Skip to Content

2017-2018

Música electrónica con materiais cotiáns

Como funcionan un electroimán e un altofalante?, que relación hai entre a frecuencia e o período dunha onda sonora?, podo conseguir distintas notas "tecleando" sobre un compañeiro en lugar de facelo no piano?. Con pouco máis que unha pila, unhas moedas, un lapis, un clip e un altofalante de refugallo, Mateo Mena achegounos o martes a estes e outros conceptos a través da experimentación con sinxelas montaxes electrónicas sonoras.

Nunca antes nos pareceran tan divertidas a música e a electrónica!

Día internacional da muller

O pasado xoves 8 de marzo, nas horas en que non houbo folga sumámonos igualmente á conmemoración do Día internacional da muller asistindo á representación teatral da obra "O escaparate". Nela, dúas maniquís rompen ca súa condición de muller obxecto e vannos facendo reparar en diferentes situacións que, por normalizadas, pasan con frecuencia desapercibidas, pero supoñen un trato desigual para as mulleres.

A representación foi promovida polo concello de Camariñas e a ela sumouse o alumnado de 6º de primaria da Ponte do Porto.

Visita europea de Andrés Barceló ao noso Instituto

O pasado luns 26 de febreiro visitou o noso Instituto Andrés Barceló, representante español dos empresarios no Comité Económico e Social Europeo (CESE), para dar unha charla sobre o pasado e o presente da UE, sobre o que lles ofrece a UE aos xóvenes e sobre o papel do CESE diante das principais institucións comunitarias.

O alumnado participante está inmerso en dous programas europeos, en concreto, o de Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo (3º ESO) e Your Europe, Your Say (4º ESO). Máis información en Que Pasa na Costa, Diario camariñán e El Correo Gallego.

Día de Rosalía

   O venres 23 de febreiro véspera do Día de Rosalía xuntámonos un grupo de doce recitadores/as no vestíbulo do noso centro coa nobre intención de homenaxear a Rosalía de Castro lendo máis de quince poemas seus. Fomos acompañados ás gaitas por Álex e Carla de 4º A coa música de Adiós rios, adiós fontes, famoso poema que cantamos todo o grupo ao final do recitado.

1º ESO visita Dombate, Buño e Borneiro

Á volta do Entroido, o alumnado de 1º ESO visitou o Centro Arqueolóxico de Dombate para coñecer de primeira man unha das expresións máis senlleiras do Megalitismo en Galicia. Ao rematar, achegámonos a Buño onde tivemos a oportunidade de traballar o barro segundo a tradición oleira da zona no Ecomuseo Forno do Forte. Xa no camiño de volta, fixemos unha parada exprés no castro de Borneiro para realizar o recoñecemento das partes habituais dun asentamento castrexo…

Todo isto ata que a choiva lle puxo fin á actividade! Proba superada!

VIII Día da Ciencia e a Tecnoloxía en galego

O pasado venres 16 de febreiro celebramos o VIII Día da Ciencia e Tecnoloxía en galego, unha xornada que se está a converter xa en tradición no noso centro.

Este ano organizáronse durante os recreos varias experiencias, algunhas delas monitorizadas polo alumnado voluntario: observamos Anisakis en lirios, detectamos amidón en distintos alimentos, coñecemos in situ o funcionamento dunha impresora 3D... En todas elas empregamos a nosa lingua, reivindicándoa así como vehículo perfecto para a transimisión do coñecemento científico e tecnolóxico.

Polo dereito a gozar da Ciencia e a Tecnoloxía en galego!

Distribuir contido


by Dr. Radut