De pé a pa, Último número, Números anteriores, Actividades

Aulas de inverno

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Pontepedriña convoca un concurso de decoración de aulas para celebrar a chegada do inverno e a entrada do aninovo entre o alumnado de 1º e 2º de ESO.
A decoración das aulas levarase a cabo durante a última semana de clase antes das vacacións de Nadal e será de temática invernal. Así mesmo, deberán incluír felicitacións de aninovo en lingua galega. Valorarase especialmente a utilización de materiais reciclados, re-utilizados e respectuosos co medio ambiente.
Estamos desexos@s de ver os resultados!!!

Voces da Escola (Radio Voz)

Daniel Méndez, Alicia Novoa, Carla Penas e Paula Alfonsín, alumnado de 4º de ESO, deron os seus primeiros pasos como xornalistas entrevistando a Patricia de Lorenzo, actriz do Grupo Chévere.
 
Na sección "Voces da Escola" do programa "Voces de Compostela" de Radio Voz en Santiago de Compostela, os nosos mozos e mozas someteron a actriz a unha exhaustiva entrevista, incidindo na súa experiencia laboral e na súa idea do feminismo.
 

25 de novembro (iii)

Para rematar coas actividades que conmemoran o 25N, Chus Vázquez, vicedirectora deste centro, programou tres sesións interactivas nas que Gloria Vázquez e as súas compañeiras da Asociación Ve-la Luz (Asociación Galega para a Defensa de Mulleres e Nen@s Superviventes da Violencia de Xénero e/ou Abusos) abordaron a problemática da violencia machista co noso alumnado de 3º ESO, 1º Bacharelato e FP Básica. Foron moi instrutivas, polo que de seguro repetiremos experiencia.

 

   

25 de novembro (ii)

Esta semana estivemos moi atarefad@s coa preparación das actividades do 25N, pero pagou a pena. Intentamos facer a nosa pequena achega recollida neste vídeo. Agardamos que vos guste...

16 de novembro: Día Mundial da Filosofía 2017

Como vén sendo costume, o Departamento de Filosofía conmemora o seu día mundial cunha exposición da vida e obra dos filósofos e filósofas máis relevantes e cun estupendo photocall que fixo as delicias do noso alumnado máis novo. En palabras da Directora Xeral da UNESCO, Audrey Azoulay, "... a filosofía é un baluarte contra a estreitura de miras..."

 
   
   

 

25 de novembro

 

PROGRAMA
 
15/11/2017: Durante os primeiros recreos desta semana e da que vén, o noso compañeiro do Departamento de Xeografía e Historia, Rafa Lobelle, estará na aula de usos múltiples coordinando a elaboración de carteis e pancartas para concienciarnos sobre a necesidade de erradicar a violencia de xénero. Tamén se pide a colaboración de toda a comunidade educativa para que engadades un post-it de distintas cores co voso lema en contra da violencia. Animádevos a participar!!!
 
 
28/11/2017: Gloria Vázquez, membro da Asociación Ve-la Luz (Asociación Galega para a defensa de mulleres e nen@s supervivintes da violencia de xénero e/ou abusos) impartirá unha serie de charlas interactivas sobre esta problemática. Velaquí o horario:
- 3ºA (10:45 - 11:35)
- FP Básica (11:35 - 12:25)
-1ºD (12:45 - 13:35)
- 3ºB (13:35 - 14:25)
 
 
Ademais, durante a vindeira semana os corredores do noso centro servirán de lenzo para expor a escolma de cancións contra o maltrato realizada polo alumnado de 1º de Bacharelato e coordinada pola nosa compañeira Cristina Quintáns.
Ao mesmo tempo, a nosa compañeira do Departamento de Lingua Galega, Mariló Lagarón, foi a encargada de supervisar a actividade "Chíos contra o maltrato", emulando as mensaxes da célebre rede social. Algúns deles participaron no concurso chíos de twitter contra a violencia de xénero, organizado polo Concello de Lalín.

