Convocatoria do Proxecto "EnCANtame ler"

 

O Portal Educativo publica a convocatoria do Proxecto "EnCANtame ler" de lectura apoiada por cans. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos convoca con data de 2 de marzo de 2020 o Proxecto "EnCANtame ler" de lectura apoiada por cans. Poderán participar todos os centros públicos de educación infantil e primaria, ou centros de educación especial, de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, no contexto do PLAN LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe).

Este dá continuidade ao proxecto piloto, iniciado no 2019, "Lecturas no Canmiño", en colaboración cunha entidade privada e baixo o patrocinio do Xacobeo 2021, no que participaron cinco centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, que acolleron durante o mes de outubro diferentes sesións de lectura apoiadas por cans, cun notable éxito de resultados entre o alumnado e o profesorado implicado.

O obxectivo é promover experiencias de práctica e mellora das habilidades lectoras e de comunicación destinadas a alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, mediante sesións de lectura apoiada por cans, coa intervención dunha psicoterapeuta especializada. Seleccionaranse un máximo de 10 centros tras a valoración do proxecto presentado, que contarán cun número aproximado de 10 sesións de apoio á lectura para alumnado con neae no marco da biblioteca escolar.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 12 de marzo de 2020.