Deconstruíndo as series televisivas para adolescentes con María José Masanet

A media laranxa cambiará por amor, porque o amor todo o pode e canto máis se pelexa máis se desexa... ou non?
A narrativa amorosa do cine e a literatura leva anos socializando a muller para que manteña co home unha relación de dependencia que, lonxe de facela libre, a converte en vulnerable. María José Masanet, investigadora e profesora universitaria, visitou catorce institutos galegos en febreiro de 2020, arredor da data de San Valentín, co fin de analizar co alumnado distintas series televisivas para adolescentes, coa intención de facelo reflexionar e desentrañar todas estas personaxes modélicas e tramas románticas. Nestas series, as mulleres aprenden que deben sacrificarse pola súa parella, que, se realmente as ama, ten que ser celoso e que, se a relación fracasa, incluso pola infidelidade del, é porque nós, mulleres, non sabemos querer ou non sabemos darlles suficiente amor, como merecen, pois é responsabilidade nosa converter a besta en príncipe.

Susana Quintela Díaz

susanaquintela@edu.xunta.gal

IES María Sarmiento de Viveiro

 

Foi nas Xornadas de Bibliotecas Escolares de 2018 cando vin por primeira vez a María José Masanet, doutora pola Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, que parecía saber moito da vida e dos adolescentes a pesar da súa mocidade. Naquela ocasión falounos aos presentes no Palacio de Congresos de Compostela dun traballo global que acababa de realizar durante anos con diferentes universidades australianas, americanas e europeas. O traballo versaba sobre a maneira de relacionarse da xuventude nas redes sociais e como esta bebía das fontes de Internet para acceder á cultura e crear os seus propios materiais mediáticos. Xente nova que compartía inquedanzas e coñecementos con outra de diferentes países, razas e crenzas; xente nova cunha ampla bagaxe cultural que reformulaba sabedoría clásica achegando creatividade e novas interpretacións (https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/redeBE/course/view.php?id=35).

 

 

E na Xornada dos Clubs de Lectura dese mesmo curso (realizada en xuño de 2019), algúns docentes galegos recuncamos e puidemos gozar por segunda vez dela. Nesta ocasión, aínda máis próxima e amable, abordou os mitos románticos presentes nas series de televisión xuvenís e como deconstruílos para afastarse da violencia de xénero. Nese momento decidín contactar con ela para que visitase os institutos da Mariña luguesa. María José ten a empatía e o coñecemento dos adolescentes, a quen lles fala cara a cara coma adultos. Sabe como pensan e como senten, cales son os seus intereses e, polo tanto, como chegar a eles de maneira directa e clara. Grazas ao coñecemento dos mozos e mozas que son fonte de investigación para os seus traballos académicos, sabe como se constrúe ese pensamento racional con base emocional que todos os seres humanos perfilamos desde a adolescencia (https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/redeBE/course/view.php?id=39).

Púxenme en contacto coa asesora das Bibliotecas Escolares da zona norte para que me facilitase o seu contacto e aí arrincamos. Desde o primeiro momento, Masanet mostrouse entusiasmada coa idea de visitar varios institutos galegos para dirixirse directamente ao alumnado adolescente, ao que botaba en falta desde había un tempo. A temática das súas charlas sería moi similar á tratada na Xornada dos Clubs, é dicir, trataríase de facer unha análise dos valores románticos tradicionais que se transmiten á xuventude a través da literatura, o cine e as series televisivas. Aínda que no primeiro cuadrimestre do curso 2019/20 lle sería imposible viaxar a Galicia por mor das súas clases na Facultade da Información e Medios Audiovisuais da Universidade de Barcelona, reservaríanos unhas datas no 2020.

 

 

Unha vez confirmada a súa dispoñibilidade e as datas aproximadas, era o momento de informar as compañeiras da Microrrede da Mariña, un equipo de traballo colaborativo que naceu hai xa oito anos e que conformamos na actualidade dezaseis bibliotecas escolares de centros de infantil, primaria, secundaria e EOI da Mariña luguesa. Desde Viveiro ata Ribadeo, pasando por Xove, Cervo e Burela, cada curso eliximos unha temática para traballar nos centros e nas casas e realizamos no mes de maio, conmemorando as Letras Galegas, unha exposición conxunta en Viveiro. Foi con esta iniciativa para conservar a literatura e tradicións galegas como naceu esta maneira de traballar en equipo, informando a todos os centros participantes das actividades que se están desenvolvendo en cada un deles e ofrecéndollelas para que se unan os que estean interesados. Podedes atopar máis información sobre nós nestas ligazóns:

http://microrredeamarina.blogspot.com/

http://microrredeamarina.blogspot.com/2018/06/o-noso-proxecto-na-revista-eduga.html

Dentro da Microrrede, os institutos integrantes constituímos un subgrupo: IES pola Lectura, para organizar eventos conxuntos orientados aos nosos rapaces. Uníronsenos tamén outros IES como o da Pontenova e o de Castro, que, sen pertencer á Mariña, si participan e se suman ás propostas que facemos.