Temos por diante unha semana comprometida con esta causa, polo que precisaremos da vosa axuda. Súmate á xeira!!!

Samaín 2017 (II)

O prometido é débeda. Estamos convencidas de que o noso alumnado de 1º e 2º de ESO cumpriu coa tradición de espantar os malos espíritos polo Samaín. Velaquí a proba:
 
  
 
 
 
Estamos moi satisfeitas de como se desenvolveu toda esta festa. Reiteramos o noso agradecemento a todas aquelas persoas que colaboraron connosco no centro, pero tamén ao alumnado e ás súas familias pola súa implicación.
Que pasedes un bo Samaín!!! 
 
 

Samaín 2017

Este ano o Equipo de Normalización e Dinamización Linguística animámonos a celebrar o Samaín no centro. Quixemos que o noso alumnado coñecese a orixe ancestral desta festa polo que elaboramos este vídeo, asesoradas polo noso compi de Xeografía e Historia, Rafa Lobelle::
 
https://photos.google.com/share/AF1QipOUvhQ5eF3ULz95E5SYoVz6wpu16ZT2mVXfHGcHi4VFXNZ3XJ3aHgFkg2me3POoQw/photo/AF1QipMvr-Ka2FC7WlNXwLRKpnhYGiEG6jnRiXa34mHK?key=QUZMN0NWZHM0TExkSHVsS3RIYUdTNnJsTWQxT09R
 
A nosa alumna de 2º de ESO, Yulia Ovchinnikova, foi a encargada de elaborar o cartel que anunciaba o Samaín. Como pode apreciarse, o resultado foi "terrorífico":


 
Para levar a cabo esta tarefa, tivo axuda por parte dunhas magníficas colaboradoras: Irene, Iria, Lucía, Rebeca e Silvia, alumnas de 3º de ESO.


 
Contamos ademais coa inestimable contribución das nosas compañeiras Rosa, Teresa e Vanesa para ambientar o centro:
 
Por outra banda, o alumnado de 1º de ESO demostrou que ten verdadeiro talento artístico, como pode verse no deseño das súas cabazas. Foron estupendas todas elas!!!


 
 
Finalmente, o Departamento de Lingua Galega animou ao alumnado a buscar inspiración no Samaín para redactar os seus relatos curtos. Velaquí o resultado:


 
O Equipo de Dinamización sentímonos moi arroupadas por toda a comunidade do noso centro, non só por ternos axudado a decorar, senón tamén polos ánimos recibidos. Graciñas. Mañá continuará...

Descarga o álbum completo aquí

Día Internacional da Biblioteca

O 24 de outubro é o Día Internacional da Biblioteca. Xosé Tomás é o ilustrador que este ano achega a súa creación a todas as bibliotecas escolares do territorio galego, co lema: "Aprender a pensar coa biblioteca escolar". No IES Pontepedriña aproveitouse para que o noso novo alumnado de 1º ESO se familiarizase coa biblioteca e tirase proveito dela. Estamos segur@s de que así será.

Visita ao Museo do Mar (Vigo)

Os departamentos de Lingua Galega, Xeografía e Historia, Música e o Equipo de Dinamización e Normalización organizamos unha visita ao Museo do Mar en Vigo co alumnado de 3º ESO e 1º de Bacharelato. Foi a ocasión perfecta para poder ver o Pergamiño Vindel, que contén as sete cantigas de amigo compostas por Martín Códax no século XIII, aproveitando que estará alí exposto ata o vindeiro 4 de marzo.

   
   

Tras pasar a mañá no Museo, antollouse boa idea viaxar en barco ata a Illa San Simón, co gallo de coñecer o seu pasado histórico como leprosaría, cárcere ou fogar de orfos. O tempo acompañou, polo que se puido gozar desta paisaxe única.

   
 

Descargar álbum completo

Distribuir contido