Skip to Content

2016-2017

Encontros Entre-Rías

Estudantes de 4º de ESO do noso instituto e de 2º de FP Básica do CIFP Coroso, de Ribeira, participaron no proxecto Entre-Rías, que tiña como obxectivo favorecer a convivencia entre alumnado de diferentes centros e coñecer candansúa oferta educativa e contorna natural.

1º Encontro (28/03). Tras recibir ao alumnado de Ribeira cunha breve presentación da zona e un almorzo no centro, comezamos o itinerario programado visitando o Castelo de Vimianzo. A continuación, no impoñente Faro do Cabo Vilán, explicáronnos o seu funcionamento e historia, xunto ca dos naufraxios na Costa da Morte. En Camelle, achegámonos ata o lugar onde viviu Man e o seu museo. Rematamos ca visita ao Museo do Encaixe de Camariñas.

2º Encontro (04/04). Desprazámonos ata Ribeira, onde fomos moi ben acollidos. No centro, visitamos os talleres dos ciclos formativos e saboreamos o almorzo elaborado polo alumnado do CM de Industrias Alimentarias. Tras, realizar unha visita guiada ao Miradoiro da Pedra da Ra, onde desfrutamos dunhas vistas espectaculares, e subirmos ata o Castro da Cidá, rematamos cun pequeno roteiro e un relaxado xantar no Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo.

Foron dúas xornadas moi enriquecedoras.

O mar na escola

 

Dende o 7 de marzo ata o 23 de maio, o alumnado de 1º está a participar no programa "O mar na escola", no que colaboran o concello de Camariñas e a empresa Cerdeimar.

Grazas a esta iniciativa, nas tardes dos martes os rapaces e rapazas cambian as clases habituais polas de vela e saen a navegar pola ría de Camariñas.

 

Investigación na USC

O alumnado de Bioloxía e Tecnoloxía de 4º desprazouse este venres ata a USC para coñecer algunha das actividades que están a desenvolver os seus investigadores.

No CiMUS, descubriron como se traballa na obtención de novos medicamentos e viron un sofisticado robot que permite a automatización do proceso de análise de compostos.

No CiQUS, amosáronlles as diferentes liñas de investigación, dende química biolóxica ata nanomateriais, e puideron participar en varias experiencias: identificación de azucres, obtención de polímeros e observación das súas propiedades, comportamento de gases a temperaturas crioxénicas, etc.

Despois de xantar entre os estudantes universitarios no comedor de Matemáticas, foron á Facultade de Física, onde viron o detector de raios cósmicos Trasgo e manexaron un contador Geiger para medir radioactividade.

Visita ao Parlamento Europeo

Durante esta semana, 15 alumnos de 3º da ESO e dous profesores foron a Bruxelas invitados polo eurodeputado socialista José Blanco López, para coñecer o funcionamento desta institución comunitaria. Primeiro houbo unha charla introdutoria que deu paso a un debate cos alumnos e finalmente amosóuselles o hemiciclo onde puideron facerse algún selfie.

A viaxe tamén serviu para que os alumnos coñeceran outras partes de Bruxelas e Bélxica como Mini Europa e o Atomium na capital belga, e Bruxas ou Dinant nas zonas flamenca e valona, respectivamente.

Cultura e lecer mesturáronse en todo momento, xa que as visitas ao Centro de Interpretación do campo de batalla de Waterloo e á biblioteca de Lovaina, deron paso a un percorrido en bici ata a costa belga en Bruxas ou a unha aventura entre as árbores en Dinant.

Foron catro días intensos e con moi bo tempo, que axudou a levar a cabo todas estas actividades. Unha aventura para moitos que, por primeira vez, utilizaban o avión, o metro e o tren.

Froitas Frescas - Marzo 2017

O noso centro participa un ano máis no Programa de consumo de froitas e hortalizas nas escolas.

Financiadas pola Unión Europea, con cargo ao FEAGA (Fondo Europeo Agrícola de Garantía), e polo FOGGA, nesta última semana de marzo iniciamos unha campaña de tres semanas de Froitas Frescas para o alumnado, que se repartirán no segundo recreo no recibidor do centro.

As outras semanas concedidas serán nos meses de Abril e Maio.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut