Educación de adultos

Vigo, máis aló das luces

Alumnado de nocturno do IES Río Cabe visita Vigo guiados polos seus compañeiros do Ciclo Superior de Guía, Información e Asistencia Turísticas.

 

 

Nun chuvioso mércores 18 de decembro iniciamos a visita á cidade olívica na plaza de O Berbés antes de adentrarnos no Casco Vello, onde observamos a Concatedral de Vigo (comunmente coñecida como A Colexiata) e a casa torre de Ceta e Arines considerada a máis antiga da cidade e que na actualidade é a sede do Instituto Camões, xunto coa contigua casa de Pazos e Figueroa.

Ascendemos pola rúa dos Cestos, onde aínda se poden atopar dous talleres de artesáns cesteiros, para chegar á Praza da Constitución. Resguardados nos seus soportais, observamos a primeira farola alumeada con luz eléctrica en Vigo e a antiga sede do Concello.

Dirixímonos cara a Porta do Sol dende a Plaza da Princesa. Tras unha breve explicación sobre a arquitectura modernista de finais do século XIX e principios do XX, tendo como exemplos os edificios Simeón e O Moderno, dispuxemos dun tempo de lecer para desfrutar do alumeado de Nadal, pasear, tomar algo pola zona e sacar fotos co “Dinoseto”.

Continuamos o paseo baixo a chuvia polo Teatro García Barbón, obra do arquitecto Antonio Palacios, e a comercial rúa Príncipe. 

 

 

No cruce das Rúas Colón e Urzáiz, paramos para coñecer o MARCO (Museo de Arte Contemporáneo de Vigo) antes de baixar cara a Praza de Compostela, onde se sitúa o mercado de Nadal e unha noria xigante. 

Xa que a meteoroloxía non acompañou, regresamos a Monforte enchoupados... pero contentos polo tempo compartido cos compañeiros e agardando a próxima saída xuntos.

Charla Ciclo de Fútbol

O pasado luns dezaséis de decembro,  unhas trinta persoas relacionadas co deporte, en especial co  fútbol,  asistiron na biblioteca do Río Cabe a unha conferencia do técnico deportivo monfortino Ibán López, segundo entrenador do equipo  feminino da Universidade de Florida. O técnico, que conseguiu que o seu equipo pasase de estar no posto oitenta  a estar entre os vinte primeiros da súa categoria, falou sobre a planificación deportiva ,  a competición norteamericana e as diferencias con España.

A actividade foi proposta polo departamento de Educación Física e dirixida en especial ao alumnado do Ciclo de Fútbol.

Charla de Ibán López

O próximo luns, 16 de decembro, ás 20 h terá lugar no noso centro unha charla por parte do monfortino Ibán López, entrenador do equipo de fútbol feminino da Universidade de Florida. 

A charla, aberta ao público en xeral, versará sobre a "Diferencia organizativa no entorno competitivo do fútbol da NCCA(USA)" e está organizada polo Departamento de Educación Física do instituto.

 

Charla sobre lesións deportivas

O alumnado  do Nivel 2 do ciclo de fútbol do IES Río Cabe, acompañados polo profesor David Fabeiro, asistiron o xoves 5 de decembro a unha xornada sobre "Prevencións de lesións deportivas", que se celebrou na EGAP (Escola Galega de Administración Pública) en Santiago de Compostela. 

Os relatores foron Rafael Arriaza, médico do RC Deportivo de La Coruña, Juan José Garcia, médico do RC Celta de Vigo e Ignacio González, encargado da  parcela da rehabilitación física do RC Deportivo de La Coruña.

Entre outros temas abordáronse as estatísticas de incidentes e tipos de lesións, así como a planificación estruturada de exercicios e tarefas de adestramento para a prevención de lesións.

Invisibles

Sensibilidade. Paixón. Profesionalidade.  Dor. Desgarro. Solidariedade. Todo esto e moito máis puidemos ver os que asistimos o pasado xoves 28 á representación da obra teatral  INVISIBLES, adaptación da novela homónima de Montse Fajardo, que a compañía RedrumTeatro inclúe  dentro da campaña de concienciación sobre violencia de xénero.

