Saltar navegación.
Inicio

Información sobre a solicitude de FondoLibros para o curso 2021-22

Nos documentos adxuntos teñen toda a información e documentación necesaria para cumprimentar a solicitude de Fondo libros para o curso 2021-22. 

O alumnado de Iniciación ao Debate do Camballón gaña o torneo Parlamento Xove 2021

O sábado 15 de maio o equipo 1 de Iniciación ao Debate do noso centro, constituído por Nerea Duarte, Breogán López, Lucía Puga e Aleixandra Torres, conseguiu, nunha emocionante final disputada contra o IES de Becerreá, saír vencedor do torno Parlamento Xove 2021.

Esa vitoria, baseada nunha intervención brillante para defender que era preciso limitar legalmente o uso de pantallas para os máis novos, veu precedida doutras que se corresponderon coa ronda clasificatoria, os cuartos de final e a semifinal, todas moi emocionantes. Durante a fase de clasificación xa viramos os primeiros froitos do traballo duro: Aleixandra Torres foi nomeada unha das mellores oradoras do torneo. Despois, cada debate gañado achegábanos máis a un obxectivo que en decembro contemplabamos só coma un soño e que se traduciu o sábado nun premio de 5000 euros para unha viaxe de estudos e nun trofeo inmaterial pero moi importante: a satisfacción do traballo ben feito.

Polo camiño perdimos ao noso equipo 2, que acadou un honroso décimo posto na clasificación; pero temos que facerlles xustiza a Sabela, Marta, María e Elena, porque sen a súa axuda durante a preparación da fase final nada tería sido o mesmo. Os esforzos de todo o equipo e das persoas que nos apoiaron nesta aventura conducíronnos a unha merecida vitoria.

 

 

 

Información sobre o procedemento de reclamación de cualificacións finais

Achegamos información relativa ao procedemento de reclamación das cualificacións finais. Incluímos orde e circular normativa xunto con modelos de reclamación no centro e xefatura territorial.

Para o alumnado de 2º BAC, o prazo de reclamación no centro para a convocatoria final ordinaria será os días 19 e 20 de maio.

Aleixandra Torres, entre as mellores oradoras do Parlamento Xove

Ademais de ter conseguido clasificarse, o equipo que representará ó IES Marco do Camballón na final de Parlamento Xove soubo o xoves pasado que unha das súas integrantes, Aleixandra Torres, fora recoñecida coma unha das mellores oradoras deste torneo. A nova incrementou a satisfacción de todo o alumnado implicado neste proxecto e tamén os seus desexos de obter o mellor resultado na loita polos postos de honra desa final.

 

 

 

 

Gravación dun telexornal na USC

O alumnado de 2º da ESO gravou esta mañá un telexornal no plató da Facultade de Xornalismo da USC. A gravación foi o produto final dun proxecto que os rapaces e rapazas levaron a cabo durante boa parte do segundo trimestre na materia de Lingua castelá, no cal tiveron que recadar información sobre varios temas de actualidade, redactar as noticias do telexornal e preparar as imaxes das distintas reportaxes. Hoxe moitos deles tamén tiveron a oportunidade de desempeñar as funcións propias dos traballadores dun plató de televisión, de xeito que se converteron por un día en presentadores, cámaras, realizadores, produtores e rexedores. Foi unha experiencia divertida e moi proveitosa!

 

 

 

 

 

 

 

Excelentes resultados dos nosos equipos no Parlamento Xove

 

Este sábado 14 de marzo o IES Marco do Camballón participou na duodécima edición do torneo de debate Parlamento Xove, xunto con outros 18 centros de toda Galicia. Dous equipos, integrados por alumnado de Iniciación ao Debate, competiron na fase clasificatoria e acadaron excelentes resultados. O equipo 1 conseguiu pasar á fase final, na que participarán os oito mellores e que se celebrará en maio; gañou todos os seus debates e quedou en cuarto lugar. O equipo 2 completou unha excelente competición e ocupou o décimo posto, unha praza que deixou ás súas integrantes ás portas da final. Todos os participantes viviron unha xornada chea de emocións. Agora, xuntos, colaborarán para preparar a fondo esa final, co obxectivo de obter, polo menos, resultados tan bos coma os deste sábado. 

 

 

 

O IES Marco do Camballón organiza o II Encontro Feminista

Co encontro, o IES Marco do Camballón quere amosar o seu compromiso coas causas de visibilización e a igualdade da muller. Nesta liña, tamén puxemos en marcha unha nova iniciativa, o Premio Juana López Elizagaray pola igualdade, outorgado nesta convocatoria a Carolina Cabaleiro López, exalumna do ciclo de FP de soldadura e caldereiría.

Os contidos de todas as intervencións están elaborados por alumnado dos distintos niveis do centro. O programa é o seguinte:

Situación da muller na Grecia clásica. Alumnado de 4º ESO.

De Clodia a Claudia. Da Roma clásica ao s. XXI. Alumnado de 4º ESO.

As idades da muller. Conto tibetano. Alumnado de 4º ESO.

O autocoidado. Alumnado do ciclo medio de FP de APSD.

As nosas avoas costureiras. Alumnado de 1º ESO.

Improvisación freestyle. Alumnado de 2º ESO.

Miradas feministas desde un campamento de refuxiados saharaui . Alumnado de 2º BAC.

Coloquio. Estará moderado por alumnas de 1º e 2º BAC, con intervencións de: Nerea Pampín, campioa de España de loita olímpica; Lucía González, aloitadora na Rapa das Bestas; Belén Puñal, xornalista e profesora; e Rosa Aneiros, escritora.

Resolto o I Premio Juana López Elizagaray pola igualdade

A galardoada foi Carolina Cabaleiro López, exalumna do CM de Soldadura e caldereiría.

Co gallo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o IES Marco do Camballón convoca o Premio Juana López Elizagaray pola igualdade co obxectivo de valorar o traballo en favor da igualdade da muller no eido local (Vila de Cruces e comarca).

Esta convocatoria busca recoñecer aquelas persoas, colectivos ou entidades que veñan desenvolvendo iniciativas e actuacións transformadoras en favor da igualdade e a visibilización da muller. Na proposta de candidaturas participa alumnado, profesorado e familias; o xurado tamén está composto por profesorado e alumnado.

Na convocatoria deste ano, o premio recaeu en Carolina Cabaleiro López, antiga alumna do IES Marco do Camballón. Carolina completou os dous cursos do CM de Soldadura e caldereiría con excelentes cualificacións, convertíndose na primeira muller que remata este ciclo no noso centro. Por este motivo, o xurado quixo valorar a súa aposta, tanto persoal como académica, por un ámbito profesional tradicionalmente masculinizado.

De excursión a Marte

O IES Marco do Camballón xa está no planeta vermello.

O pasado 18 de febreiro, o róver Perservarance pousouse con éxito na superficie de Marte. Este é o proxecto principal da misión Mars2020 da NASA, que busca rastrexar evidencias de vida no planeta veciño. Prevese que o róver estea operativo en superficie uns dous anos, tempo no que buscará trazas de organismos extintos no cráter Jezero, que noutrora formou unha lagoa que se cre que puido albergar algún tipo de forma de vida nun pasado remoto.

Para esta misión, a NASA fixo un chamamento a todas aquelas persoas que quixeran enviar o seu nome ao planeta vermello.  O róver Perseverance leva incorporadas tres pequenas láminas de silicio cos nomes gravados dos participantes na convocatoria.

Un deses nomes é o do IES Marco do Camballón. Foi enviado por alumnado de 1º BAC do curso 2019-20, polo que, xa desde o pasado 18 de febreiro, o noso centro xa está en Marte!

A NASA enviou aos participantes unha tarxeta de embarque na misión que podedes descargar abaixo.

 

 

 

Poñemos en marcha o CamballónFilmFest

O martes 22 de decembro organizamos no centro o CamballónFilmFest, un festival de curtametraxes de factura galega. No programa proxectaremos varias curtas de realizadores galegos que foron premiadas nos últimos ano. Con esta iniciativa pretendemos que o alumnado se achegue a algunhas destas creación a fin de coñecer o que se fai nese ámbito do audiovisual galego.

Aquí podes consultar o programa e as sinopses das curtas.

 

 

 

Distribuir contido