O punto de partida é que somos conscientes de que a nosa situación xeográfica dificulta a presenza de relatores, dinamizadores da lectura e executores de obradoiros nas nosas vilas. Para contrarrestar iso, xuntámonos ─facendo cadrar datas─para minimizar gastos, ampliar a rendibilidade e conseguir que o noso alumnado poida gozar da visita de persoeiros relevantes do mundo das letras. Deste xeito, nos últimos anos puidemos realizar obradoiros de poesía con Carlos Negro ou Arantza Portabales, recibimos a visita de Antón M. Fraga, Antía Yáñez, Andrea Maceiras, David Lozano e Pedro Ramos, entre outros. Con eles o alumnado dos distintos institutos realizou actividades como encontros, xincanas deportivo-literarias, «coñece o teu descoñecido» ou rutas literarias.

Por outra banda, un dos obxectivos principais da Consellería, das ANPA e dos centros educativos nos últimos cursos académicos é traballar a prol da igualdade de xénero. Son moitos os proxectos e subvencións que se están realizando nesta dirección, na que tamén integramos traballos colaborativos cos citados centros educativos e con profesionais do talle do dúo Aldaolado ou Freddy Gonçalves da Silva.

O descubrimento deste último, maxestoso promotor literario, foi tamén grazas ás actividades de formación organizadas pola Asesoría de Bibliotecas Escolares, concretamente na Xornada de Clubs de Lectura de 2018, onde nos fixo partícipes do seu Proxecto EVA, unha reflexión sobre as sociedades distópicas que tamén veu dar a coñecer a Viveiro. No 2019 regresou para impartir un total de doce obradoiros de igualdade de xénero: nove en tres centros de primaria (Covas, Celeiro e Landro) e tres no IES María Sarmiento. Foron máis de vinte e catro horas dedicadas a reflexionar sobre as diferenzas entre homes e mulleres, os micromachismos e os valores e roles de xénero adquiridos durante a infancia.

E foi nesta liña de traballo na que se propuxo a visita de María José Masanet, pola que se interesaron, nesta primeira fase, ademais do IES María Sarmiento de Viveiro, o Illa de Sarón de Xove, os IES Perdouro e Monte Castelo de Burela, o Instituto de Alfoz-Valadouro, o Enrique Muruais da Pontenova e o IES da Terra Chá, José Trapero Pardo (de Castro Riberas de Lea). A estes sete sumáronse inmediatamente, coa mediación da asesora de Bibliotecas da zona norte, outros sete centros: o IES Basanta Silva de Vilalba e seis da Microrrede de Ferrolterra: IES Fernando Esquío de Neda, o Punta Candieira de Cedeira, o Saturnino Montojo de Ferrol, o IES de Mugardos, o Terra de Trasancos de Narón e , por último, o Fraga do Eume de Pontedeume.

Acordamos que a mellor data para levar a cabo os catorce encontros sería a semana de San Valentín, pois daquela xa estariamos a realizar co alumnado unha reflexión previa sobre os mitos románticos, a interpretación do amor de parella, os valores de (des)igualdade nos roles sociais... Tanto as nosas bibliotecas como os seus accesos foron ambientados polo alumnado de moi diversas maneiras e mesmo se editaron marcapáxinas conmemorativos.

 

 

Dispuxemos as charlas por proximidade xeográfica entre centros para que a relatora puidese dedicarlle o tempo necesario a cada unha delas, co coloquio posterior e poder desprazarse así ao seguinte destino con certa tranquilidade. Cada instituto fíxose cargo do custo do seu relatorio e acordamos pagar entre todos os gastos de hospedaxe, manutención e traslados.

