Saltar navegación.
Inicio

Inicio curso 2023-2024

O día 11 de setembro comeza o curso 2023-24. De 9.00 a 9.50 h, o alumnado reunirarse na aula co profesorado responsable de cada titoría, onde se lles facilitará o horaro así como varias informacións sobre o funcionamento e organización do centro. A partir das 9.50 h seguirán as clases segundo o horario.

O alumnado deberá agardar na porta asignada a ser chamado para a súa entrada ao edificio do centro. Accesos:

  • Porta 1: Alumnado CM Atención a persoas en situación de dependencia
  • Porta 2: Alumnado 1º e 2º ESO
  • Porta 3: Alumnado 3º ESO e CM Soldadura e Caldeiraría
  • Porta 4: Alumnado 4º ESO, BAC e FPB

Libros de texto para o curso 2023-24

Nos documentos adxuntos pode consultarse a listaxe de libros de texto para os cursos da ESO e Bacharelato para o próximo ano académico 2023-24. 

Os cheques para material escolar para os cursos da ESO serán entregados ao comezo de curso. Asemade, recordamos que non se dispón actualmente de banco de libros do centro. 

Na Formación Profesional de grao básico e medio, o profesorado dos distintos módulos dará as indicacións ao alumnado sobre a adquisición de libros de texto ao inicio do curso.

Publicamos o sexto número da revista Marco Numérico

No curso 2017-18, o departamento de matemáticas arrincou coa publicación matemática Marco Numérico, co obxectivo de recoller os traballos de investigación matemática realizados polo alumnado no centro. Desde entón atravesamos algunhas dificultades que puxeron en cuestión a súa continuidade. Con todo, ao cabo fomos quen de chegar até o sexto número que publicamos no presente curso 2022-23.

Este volume recolle artigos de investigación realizados polo alumnado da materia Métodos estatísticos e numéricos de 2º BAC. Os traballos que se recollen son os seguintes:

- Aplicación das cadeas de Markov á meteoroloxía do mundo de Oz.

- Aplicación das cadeas de Markov nun poema de Rosalía de Castro.

- Métodos numéricos aplicados á resolución da ecuación de onda estacionaria.

- Integración numérica: métodos das sumas, do trapecio e regra de Simpson.

Como novidade, este é o primeiro número que conta cun limiar cunha antiga alumna do centro. Trátase de Noelia García García, enxeñeira informática que participou cos varios artigos no primeiro número da revista.

 

 

 

 

Calendario de probas finais para Bacharelato e Formación Profesional

Nesta entrada pódense consultar, nos documentos adxuntos, as datas e horas fixados para as probas finais nos ciclos medios de SOLCA e APSD, así como para as probas extraordinarias de Bacharelato e Formación Profesional Básica. 

As alumnas de APSD participan na Campaña Mundial pola Educación

As alumnas de primeiro de APSD participaron no acto central da Campaña Mundial pola Educación celebrado no parlamento de Galicia. O obxectivo da campaña deste ano era visibilizar o papel da muller na educación. Antía e Aroa interviron no parlamento cun discurso centrado na necesidade de educar en igualdade e recalcando que as profesións non teñen xénero. Tamén quixeron reflexionar sobre a importancia que ten a súa profesión dentro da sociedade xa que como din elas "os coidados son o motor da vida".

Unha vez realizadas as intervencións do alumnado dos distintos centros participantes, recibiron resposta das portavoces dos distintos grupos parlamentarios.
No seguinte enlace podedes ver a súa intervención a partir do minuto 1:14:00.

 

 

 

 

Aberto o prazo para participación no Fondo Libros e as axudas para material escolar

Xúntanse instrucións e anexos para participar na solicitude do Fondo Libros para o próximo curso 2023/24 e axudas para material escolar.

Prazo de presentación de solicitudes: do 20 de maio ao 21 de xuño de 2023

- IMPORTANTE: Recomendamos encarecidamente que se realice a presentación antes do venres día 9 de xuño, co fin de deixar un prazo amplo para poder emendar calquera erro que puidese xurdir.

Admisión ESO e Bacharelato. Listaxes definitivas

Dende hoxe, poden consultarse no taboleiro do interior do centro as listaxes definitivas de alumnado admitido e non admitido para cursar ESO e Bacharelato no noso centro o próximo curso. 

Participamos no lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat V

O IES Marco do Camballón participou no operativo de lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat V, organizado pola NOSA. Axencia Espacial Escolar Galega. O despegue tivo lugar o 10 de maio ás 12 h desde a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

NOSA. Axencia Espacial Escolar Galega é un proxecto educativo que envolve a varios centros de secundaria e bacharelato galegos e leva en marcha desde o curso 2014-15. Os centros que forman parte da NOSA son o IES Miraflores (de Oleiros),  IES Marco do Camballón (de Vila de Cruces), IES Arzobispo Xelmirez II (de Santiago de Compostela) e o CPI O Cruce (de Cerceda). A este lanzamento precedérono outros catro, os das MarumaSat I á IV, todos eles con resultados moi exitosos: interesantes experimentos a bordo, impresionantes imaxes da curvatura terrestre gravadas polas cámaras que viaxan na cápsula, novas cotas de altura cada vez maiores…

 

Coa MarumaSat V retómanse os lanzamentos das cápsulas estratosféricas MarumaSat, que quedaron suspendidos desde o ano 2020 coa pandemia da COVID. Os obxectivos deste novo lanzamento quedaron definidos naquel ano 2020, nun congreso organizado en Santiago de Compostela ao que asistiu o alumnado dos centros participantes.

 

Un dos obxectivos da MarumaSat V é a incorporación dunha cámara 360º que gravará neste formato as imaxes do ascenso e descenso. A cápsula tamén incorpora unha estrutura impresa en 3D deseñada para portar un ovo, co propósito de que resista os abaneos da viaxe e o impacto da aterraxe e regrese intacto á superficie. Ademais diso, instalarase un dispositivo LoRa para estabelecer comunicación por radio coa cápsula. Tamén se rexistrarán diversas magnitudes atmosféricas así como o campo magnético terrestre en altura.

 

As previsións de traxectoria indicaban que a aterraxe tería lugar nun punto do concello de Quiroga, como efectivamente ocorreu. Tras o lanzamento, organizouse un equipo de rescate, con alumnado dos centros implicado,s que se desprazou até as coordenadas da aterraxe. A cápsula pousouse nas estribacións do Courel, nun punto de difícil acceso. Finalmente, a media tarde e con algo de esforzo, recuperamos a cápsula intacta con todos os experimentos a bordo.

O noso alumnado asumiu o proceso de inflado e atado do globo, paracaídas e cápsula. Ademais, encarágaronse da cobertura en directo do lanzamento desde a canle de Youtube da NOSA, emisión que se realiza este ano por primeira vez e que podedes disfrutar nesta ligazón.

 

Queremos agradecer ao noso alumnado a súa implicación no proxecto, que favoreceu que todo se resolvera con éxito. A partir de agora, analizaremos os datos recollidos para elaborar os informes cientíticos que se exporán no seguinte congreso da NOSA.

 

 

 

 

 

Admisión ESO e Bacharelato. Listaxes provisionais

Poden consultarse no taboleiro do interior do centro as listaxes provisionais de persoas admitidas e non admitidas para cursar ESO ou Bacharelato no noso centro. 

Período de reclamación: 26 de abril ao 3 de maio  (5 días hábiles)

O Camballón, na Regueifesta!

O alumnado do Camballón participou os días 12, 13 e 14 de abril nun convivio con alumnado vasco e catalán, dentro das actividades da Regueifesta.
 
Ademais, durante estes tres días o alumnado celebrou un Galeusca de improvisación oral entre adolescentes da Galiza, País Vasco e Cataluña, con actividades diversas arredor da música, a sociolingüística e a poesia oral. Coa colaboración de profesorado e familias, estes tres días continuaron, un curso máis, os encontros anuais entre regueifeiras, bertsolaris e glosadors adolescentes. O ano pasado viaxamos ao País Vasco e o vindeiro ano visitaremos Cataluña. Nestes días, ademais da canción improvisada, colocamos no centro das actividades as nosas tres línguas en proceso de normalización.
 
O venres 14 de abril participamos na Gala Regueifesta-Enreguéifate, que reuniu máis de mil escolares de toda Galiza nun espetáculo de improvisación oral no que o noso alumnado tivo protagonismo en diversos momentos. Regueifamos nas probas de regueifa e animamos a banda do espetáculo. Máis de 30 centros de ensino, desde o Courel até Trives, de Vigo até Vilalba, de Carballo até Burela, encheron un Auditorio que celebrou a gran festa escolar da regueifa.
O Auditório da Galiza converteuse  nun avión das "Aerolinhas Galegas da Regueifa" e voamos por diferentes pobos improvisadores de Europa, desde a Toscana ou a Madeira até Cuba. As regueifeiras Lupe Blanco e Olalla Liñares pilotaron este avión que nos transportou ao mundo da improvisación oral con moita festa e creatividade.

Distribuir contido