos ...

 

 

 

OBRADOIROS E TITORIAIS ESPECIAIS:

RECURSOS SOBRE O COVID 19:

LECTURA:

VÍDEO-RECOMENDACIÓNS:

VÍDEOCONTOS:

RETOS: 
ALFIN / AMI:
RECURSOS:
ARTE/CREACIÓN:
RADIO NA BIBLIO:
PROXECTO ELBE.2:
COCIÑA:
VOLUNTARIADO:
 

 

Telexornal "Carvalho Calero" desde o CPI dos Dices

 
Desde o CPI Plurilingüe dos DIces (Rois-A Coruña) chéganos, como en anos anteriores, o telexornal adicado á figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Neste ano 2020, as nenas e nenos implicados nesta experiencia de alfabetización mediática traballaron sobre RICARDO CARVALHO CALERO, baixo a dirección do profesor Luís Aldegunde, e presétannos un documento imprescindible para achegarnos ao autor e a súa obra.
As circunstancias excepcionais nas que nos atopamos obrigaron a acelerar o traballo no último día de clase presencial e mesmo a realizar algunha entrevista virtual. 
Parabéns, este ano máis que nunca, por un proxecto de alta calidade e estabilidade. 

Premio dos Clubs de Lectura 2020 para Andrea Maceiras

 

 Andrea Maceiras

Co gallo da celebración do Día do Libro, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, da consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, fai pública a Resolución de 23 de abril de 2020 pola que se recoñece a Andrea Maceiras co Premio dos Clubs de Lectura 2020. 

No ano 2015 creouse este premio co obxecto de recoñecer cada ano a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción de lectoras e lectores nestas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandono, ao ampliarse o abano de estímulos e intereses. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. Na resolución de creación do premio contemplábase que “o Premio dos Clubs de Lectura poderá entregarse unha soa vez a un autor ou autora. No caso de que o primeiro creador da relación resultante nun curso xa tivese recibido o premio, este seralle concedido ao autor ou autora seguinte na relación”.   Até o momento recibiron este galardón os escritores Agustín Fernández
Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), Carlos Negro
(2018) e María Reimóndez (2019).

Andrea Maceiras é unha das autoras más seguidas polo lectorado infantil e xuvenil galego. A súa última novela, Conta nove estrelas, obtivo o Premio Lazarillo 2018. Na súa web podemos coñecer toda a súa traxectoria e todos os seus libros. Dous dos seus títulos, O que sei do silencio e Europa express están incluídos entre os 50 libros máis lidos nos Clubs de lectura no curso 2018/2019. 

 

 

Día Mundial do Libro 2020. #bescolaresgal abertas e activas

 

 

Aínda na distancia, o mes de abril ferve nas bibliotecas escolares galegas cunha gran variedade de actividades arredor do libro e a lectura. As circunstancias excepcionais obrigan a dar unha pensada á programación do Mes do Libro, as recomendacións e lecturas virtuais, os retos, a participación das familias, a creatividade... ocupan agora este espazo, diferente pero igualmente rico.

Proposta da Asesoría de bibliotecas escolares: ReivindicaImaxe1Imaxe2Imaxe3Imaxe4

Vídeo coas propostas recibidas. 

Propostas das bibliotecas escolares galegas:

 

Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor - 2020

Achégase o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, en acepción da UNESCO, e desde a Consellería de Educación, Universidade e formación Profesional edítase o díptico para conmemorar este día 23 de abril de 2020.

Acudiuse, como en anos anteriores a unha persoa referente da literatura galega actual, neste caso ao escritor, xornalista e divulgador da cultura de Galicia, Manuel Gago, quen creou un texto orixinal cedido xenerosamente para esta pequena peza de difusión do Día do Libro, centrándose nas potencialidades do libro e da lectura e que nos agasalla esta evocadora afirmación: 

"Cada libro que lemos queda gardado no noso peito como semente, paxaro ou xabarín"

Que a primavera entre polas fiestras e traia a voz das aves para acompañar as nosas lecturas!

 

 

A imaxe do díptico é tamén unha colaboración do profesor Harold Iglesias, a quen agradecemos esta fotografía dun "chasco" da Costa Vicentina (Portugal), paxariño común tamén no noso país.  Pódese coñecer algo máis deste "chasco común"  na ligazón  https://gl.wikipedia.org/wiki/Chasco_común e mesmo escoitar o seu canto: https://www.canto-pajaros.es/tarabilla-europea/

 

Os/as 40 autores e autoras máis lidos polos Clubs de Lectura no curso 2018/2019

 

Coma en anos anteriores, trala revisión das memorias dos Clubs de lectura correspondente ao curso 2018/2019, e á vista das lecturas realizadas polos diferentes grupos integrados no club de lectura de cada centro participante, pódese coñecer a relación dos 50 títulos máis lidos así como o número de lectura realizadas de cada autor ou autora, tendo en conta as diferentes obras lidas de cada un deles.

Publícase agora a relación dos 40  autores e autoras máis lidos polos clubs de lectura nese período.

 

#bescolaresgalAbertas: 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil - 2020

Como en anos anteriores (aínda que este sexa diferente) o IBBY (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día do Libro Infantil o 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. O obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos. 