Así pois, dentro desta calculada estruturación, María José faloulles aos nosos adolescentes de series televisivas actuais e clásicas, pois son produtos moi consumidos por eles que reflicten a etapa da vida pola que están pasando e, polo tanto, tamén os seus intereses. Comezou a súa intervención abordando os clásicos románticos como Romeo e Xulieta, ese «amor prohibido» cheo de dificultades que segue presente no cine actual. Tamén o «amor redentor» que fai cambiar as personaxes de A Bela e a Besta, onde grazas ao gran amor dela el mudará para converterse no perfecto príncipe azul. Son mitos románticos presentes nas tramas actuais tanto cinematográficas como literarias. Mitos como «querer é sinónimo de sufrimento», «o amor pódeo todo, «o verdadeiro amor está predestinado» ou a busca da «media laranxa», como se fósemos partes incompletas ou só houbese para cada un de nós unha persoa válida. Detrás destes mitos románticos tan vixentes, obsérvase unha desigualdade de xénero que en moitos casos pode conducir á violencia.

Nos argumentos das series xuvenís, os protagonistas coñécense pelexando e rematan namorándose. É o clásico «os que pelexan, deséxanse» e todos medramos crendo no mito de que nas verdadeiras relacións amorosas ter que haber paixón acompañada de conflitos, sufrimento e tensión. Sen estes elementos tan violentos parece que non existe historia nin na ficción nin na vida real. Segundo Masanet, os valores que se transmiten nestas series (e non só nelas) son xustamente o contrario do que é o amor realmente: quererse e respectarse a un mesmo e ao outro, buscando o benestar mutuo e as relacións sas.

Salientou o frecuente que é ver a repetición destes estereotipos nas series televisivas para adolescentes e no cine: rapazas guapas, sensibles, doces, amables, boas estudantes, obedientes, coidadoras... e rapaces intelixentes, buscavidas, con malas notas, pasotas, rebeldes, graciosos e, sobre todo, con moito éxito entre o xénero feminino. Fíxonos reparar en que a película Grease,a sagaCrepúsculo, ou series como Física y QuímicaLos Protegidosou El Internado conteñen todos estes estereotipos.

E tamén fixo fincapé en como as opinións vertidas nos foros de seguidores destas series inflúen na evolución das súas tramas, para que continúen tendo audiencia e sigan resultando atractivas. Na actualidade estes estereotipos vense obrigados a evolucionar nalgúns casos cara a rapazas máis fortes e seguras de si mesmas, mulleres liberadas sexualmente, decididas e valentes. Pero precisamente aí está o perigo: en que os espectadores se relaxen e confíen na adquisición de valores igualitarios cando os modelos de fondo seguen sendo os mesmos, mitos románticos tradicionais que conducen á desigualdade e á interpretación errónea de que no amor deben existir a violencia e a dependencia, de que a muller para estar completa e realizada debe atopar un príncipe azul que a salve de si mesma.

 

 

María José abordou estas series nas súas charlas coa intención de facer reflexionar con espírito crítico o alumnado, para desentrañar e deconstruír todas estas personaxes modélicas e tramas románticas. Nelas as mulleres aprenden que deben sacrificarse pola súa parella, que, se el realmente as quere, debe sentir celos e que, se a relación fracasa, incluso pola infidelidade del, é porque ela non o soubo querer ou non soubo darlle o amor que merecía, pois é a responsable de converter esa besta en príncipe. Así pois, a narrativa amorosa do cine e da literatura leva anos socializando a muller para que manteña co home unha relación de dependencia que, lonxe de facela libre, a converte en vulnerable. Por iso, se queremos un cambio que teña como obxectivo a igualdade real, primeiro temos que ser coñecedores de todos estes arquetipos, subliñou Masanet.

Necesitamos deconstruír o mundo que nos rodea (literatura, música, cine...) para que, unha vez coñecido e comprendido, poidamos interpretalo con esa actitude crítica que nos vai permitir distanciarnos o suficiente para non tomalo como modelo. Porque sempre, para estar en condicións de cambiar unha situación, primeiro temos que ser conscientes de que existe e saber recoñecela. Ese espírito crítico será o que nos fará cidadáns libres.

Todo isto ─case nada!─foi o que nos transmitiu esta profesora da Universidade de Barcelona a catorce institutos nunha maratoniana semana. Docentes e alumnado de todas as idades quedamos sorprendidos e encantados non só co discurso, senón tamén coa empatía e xenerosidade desta gran comunicadora, que lles fixo chegar aos receptores das series xuvenís unha visión menos modélica do amor romántico. O éxito da actividade mediuse na acollida e implicación total da rapazada, que realizou case sempre decenas de preguntas nos coloquios finais e valorou a actividade como das máis formativas nas que participara.

Ao tempo, estas reflexións chegaron a máis público, pois algúns xornais galegos tamén se quixeron facer eco desta actividade. Entre eles, destacamos a ampla entrevista publicada en El Progreso o 29/04/2020:

 

Grazas, Masanet, por ensinarnos tanto con tanto amor!

 

 

 

Bibliografía: 
Sección: