Saltar navegación.
Inicio

O alumnado de Iniciación ao Debate do Camballón gaña o torneo Parlamento Xove 2021

O sábado 15 de maio o equipo 1 de Iniciación ao Debate do noso centro, constituído por Nerea Duarte, Breogán López, Lucía Puga e Aleixandra Torres, conseguiu, nunha emocionante final disputada contra o IES de Becerreá, saír vencedor do torno Parlamento Xove 2021.

Esa vitoria, baseada nunha intervención brillante para defender que era preciso limitar legalmente o uso de pantallas para os máis novos, veu precedida doutras que se corresponderon coa ronda clasificatoria, os cuartos de final e a semifinal, todas moi emocionantes. Durante a fase de clasificación xa viramos os primeiros froitos do traballo duro: Aleixandra Torres foi nomeada unha das mellores oradoras do torneo. Despois, cada debate gañado achegábanos máis a un obxectivo que en decembro contemplabamos só coma un soño e que se traduciu o sábado nun premio de 5000 euros para unha viaxe de estudos e nun trofeo inmaterial pero moi importante: a satisfacción do traballo ben feito.

Polo camiño perdimos ao noso equipo 2, que acadou un honroso décimo posto na clasificación; pero temos que facerlles xustiza a Sabela, Marta, María e Elena, porque sen a súa axuda durante a preparación da fase final nada tería sido o mesmo. Os esforzos de todo o equipo e das persoas que nos apoiaron nesta aventura conducíronnos a unha merecida vitoria.