Skip to Content

2018-2019

Recoñecemento como CAMARIÑÁNS DE HONRA 2019

O pasado domingo, día 14 de xullo de 2019, o noso instituto recibiu o galardón de Camariñán de Honra 2019 polo traballo, esforzo e dedicación ao longo destes últimos cursos. Por este motivo, as alumnas Érika Blanco, Jéssica Blanco e Helena Ameijeiras deron o pregón das festas en honor á Virxe do Carme en 4 idiomas diferentes (galego, castelán, inglés e francés), o luns día 15 de xullo ás 12:00 horas, no que manifestaron: "Considerámonos camariñáns e estamos orgullosos de levar un pouco dos nosos costumes e da nosa esencia a cada lugar que visitamos".

          

Entrega de premios Consumópolis 14

O pasado 14 de xuño Laura Sar, Noa Tedín, María García e Andrés Parga tiveron unha cita en Santiago de Compostela, na Escola Galega de Administración Pública, para recibir o 1º premio a nivel autonómico na categoría correspondente ao alumnado de 1º e 2º ESO, que lles foi outorgado no concurso Consumópolis 14: Pola túa seguridade, sabes o que consomes?

O equipo autodenominado "Canicas" fixo unha exposición de calidade, orixinal e chea da naturalidade que tanto caracteriza a esta rapazada. Avogaron polo consumo responsable defendendo a versatilidade do seu produto, a Reverseta, e fixeron fincapé tamén no impacto social e ambiental da prenda.

E chegou o día... Acto de clausura de O Mundo que Queremos!

Chegou o día e despois de tanto traballo e preparativos, só nos quedaba gozar do momento... E con máis ou menos nervios, o equipo de alumnado de O Mundo que Queremos fíxoo xenial! Un orgullo ver o ben que vos desenvolvedes! Explicar cada unha das actividades, acompañar ao resto de compañeiros e compañeiras do instituto por todo o centro para mostrarlles o voso traballo de todo un curso, coidar de que todo saíse ben... E como colofón final, Lara González e Érika Blanco facendo balance de todo o programa e convidando a toda a comunidade educativa a sumarse a eses pequenos xestos que fan posibles grandes cousas! O esforzo pagou a pena! As profesoras que guiamos o proxecto estamos moi orgullosas do voso resultado!

Parabéns a todos e todas vós! Se queres recordar todo o camiño, preme AQUÍ para o Prezi do acto de clausura... E se prefires ver un vídeo repaso dos mellores momentos, AQUÍ.

Premios Big Challenge

O alumnado participante no concurso The Big Challenge acaba de recibir os seus premios pola participación no pasado mes de abril. Máis dunha trintena de alumnos e alumnas entre 2º e 4º de ESO tomaron parte nas probas de lingua, cultura, historia, deporte ou vocabulario sobre países de lingua inglesa.

Todas as persoas participantes foron agasalladas cun póster, un lapis e un diploma acreditativo do concurso. Ademais, cabe destacar positivamente a Noa Tedín de 2º de ESO que recibiu un certificado por ser a mellor alumna do seu nivel, Jéssica Blanco como mellor alumna participante en 3º de ESO e Helena Ameijeiras e Nerea Santos (ambas de 4º de ESO) por quedar entre as dez mellores da provincia da Coruña e ser as dúas mellores do seu nivel no IESP Pedra da Aguia. Congratulations teens!

Discursos de graduación

Good luck! Para poñer o broche final ao último curso de Secundaria, un grupo de alumnos e alumnas estiveron a mostrar a súa habilidade en lingua inglesa durante esta semana con cadanseus graduation speeches. Ademais de facer un repaso polas súas aventuras estudantís e sacar os seus sentimentos a relucir, o alumnado non cansou de dar as grazas a compañeiros/as, profesores/as e persoal do centro pola súa experiencia no IES Pedra da Aguia.

Dende o departamento de inglés queremos darvos as grazas e desexarvos moita sorte neses "novos camiños" que todos e todas estades a escoller. Don't say goodbye; see you soon!

Primeiro premio en Consumópolis

 

O traballo Reverseta, realizado por un grupo de alumnos e alumnas de 2º, vén de acadar o primeiro premio na súa categoría do concurso escolar sobre consumo responsable e calidade de vida Consumópolis 14: Pola túa seguridade, sabes o que consomes?

Este grupo de rapaces asistirá o vindeiro 14 de xuño ó acto de entrega de premios que terá lugar en Santiago de Compostela, onde tamén intervirán para explicar como desenvolveron o seu proxecto. Parabéns!

Distribuir contido


by Dr. Radut