A sección patricinadora deste ano é Eslovenia que difunde a mensaxe de Peter Svetinai lustrada por Damijan Stepancic: Fame de palabras. 

GÁLIX, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a tradución ao galego de  Héctor Cajaraville. 

Propostas das bibliotecas escolares galegas:

#bescolaresgalAbertas: 1 de abril, Día das Artes Galegas - 2020

 

 

 

O día 1 de abril, celébrase o Día das Artes Galegas que, neste 2020, homenaxea ao arquitecto Domingo de Andrade. Aínda que a maior parte da súa obra podemos vela en Compostela, fora dalí tamén deixou a súa pegada en Lugo e Ourense.

É unha ocasión para afondar nos espazos creativos das nosas bibliotecas na temática arquitectónica, tanto nos fondos bibliográficos como nos materiais manipulativos. 

Tamén para traballar o cartel conmemorativo, realizado polo académico Xosé Díaz Arias de Castro a partir do retrato de Domingo de Andrade obra de Felipe Criado e conservado na Facultade de Xeografía e Historia compostelá. 

 

Actividades nas bibliotecas escolares galegas.

 

#bescolaresgalAbertas: Día Mundial do Teatro

 

O 27 de marzo de 1962 o Instituto Internacional do Teatro (ITI) decidiu establecer esta data como Día Mundial do Teatro, lembrando a apertura do Teatro das Nacións en París. O seu obxectivo e promover o teatro en todas as súas formas arredor do mundo, crear conciencia sobre o valor do teatro e poñer en valor a forma de arte "teatro".
Este ano o dramaturgo pakistaní Shahid Nadeem é o encargado do manifesto : O Teatro como Santuario.
Nestes tempos de confinamento son moitas as actividades que , a través das redes, conmemoran esta data:
Actividades das bibliotecas escolares galegas: #bescolaresgalAbertas

 

21 de marzo: Día Mundial da Poesía

 

 Falta de atención

Porteime mal onte co cosmos.

Vivín todo o día sen preguntar por nada,

sen asombrarme por nada. 

 

(Wislawa Szymborska - Versos Escollidos)

 

Este ano celebramos o Día Mundial da Poesía nunha situación excepcional, por iso faise máis real o lema da ONU: Poesía, expresión lingüística da nosa humanidade común. 

 

Neste contexto as bibliotecas escolares galegas seguen a traballar para promover a lectura de poesía desde a distancia:

GALIX convida a participar no Concurso: Un poema na túa voz.

 

Gañadores Selo CCB 2019

 

Consello de Cooperación Bibliotecaria ven de presentar os proxectos gañadores do Selo CCBun recoñecemento anual que ten como finalidade resaltar o valor de proxectos de bibliotecas máis destacados relacionados cos obxectivos xerais do III Plan Estratéxico do CCB.
Como en convocatorias anteriores, as bibliotecas escolares galegas aparecen entre os proxectos recoñecidos, conseguindo os dous selos de bibliotecas escolares:
Na categoría de Bibliotecas Escolares Primaria:

  
Na categoría de Bibliotecas Escolares Secundaria:

 
Parabéns a estas dúas bibliotecas e aos seus equipos e comunidades educativas, que seguen demostrando o seu bo facer e representando a boa saúde das nosas bibliotecas escolares. 

 

Encontros PLAMBE 2019/2020

 

Os vindeiros 12 e 13 de marzo celébranse en Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares correspondentes ao curso 2019/2020, con intervención de persoas expertas en diversos ámbitos relacionados coas bibliotecas, a literatura, a comunicación, a mediación lectora, a alfabetización mediática e informacional, a tecnoloxía educativa e a produción audiovisual. Ademais, presentaranse un total de 23 experiencias de centros de moi diverso contido (funcionamento da biblioteca escolar, voluntariado, biblioteca inclusiva, bibloteca creativa, Radio na biblio, traballo por proxectos, bibliotecas LÍA.2 e outros). Neste ano de "viveiro de cidadanía", a biblioteca estará moi presente como espazo facilitador do encontro, o diálogo, a lectura crítica, a reflexión, o acceso ao coñecemento, a investigación, a experimentación, a creación e adquisición de competencias útiles para unha participación activa na sociedade. 

Este será un encontro moi especial, xa que celebramos os 15 anos de vida do PLAMBE, nos que as bibliotecas escolares galegas foron mudando  ata converterse nos motores de cambio dos centros.

 

 

 

 

8M: Polos dereitos das mulleres

 

O Día Internacional da Muller 2020 reivindica os dereitos das mulleres  baixo o lema: "Son da Xeración Igualdade: Polos dereitos das mulleres". A campaña da ONU pretende mobilizar a todas as persoas, incidindo en que as pequenas accións  poden xerar grandes repercusións cara ao mundo igualitario que merecemos.

A Axenda 2030 marca como obxectivo número 5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas. As bibliotecas deben apoiar a igualdade de xéneros e ofrecer lugares, e actividades, de encontro e empoderamento.