A obra está protagonizada polas magníficas actrices galegas Mela Casal (Fariña), Neves Rodríguez (Desde Galicia para el Mundo) e Sheila Fariña (Acacias 38), e relata sete casos reais de violencia machista , nos que se insiste na inexistencia dun perfil específico das vítimas e na protección dos agresores por parte da opinión pública, dos medios de comunicación e dos poderes públicos. Foi galardoada con varios premios de teatro .

Alumnado das Ensinanzas de Adultos e profesorado do Río Cabe asistimos á representación no Edificio  Multiusos.

Durante a mañá tivemos a sorte de ser visitados polas actrices no noso instituto, ás que convidamos a volver sempre que así o desexen.

Río Cabe en negro

No Río Cabe quixemos onte  aportar o noso graíño de area a unha terrible loita que as mulleres acabaremos gañando. Celebramos o “Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero” e, todos a unha, como ten que ser, reivindicamos que este sexa o último ano que tal cousa teñamos que pedir. Así, e partindo da nosa biblioteca, fixemos uhna sesión fotográfica con todo o alumnado e profesorado vestido de negro recordando ás mulleres que tiveron que sufrir violencia só por ser mulleres. Despois, Sandra Rodríguez Macía leu a carta coa que gañou o Concurso de Cartas  “Dillo a quen maltrata 2019”, convocado polo concello de Lalín. 

 Despois, e colaborando coas actividades programadas polo concello, acudimos á manifestación no Campo de San Antonio onde  os nosos alumnos de 3º de ESO cantaron a canción “Hai que loitar”, que prepararon coa súa profesora de música Eva Dios .Continuamos participando na cadea humana  arredor da Ponte Vella e unidos a outros colectivos monfortinos.

 

O alumnado e profesorado de nocturno quixo unirse tamén á reivindicación.

A todos eles, alumnado e profesorado de diúrno e nocturno,  conserxes, persoal de cafetería e limpeza, queremos agradecer a súa colaboración, tanto na súa  participación nas fotografías como na organización da actividade.

Álbum: Escolares -> Río Cabe en negro

Visita Adega Algueira

Dunha intensa tarde de outono disfrutamos o grupo do Ciclo de Turismo na visita á Adega Algueira.O proxecto da empresa de apostar por unha viticultura identitaria do territorio conta co valor engadido dunha oferta complementaria como as visitas aos viñedos e á adega, a organización de catas, o servizo de restauración ou o paseo en barco polo Sil.Que doado resulta escoitar cando o narrador desborda tanta paixón!
Fernando, grazas por compartir xenerosamente o teu tempo e a túa historia connosco e, sobre todo, grazas por emocionarnos!!!

Doce Halloween

O pasado mércores, 30 de outubro, o alumnado dos módulos  I e III da ESA  desprazouse ata a Escola Oficial de Idiomas de Monforte  para celebrar , dun xeito moi doce, o Halloween.Coa axuda do profesorado da escola, os alumnos realizaron distintos postres típicos desta festividade;biscoitos, cremas de chocolate, cupcakes e muffins foron algún dos postres que saíron baixo o paraugas da lingua de Shakespeare.Como colofón, tanto alumnos como profesorado deron boa conta deles!

 

Charla seminario: Introdución á Economía Social

Dentro do Programa de Fomento da Economía Social, a Innovación e o Desenvolvemento Sustentable na Galiza Rural e promovido pola sociedade chantadina Lugar da Veiga, levouse a cabo a semana pasada, no salón de actos, o seminario Introdución á Economía Social, dirixido ao alumnado de Ciclos e Ensinanzas de Adultos.

A xornada de formación correu a cargo de Rosa Álvarez, consultora de Espazo Coop e contou coa colaboración de Semente Monforte.

A formación continuará con tres seminarios prácticos nos que un grupo dos nosos alumnos elaborarán un plan de empresa de economía social no ámbito rural.

Días de Cine

Onte pola tarde o alumnado de Bacharelato de diúrno e nocturno do noso centro, acompañados de catro das súas profesoras, compartiron  unha sesión de bo cine galego nos multicines Hollywood. A película elixida foi “O que arde”, do director  Oliver Laxe, onde se plantexa, dende varias perspectivas, a problemática do lume en Galicia. Sen dúbida un tema que  nos atañe a todos e un punto de partida  para comezar a reflexionar.

Distribuir contido