Blogues

Vídeo "Componentes más importantes del hardware de un PC"

Autor do vídeo : Fabian Sende 1º B

 

ACORDOS ASAMBLEA DA ANPA 15/11/2011

ERRO NA CARTA ENVIADA AOS PAIS/NAIS

Os datos que faciamos referencia do noso centro debemos consideralos como datos estimativos que proceden das distintas conversas cos nosos fillo/as. Publicadas as vacantes provisionais para o concurso de traslado quedaría unha praza (matemáticas) sen cubrir

 


INFORMACIÓN ÁS FAMILIAS DO ALUMNADO DO IES PONTEPEDRIÑA
SOBRE OS ACORDOS ACADADOS NA ASEMBLEA DA ANPA "AMOR RUIBAL"
CELEBRADA O MARTES 15 DE NOVEMBRO DE 2011

 


As nais e pais do alumnado do IES de Pontepedriña, reunidos en Asemblea convocada pola ANPA o Martes 15 de Novembro, abordamos os asuntos recollidos na orde do día da convocatoria e chegamos aos seguintes acordos:
1.    Tras a lectura e aprobación das actas anteriores, procedemos á presentación da actual directiva para, a continuación, abordar a primeira das propostas, relacionada co peso das mochilas dos nosos fillos/as; a este respecto acordamos manter unha entrevista co equipo directivo para habilitar os armarios das aulas como espazo para que o alumnado poida gardar o material que non precise levar a casa. Tamén falamos da existencia nalgún centro privado-concertado de Compostela de libros dixitais que a Consellaría de Educación dotou de contidos, feito que recibimos como un agravio comparativo, posto que a función da Administración  en Educación é velar polos intereses e sufragar as necesidades dos Centros Públicos.
2.    En segundo lugar abordamos o asunto do Banco de Libros, relacionado coa eliminación da gratuídade dos libros de texto; a este respecto acordamos xestionar a recollida de libros usados, ao final de cada curso académico, creando un Banco de Libros, cuxas normas de uso serán difundidas ao inicio do terceiro trimestre, procurando dar un servizo ás familias que non poidan ou non desexen mercar novos libros.
3.    En terceiro lugar abordamos a proposta de Actividades extraescolares e Obradoiros; a este respecto acordamos pasar unha enquisa entre o alumnado coa fin de averiguar os seus intereses en torno á realización de actividades fóra do horario lectivo. Ademais acordamos propor ao equipo directivo a celebración de, cando menos, tres Obradoiros para realizar co alumnado en sesión lectiva, coincidindo co final de cada trimestre. O primeiro dos Obradoiros proposto trataría do Comercio Xusto e o seu obxectivo sería a educación para un consumo equilibrado e respectuoso ante a chegada das Festas do Nadal.
4.    Por último, abordamos a situación na que se atopa o Ensino Público; a este respecto elaboramos a seguinte análise da situación:

