Charla “Rompendo barreiras de comunicación coa intelixencia artificial” (1º e 2º Bach.)

O pasado 27 de abril o Departamento de Matemáticas organizou a charla “Rompendo barreiras de comunicación coa intelixencia artificial”, a cargo de José Luis Alba Castro. Participou o alumnado de 1º e 2º de bacharelato.

O catedrático da Universidade de Vigo, José Luis Alba Castro, fixo un percorrido pola evolución da Intelixencia Artificial co fin de amosar ao alumnado de Bacharelato do IES Monte da Vila exemplos do que están a facer na Escola de Enxeñería de Telecomunicacións e o centro de investigación atlanTTic, en colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Galicia. O relator fomentou a participación do alumnado ao longo da charla, incidindo, así mesmo, nos aspectos éticos vinculados á intelixencia artificial, en base a casos extraídos de distintos ámbitos: sanitario (telecirurxía), ciberseguridade, conducción autónoma ... Tampouco pasou por alto a importancia de non desatender intereses sociais frente a outros puramente comerciais cando se referíu á necesidade de favorecer a comunicación coas persoas xordas que usan preferentemente linguaxe de signos. Deste modo, combinou con acerto contidos de tipo tecnolóxico con reflexións de distinta índole coas que conseguiu captar a atención dun alumnado ao que dirixiu un consello intelixente: “fagades o que fagades, facédeo con paixón”.

 Foto 1: paso a paso ata o 5 G

Foto 2: como funcionan os tradutores entre distintas linguas

 Foto 3: os xestos, matematicamente, son secuencias de puntos no espazo que se van movendo co tempo