Saltar navegación.
Inicio

Novas importantes da Conferencia Sectorial de Educación

Da Conferencia Sectorial de Educación celebrada o 25 de marzo extráense varias novas importantes en relación coa organización do que resta de curso.

Como afrontar o confinamento? Guía para alumnado e familias

O departamento de Orientación elaborou unha guía con recomendacións xerais sobre como afrontar o confinamento no día a día. Está dirixidas a alumnado e familias e pretende axudar na organización do tempo (de lecer, de estudo) dentro da situación excepcional provocada pola pandemia do COVID-19.

Podedes acceder á guía premendo na seguinte ligazón. #QuedaNaCasa

Recomendacións xerais para o alumnado

Ante a suspensión das clases que entra en vigor o próximo luns 16 de marzo, recomendamos ao alumnado que revise tanto o seu correo electrónico corporativo (no dominio iesmarcodocamballon.com) como a Aula Virtual (instrucións de acceso) e entorno eDixgal (específico para alumnado 1º e 2º ESO). Estes serán os medios empregados polo profesorado para comunicar co alumnado e propoñer a realización de actividades. De todos os xeitos, estas non serán avaliábeis, se ben é recomedábel que o alumnado faga seguemento delas a fin de dar continuidade ao desenvolvemento curricular das materias.

Suspensión das clases por epidemia de coronavirus

A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar na súa web o conxunto de medidas de urxencia aprobadas a raíz da epidemia da coronavirus.

I Encontro Feminista

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, o noso centro organiza, o próximo 11 de marzo, o I Encontro Feminista. Conscientes das urxencias e necesidades en materia de igualdade e feminismo,  ten como obxectivo a sensibilización sobre a realidade da muller en diversos eidos. O acto, aberto ás familias e á veciñanza interesada, terá lugar no Auditorio Xosé Casal a partir das 12 h.

O alumnado da materia de Artes Escénicas (4º ESO) será o encargado de presentar o evento. Un grupo de estudantes da materia de Igualdade de Xénero (2º ESO) ofrecerá unha panorámica xeral das desigualdades que sofre a muller desde o punto de vista sociolaboral. O alumnado de Iniciación ao debate (1º e 2º BAC) moderará unha mesa redonda na que contaremos coa presenza de cinco mulleres que brindarán a súa perspectiva, experiencias e camiños posíbeis.  As ponentes serán Elena Ferro (artesá, recente Premio Nacional), Paula Rivela (xestora cultural), Pilar Vispo (fundadora da empresa de agricultura ecolóxica A Casa da Quenlla), Mónica González (inspectora de traballo e membro do colectivo Azos Feministas) e Ana Rodríguez (integrante do grupo Leilía).

No acto coñeceranse tamén as premiadas/os do I Concurso de cuñas radiofónicas sobre igualdade convocado polo IES. De remate, está prevista a actuación musical da nosa alumna Noa Guzmán Gómez, que interpretará temas propios.

 

 

Excelentes resultados no concurso Odisea

Un curso máis, o alumnado do Marco do Camballón participa no concurso Odisea, un certame que vai xa pola 15ª edición e no que o noso centro leva concursando dende o seu segundo ano de celebración. Este ano de olimpismo, como non podía ser doutra maneira, o concurso versa sobre o deporte na Antigüidade, o que nos deu pé a aprender moitas cousas sobre o mundo antigo pero tamén a reflexionar sobre o espírito agonal e os seus límites, o coidado da saúde e a importancia da dieta, a situación da muller dende Grecia ata os nosos días... En fin, non podemos deixar de constatar que somos humanos, que nada humano nos é alleo e que as nosas inquedanzas, degoiros, dificultades e éxitos son os mesmos no 2020 que no 776 a.C., algo que a intensidade do brillo das novas tecnoloxías moitas veces non nos permite ver.

Pero agora, os datos do concurso Odisea 2020:

Este ano están concursando 5.331 alumnos e 346 profesores de toda España, distribuídos en 2.079 grupos procedentes de 309 centros.

No caso de Galicia, participaron 243 equipos de 39 centros diferentes procedentes das catro provincias.