As bibliotecas  escolares de Galicia traballan todo o curso en prol dunha igualdade efectiva na nosa sociedade, formando cidadanía crítica. Arredor desta data promoven actividades coa lectura, o cine, a radio, a publicidade, a busca e tratamento da información ...

 

 

 

 

 

 

 

Convocatoria do Proxecto "EnCANtame ler"

 

O Portal Educativo publica a convocatoria do Proxecto "EnCANtame ler" de lectura apoiada por cans. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos convoca con data de 2 de marzo de 2020 o Proxecto "EnCANtame ler" de lectura apoiada por cans. Poderán participar todos os centros públicos de educación infantil e primaria, ou centros de educación especial, de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, no contexto do PLAN LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe).

Este dá continuidade ao proxecto piloto, iniciado no 2019, "Lecturas no Canmiño", en colaboración cunha entidade privada e baixo o patrocinio do Xacobeo 2021, no que participaron cinco centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, que acolleron durante o mes de outubro diferentes sesións de lectura apoiadas por cans, cun notable éxito de resultados entre o alumnado e o profesorado implicado.

O obxectivo é promover experiencias de práctica e mellora das habilidades lectoras e de comunicación destinadas a alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, mediante sesións de lectura apoiada por cans, coa intervención dunha psicoterapeuta especializada. Seleccionaranse un máximo de 10 centros tras a valoración do proxecto presentado, que contarán cun número aproximado de 10 sesións de apoio á lectura para alumnado con neae no marco da biblioteca escolar.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 12 de marzo de 2020.

24 de febreiro, Día de Rosalía

Si pronto non me levades,

¡ai!, morrerei de tristeza,

soia nunha terra estraña,

donde estraña me alcumean,

donde todo canto miro

todo me dice: "¡Estranxeira"!

("Airiños, airiños, aires")

 

O 24 de febreiro está recollido no Calendario do Libro e a Lectura, publicado pola Consellería de Cultura e Turismo, como o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Cada ano son máis as institucións que se suman á celebración do DÍA DE ROSALÍA, entre elas as bibliotecas escolares promovendo actividades que achegan ao alumnado a súa vida e obra. Traballos de investigación, lecturas compartidas, roteiros, actividades plásticas e creativas, proxectos multimedia... son algunhas das propostas que nestes días salientan a modernidade e actualidade do seu pensamento.

A Asociación de Escritoras e Escritores en  Lingua Galega convida neste 2020, baixo o lema #ErrantesPoloMundo_drc_20, a celebrar este día co agasallo dun libro e unha flor ás amizades e persoas querida. Publica un manifesto na voz  de Daniel Asorey e propón múltiples actividades ás que se poden sumar os centros educativos. Unha proposta para traballar o drama da emigración na voz da nosa poeta.

Actividades nas bibliotecas escolares:

 

II Concurso de Podcasts - Radio na Biblio

 

O Portal Educativo publica a convocatoria do II Concurso de Podcasts - Radio na Biblio. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos convoca con data de 13 de febreiro de 2020 (coincidindo co Día Mundial da Radio), o  II  Concurso de Podcasts - Radio na Biblio en colaboración coa Radio Galega (CRTVG). Poderán participar os centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, integrados ou non no programa Radio na Biblio. Esta proposta está vinculada á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao filólogo, mestre e escritor Ricardo Carvalho Calero. O prazo de presentación remata o 25 de abril de 2020.

 

 

Traballos seleccionados no I Concurso de Podcasts-Radio na Biblio no curso 2018-2019:

 

Radio na Biblio emite. Curso 2019/2020


 

Neste curso 2019/2020 integran o programa Radio na Biblio 80 centros. Durante o primeiro trimeste moitas emisoras iniciaron o seu camiño, tempos de obras, renovación de espazos, busca de nomes, creación de logos, formación de alumnado e profesorado e moito,  moito traballo.
Ao tempo, as emisoras veteranas van sistematizando os seus programas, creando novas seccións e aumentado, de xeito moi visible e audible, a calidade do seu traballo.
Na imaxe o logo de Radiofiestra do IES Rafael Dieste (A Coruña) 

Día Mundial da Radio: Pluralismo, representación e diversidade

 

No ano 2013 a ONU aprobou a declaración da UNESCO do Día Mundial da Radio. Proponse a data do 13 de febreiro por ser a da creación da Radio Nacións Unidas no ano 1946. "Os obxectivos da xornada son concienciar ao público e aos medios de comunicación acerca da importancia da radio; alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio; así como mellorar as redes e a cooperación internacional entre os organismos de radiodifusión." 

Este ano celébrase co lema: "Pluralismo, representación e diversidade"  xa que a radio é un medio de comunicación único para celebrar a diversidade humana e constitúe unha plataforma para o discurso democrático. Un lema en sintonia co das bibliotecas escolares para este curso "Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía" e do valor inclusivo do programa Radio na Biblio.

Animamos aos 80 centros do programa Radio na Biblio a  celebrar esta xornada defendendo o pluralismo e a diversidade dende as súas emisoras.

Na imaxe o alumnado do CEP Brea Segade (Rianxo-A Coruña) 

 

 

Actividades das bibliotecas escolares: