Skip to Content

Benvida do Director

Ilustre visitante:

É unha gran honra para a comunidade educativa do IES Otero Pedrayo o teu interese por visitar este centro de ensino público encravado no Casco Vello de Ourense, a rentes do Xardín do Posío.

A actividade docente, dado o gran número de alumnos da zona, desenvólvese principalmente no edificio que naceu para Centro Provincial de Instrucción de Ourense no último tercio do s. XIX. Na actualidade, como espazo anexo utilízase un antigo colexio de Primaria, adaptado e modernizado, situado mesmo na outra beira da rúa Padre Feixoo.

Trátase dun dos edificios nobres destinados para ensino con máis tradición dentro de Galicia, ó cal o tempo, no canto de murchar a súa beleza, faina máis esplendorosa. Destaca, en demasía, a suntuosidade do seu paraninfo, orgullo de todos os exalumnos e admiración de todos os visitantes que acoden a distintos actos culturais.

Nas súas aulas, corredores e claustros permanecen os recordos imperecedeiros de numerosas promocións de alumnos e mestres entre os que sobresaen nomes como Saco e Arce, Julián Besteiro, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Marcelo Macías, Xocas, José Angel Valente, Carlos Casares ou Elena Espinosa....

Hoxe participamos do proceso educativo que se leva a cabo no centro case mil alumnos, distribuídos nas ensinanzas de ESO, Bacharelato e Adultos, preto de noventa profesores e catorce profesionais de administración e servicios. Neste proceso educativo resulta imprescindible e sempre está presente a colaboración activa de nais e pais.

 

En nome da comunidade educativa do IES Otero Pedrayo benvido/a á nosa páxina WEB.



page | by Dr. Radut