Participamos no IV Congreso NOSA

O noso alumnado participou no IV Congreso NOSA, celebrado  o 10 de febreiro en Santiago de Compostela. NOSA. Axencia Espacial Escolar Galega é un proxecto colaborativo do que forman parte media ducia de centros públicos galegos, e que se encadra no ámbito STEAM (Ciencias, Tecnoloxía, Artes e Matemáticas).

O congreso deste ano estivo organizado polo IES Xelmírez II e tivo lugar no Auditorio de Galicia. A conferencia inaugural sobre contaminación luminosa correu a cargo do físico da USC Salvador Bará. Contamos coa presenza d conselleira de Educación, Carmen Pomar, que se dirixiu aos asistentes antes de dar paso á mesa científico-tecnolóxica.

O noso instituto achegaba dous relatorios: Microorganismos extraterrestres, de Lucía Pampín e Iván Fernández, e que explicaba os resultados dos dous experimentos biolóxicos que viaxaron na MarumaSat IV; Intervalos preditivos na detección de muóns, de Laura Domínguez, Christian Souto, Vicky Rivas e Alba Lareo, que explicaba o procedemento de estimación de intervalos a un certo nivel de confianza a partir dos datos do detector de muóns instalado na cápsula.

A xornada completouse cun recital poético-musical sobre mulleres astrónomas  a cargo da poeta Estíbaliz Espinosa.

Projeto 10.000 calcomanias da Galiza. Tattoos da Galiza

O Clube da Língua do IES Marco do Cambalhom, o projeto educativo Semente de Compostela e o local social A Gentalha do Pichel organizam o projeto “Tattoos da Galiza: 10.000 decalcomanias para a infância e a juventude” com o objetivo de distribuír 10 modelos de tatuagens temporais –decalcomanias- com motivos de desenho gráfico da história da Galiza.

Em passados cursos, o Clube da Língua do IES Marco do Cambalhom de Vila de Cruzes tem recolhido mais de 500 fotografias de tatuagens da Galiza, em galego ou de tema galego. O projeto “Tattoos da Galiza” conseguiu visibilizar tatuagens de centos de persoas que imprimirom sobre a pel a identidade galega através das redes sociais e com a publicaçom dum livro, “Tattoos da Galiza”, fruto dum processo de micromecenado que envolveu centos de persoas.

Desde o ponto de vista sociolinguístico, esta atividade quer colocar diante dos olhos da infância e a mocidade a importáncia da comunicaçom visual desde umha perspetiva galega. Esta intervençom procura articular um processo de comunicaçom social na nossa língua para a visibilizaçom da referentes visuais, icónicos, plásticos e de desenho gráfico próprios da história e actualidade da Galiza.

 

Navegando polo universo desde o ximnasio

O martes 21 de xaneiro, o alumnado de 1º ESO e 1º BAC visitou un planetario portátil de última xeración instalado no ximnasio, e que ofrecía unha viaxe virtual polo ceo titulada Navegando polo universo. A iniciativa é un proxecto docente desenvolvido polo programa cultural Ruta Quetzal.

Este planetario era unha estrutura inchábel cun bóveda de 5 metros de diámetro nas que se proxectaban secuencias dinámicas do universo.

As sesións permitiron un achegamento a diversos aspectos relacionados coa astronomía e o coñec emento do universo, de sde a definición e historia da astronomía, o Sistema Solar, a Vía Láctea, os movementos planetarios, cambio de estacións, fases lunares, eclipses, etc.

Entrevista á compañía A PANADARÍA

O pasado 19 de decembro de 2019, a compañía de teatro A PANADARÍA representou, de xeito aberto para toda a comunidade educativa do centro, a obra Elisa e Marcela.

A función pretendía servir como unha acción de sensibilización en materia de igualdade e recoñecemento de dereitos para o colectivo LGTBI. Como sabedes, a obra conta a historia de amor de dúas mulleres lesbianas galegas, Elisa e Marcela, que, a principios do s. XX, conseguiron contraer matrimonio en contra da moral hipócrita dominante naquela sociedade (e que, lamentabelmente, chega aos nosos días). Polo seu amor foron perseguidas, derivaron a Portugal, onde foron encarceladas, e finalmente tiveron que emigrar a Arxentina, onde se lles perde a pista.

Antes da función puidemos entrevistar ás actrices que a protagonizan, Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kéndelman. Velaquí vos deixamos o vídeo con contido completo. Agardamos que vos guste!

 

Distribuir contido