Esta nova directiva da ANPA considera que se como nais e pais traemos os nosos fillos/as a un centro público é porque cremos na Institución Pública da Ensinanza , porque  defendemos os servizos públicos e sabemos que a educación é o que vai garantir unha maior igualdade de oportunidades para os nosos fillos/as, polo tanto é unha das maiores preocupacións das familias.
Nos últimos anos, ao longo da presente lexislatura, reduciuse o orzamento para o ensino público nun 7’4%:
•    O orzamento de 2009 foi de 2389 millóns de euros
•    O orzamento de 2010 foi de 2379 millóns de euros
•    O orzamento de 2011 foi de 2222 millóns de euros
•    O orzamento previsto para 2012 será de 2210 millóns de euros, é dicir, 12 mil euros menos que este curso, malia o incremento de alumnado matriculado.
Dado o actual contexto de crise económica poderiamos, nunha situación límite, entender esta precariedade se os recortes efectuados no Ensino Concertado-Privado non fosen moito menores dos que se están a levar a cabo no Ensino Público. Os Centros de Ensino Privado-Concertado viron reducidos os investiventos da Administración pública só nun 3’5% e, nalgúns casos, mesmo viron incrementadas as actuacións da Administración Pública para crear neles novas unidades ou para dotalos de recursos relacionados coas novas tecnoloxías.
Na práctica, os recortes nos Centros de Ensino Público concrétanse en:
•    Máis de 1000 docentes menos
•    Aumento de funcións non docentes (garda-custodia do alumnado transportado)
•    Dificultades para atender Bibliotecas, gardas, titorías, atención a nais e pais…
•    Aumento do número de alumnos por aula (até 30 na ESO e os mesmos en Bacharelato, sen contar o alumnado que repite curso)
•    Dificultades para a creación de agrupamentos específicos, para dispor dun profesor de reforzo, para atender ás necesidades específicas do alumnado, para atender á diversidade…
•    Materias impartidas por profesorado non especialista.
•    Redución do orzamento para a formación do profesorado dun 24% a un 3%.
•    Eliminación dos orzamentos destinados á Dinamización da Lingua Galega.
•    Supresión da gratuídade dos libros de texto. (Se ben foron destinados dous millóns de euros para cambiar os libros que foran editados en galego nas materias que agora son de obrigada impartición en castelán).
    Ao longo do curso pasado, esta situación levou a que se iniciaran tímidas protestas por parte dos sindicatos con presenza na mesa sectorial de Educación.
O 23 de xuño de 2011 a Consellería publicou unha Orde que modificou as condicións de traballo tanto para o ensino en Infantil e Primaria como para Secundaria. O incremento do horario lectivo do profesorado non implica en ningún caso a mellora da calidade de ensino ou do número de horas de atención ao alumnado, pois ese incremento está destinado a encher os ocos provocados pola redución no número de docentes e á realización de funcións non docentes, como a garda-custodia do alumnado transportado.
    Ante esta situación, o curso actual iniciouse con numerosas mobilizacións, actos de protesta e folgas (de profesorado e de alumnado) nos Centros Públicos.
    Hai que ter en conta que non todos os Centros Públicos se atopan na mesma situación, nalgúns os recortes levaron á supresión de Departamentos Didácticos, noutros nótase especialmente no aumento do número de alumnos/as por aula e na redución do número de profesores/as.
    Ollando a sociedade na que nos atopamos inmersos, cremos que debemos sumarnos á postura que, EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO, manteñen a FEDERACIÓN DE ANPAS DE COMPOSTELA e a CONFAPA, tal e como se recolle nos distintos comunicados que ao longo deste trimeste foron facendo públicos.

5.    Finalmente, tras a análise anterior, buscando o consenso de toda a comunidade educativa, acordamos presentar ante o Claustro de profesores/as, o Consello Escolar e o Alumnado do noso centro un escrito para reclamar ao Conselleiro de Educación a defensa dun Ensino Público de calidade. Eis o escrito:

SEÑOR CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA:
Desde a ANPA AMOR RUIBAL do IES de PONTEPEDRIÑA en Santiago de Compostela, pensamos que é necesario expoñer a nosa opinión diante dos problemas que estamos a vivir no presente curso académico; problemas que nos veñen dados pola decisión da Consellería de Educación de efectuar unha drástica redución do investimento no Ensino Público, debido ao cal a Comunidade Educativa está a mobilizarse desde finais do curso pasado.
Como  as demais ANPAS de Santiago, opoñémonos a calquera medida de recorte na educación pública que afecte directa ou indirectamente á educación dos nosos fillos e fillas, nomeadamente, se eses recortes se realizan nas horas que o profesorado lles adica.
A Consellería de Educación está a cambiar as horas que o profesorado adicaba ás actividades complementarias, ás excursións, ós festivais, á atención individualizada das necesidades de cada neno, en moitos casos urxentes e inaprazables, por outras función alleas ao labor docente e pola redución de postos de traballo. Como sabemos que a educación é moito máis que unha clase presencial, consideramos que o aumento de carga lectiva provoca unha redución do número de docentes e isto conleva o aumento da ratio nas aulas (a menos profesorado, máis alumnado!), o que provoca un déficit na calidade de ensino. Por iso rexeitamos:
•    o aumento do número de alumnos/as por aula
•    que o alumnado repetidor non sexa tido en conta á hora de elaborar as ratios
•    que o profesorado se vexa obrigado a impartir docencia dunha materia da que non é especialista
Ante esta situación que estamos a ollar ao noso arredor, nós non podemos quedar en silencio pois cremos que se ben é certo que investir en educación é caro, non facelo resultará, a medio e longo prazo, carísimo, posto que son os nosos fillos e fillas quen verán seriamente comprometido o seu futuro.

Asdo.: A Asociación de Nais e Pais Amor Ruibal, do IES de Pontepedriña
En Santiago de Compostela a 15 de Novembro de 2011

Estás de acordo en que a Directiva da ANPA envíe a carta ao Conselleiro?
SI ?                NON   ?                                                Curso do seu fillo/a:

A resposta deberase enviar ao correo de:      anpa.pontepedrina@yahoo.es
Pode consultar estes documentos na WEB do Instituto ANPA

 


Distribuir contido