Unha vivenda bioclimática con domótica instalada, un coche 100% eléctrico, os diferentes muíños de vento que se construíron ao longo da historia, o interior dun aeroxerador... Todo isto puideron ver os rapaces de 3º e 4º que o martes visitaron o parque eólico experimental de Sotavento.
Ademais, descubriron pequenos xestos que permiten conseguir, de xeito doado, aforro enerxético e de auga no día a día, como eliminar o stand-by e os consumos ocultos nos aparellos eléctricos (hai que desenchufar os cargadores!), usar lámpadas LED ou instalar aireadores nas billas. Foi unha viaxe longa, pero resultou ben proveitosa.