Charla “Rompendo barreiras de comunicación coa intelixencia artificial” (1º e 2º Bach.)

O pasado 27 de abril o Departamento de Matemáticas organizou a charla “Rompendo barreiras de comunicación coa intelixencia artificial”, a cargo de José Luis Alba Castro. Participou o alumnado de 1º e 2º de bacharelato.

O catedrático da Universidade de Vigo, José Luis Alba Castro, fixo un percorrido pola evolución da Intelixencia Artificial co fin de amosar ao alumnado de Bacharelato do IES Monte da Vila exemplos do que están a facer na Escola de Enxeñería de Telecomunicacións e o centro de investigación atlanTTic, en colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Galicia. O relator fomentou a participación do alumnado ao longo da charla, incidindo, así mesmo, nos aspectos éticos vinculados á intelixencia artificial, en base a casos extraídos de distintos ámbitos: sanitario (telecirurxía), ciberseguridade, conducción autónoma ... Tampouco pasou por alto a importancia de non desatender intereses sociais frente a outros puramente comerciais cando se referíu á necesidade de favorecer a comunicación coas persoas xordas que usan preferentemente linguaxe de signos. Deste modo, combinou con acerto contidos de tipo tecnolóxico con reflexións de distinta índole coas que conseguiu captar a atención dun alumnado ao que dirixiu un consello intelixente: “fagades o que fagades, facédeo con paixón”.

 Foto 1: paso a paso ata o 5 G

Foto 2: como funcionan os tradutores entre distintas linguas

 Foto 3: os xestos, matematicamente, son secuencias de puntos no espazo que se van movendo co tempo

 

Charla "As Matemáticas da COVID-19" (2º BAC.)

O pasado 24 de marzo o alumnado de 2º Bacharelato do IES Monte da Vila das materias de Matemáticas II e Matemáticas Aplicadas ás CCSS tivo ocasión de asistir á charla dun dos expertos matemáticos que vén asesorando desde o inicio da pandemia ao goberno galego: Iván Area. Este profesor da Escola de Enxeñaría de Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo explicou, de forma sinxela, relacionando os seus modelos cos contidos matemáticos traballados polos estudantes, como intentar predicir a evolución da enfermidade. As alumnas e os alumnos puideron constatar a aplicabilidade de diferentes ramas das Matemáticas comprobando como as simulacións realizadas se axustaron francamente ben á realidade.Así mesmo, tanto os rapaces e rapazas como o profesorado, unha vez finalizada a exposición tiveron a oportunidade de formular preguntas ao relator, tanto de tipo estritamente matemático como en relación coa situación actual derivada da Covid-19. Como dato esperanzador, Iván Area opina que, salvo imprevistos, o tránsito desta etapa cara á normalidade non provocará novamente un colapso do sistema sanitario, principalmente debido ao efecto que están a exercer as vacinas.

Listaxe Provisional de alumnado admitido para o curso 2022/2023 da ESO e BACHARELATO

Publicada no taboleiro de anuncios do centro a Listaxe Provisional de alumnado admitido para o curso 2022/2023 da ESO e BACHARELATO.

Só se poderá consultar presencialmente no centro.

Bolsas do Ministerio de Educación, 2022

Bolsas xerais do Ministerio, 2022

 

 

O prazo para solicitar a bolsa do curso 2022-23 ampliouse ata o 16 de maio de 2022.

Deberás solicitala dentro deste prazo, aínda que non saibas que vas estudar, ou incluso aínda que non saibas se vas continuar estudando.

 

Pódese atopar toda a información na web do Ministerio de Educación: https://www.becaseducacion.gob.es/becas-y-ayudas.html

 

Ademais a Universidade Carlos III ofrece becas para estudar en dita Universidade. Pódese atopar a información na seguinte ligazón: 

https://www.uc3m.es/ss/Satellite/AntiguosAlumnos/es/TextoDosColumnas/1371220510992/Becas_alumni

Becas Universidade Carlos III para o curso 2022/23

BECAS UNIVERSIDADE CARLOS III, MADRID. O prazo de solicitude é do 4 abril ó 20 de mayo de 2022, para o curso escolar 2022/2023.

Dirixidas a estudantes con bo expediente académico e escasos recursos económicos, esta axuda consta de 3.000€ por curso. Non facilitan só axuda económica, senón apoio durante a súa etapa universitaria, ademais da posibilidade de estar en contacto con todos os donantes, dándolles a oportunidade de empezar a tecer unha rede de contactos.

 

Estas axudas son compatibles coas becas do Ministerio de Educación, polo que se poderían solicitar ambas.

O mércores 23 de marzo ás 18 horas, realizarase unha sesión informativa online a estudiantes, familias e demáis interesados. Para participar, inscribirse en:

 https://docs.google.com/forms/d/1nWHx-bCLaUBZI3CZtBq0g0EQwN-X367i6VxN2aa8kDU/edit

Visita ao Pórtico da Gloria (Santiago de Compostela)

O pasado xoves 10 de marzo, o alumnado das materias de Fundamentos da Arte I (1º BAC.) e Historia da Arte (2º BAC.) participou nunha saída á cidade de Santiago de Compostela organizada polo Departamento de Xeografía e Historia. A actividade central da xornada foi a visita ao Pórtico da Gloria, a cargo dunha guía oficial da catedral. Despois de desfrutar en directo do programa iconográfico do Mestre Mateo, o alumnado percorreu as rúas do casco histórico da cidade, con paradas estratéxicas nos seus edificios máis representativos.

O alumnado de Fundamentos da Arte I e Historia da Arte diante da fachada de Praterías da Catedral de Santiago.

Visita á Domus do alumnado de Bioloxía e Xeoloxía (1º Bac.)

O luns 21 de febreiro o alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 1º Bacharelato viaxou ata A Coruña, concretamente á Domus, para asistir a un taller sobre fabricación de fármacos. O alumnado descubriu procedementos básicos de laboratorio, mediante un experimento no que sintetizaron un dos compoñentes dun fármaco contra a enfermidade de Parkinson. 

 

Ao rematar puideron desfrutar do museo e das marabillosas vistas que ofrece o entorno da Torre de Hércules, o faro romano máis antigo do mundo e o único que se conserva en servizo.

 

 

 

Chola, a It Girl: unha comedia de Laura Villaverde. Actividade gratuita (Concello do Grove)

Teatro cómico| Adulto (+16) | 75 min
 

Chola, mecánica de coches, blogueira e youtuber galega é chamada por un teatro para presentar o seu show. Esta orixinal e rompedora personaxe revela a súa connotación de It girl con enxeño, humor e personalidade amosando a súa realidade imperfecta fóra dos canons da imaxe actual da felicidade que se proxecta a través da redes sociais. Na peza maniféstase dun xeito ameno e rompedor a importancia de ser muller no rural, da sabedoría popular e do uso das novas tecnoloxías.

Podedes ver o tráiler do show escénico aquí.
 
Distribuir contido