Saltar navegación.
Inicio

O Camballón, na Regueifesta!

O alumnado do Camballón participou os días 12, 13 e 14 de abril nun convivio con alumnado vasco e catalán, dentro das actividades da Regueifesta.
 
Ademais, durante estes tres días o alumnado celebrou un Galeusca de improvisación oral entre adolescentes da Galiza, País Vasco e Cataluña, con actividades diversas arredor da música, a sociolingüística e a poesia oral. Coa colaboración de profesorado e familias, estes tres días continuaron, un curso máis, os encontros anuais entre regueifeiras, bertsolaris e glosadors adolescentes. O ano pasado viaxamos ao País Vasco e o vindeiro ano visitaremos Cataluña. Nestes días, ademais da canción improvisada, colocamos no centro das actividades as nosas tres línguas en proceso de normalización.
 
O venres 14 de abril participamos na Gala Regueifesta-Enreguéifate, que reuniu máis de mil escolares de toda Galiza nun espetáculo de improvisación oral no que o noso alumnado tivo protagonismo en diversos momentos. Regueifamos nas probas de regueifa e animamos a banda do espetáculo. Máis de 30 centros de ensino, desde o Courel até Trives, de Vigo até Vilalba, de Carballo até Burela, encheron un Auditorio que celebrou a gran festa escolar da regueifa.
O Auditório da Galiza converteuse  nun avión das "Aerolinhas Galegas da Regueifa" e voamos por diferentes pobos improvisadores de Europa, desde a Toscana ou a Madeira até Cuba. As regueifeiras Lupe Blanco e Olalla Liñares pilotaron este avión que nos transportou ao mundo da improvisación oral con moita festa e creatividade.

Unha alumna e un alumno do IES Marco do Camballón estebelecen dúas novas marcas de memorización do número π

Candela e David Troncoso Borrego son dous irmáns que cursan 2º e 1º ESO, respectivamente, no IES Marco do Camballón (Vila de Cruces). Ambos veñen de estabelecer dúas novas marcas de memorización de cifras decimais do número π, como parte dun concurso que organiza o departamento de matemáticas do centro para celebrar o 14 de marzo, Día Internacional do Número π.

Candela Troncoso Borrego marcou a mellor marca de memorización de cifras decimais de π desde que o centro organiza este concurso, cun total de 421. Supón unha importante mellora da anterior marca do centro, que era de 166 cifras decimais a cargo de África García Lorenzo. O seu irmán, David, acadou 420, a só unha cifra do rexistro de Candela.

As marcas serán enviadas ao Pi World Ranking List, un portal web que recolle os récords de memorización do número π en todo o mundo, onde xa figura a marca anterior de África García Lorenzo. De xeito preliminar, os rexistros de Candela e David colocaranos nos postos 370 e 371 a nivel mundial, e postos 7 e 8 a nivel español.

Desde o departamento de matemáticas queremos felicitalos pola súa determinación e memoria para acadar estas espectaculares marcas.

O IES Marco do Camballón organiza o IV Encontro Feminista

Con motivo do 8M, o IES Marco do Camballón está a organizar o IV Encontro Feminista, un espazo de reflexión sobre o conflito de xénero.

Desta volta, o acto centrarase nos estereotipos de xénero na elección de estudos e profesións, contando coa presenza de antigo alumnado que aportará a súa visión e propia experiencia.

O alumnado actual estase a encargar do deseño do cartaz do encontro, no que se entregará o III Premio Juana López Elizagaray pola igualdade, co que se pretende recoñecer o traballo a prol da igualdade desenvolvido por persoas, colectivos ou institucións de ámbito local.

Escoller a Juana López Elizagaray para dar nome ao premio non é casualidade, pois trátase dunha mestra represaliada que impartiu docencia na escola de Besexos, unha muller pioneira e loitadora convertida nun referente local á que rendemos tributo no vídeo-homenaxe á muller traballadora creado polo alumnado de 1º de Bacharelato en colaboración co Concello de Vila de Cruces. 

 

Admisión alumnado curso 2023-24

A listaxe de alumnado admitido procedente dos centros adscritos a este instituto para o vindeiro curso académico 2023/24 pode consultarse no taboleiro de anuncios da administración, situado no interior do edificio escolar, ou ben mediante o emprego da chave 365 na aplicación de admisionalumnado (https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado/)

No momento actual atopámonos en prazo de solicitude de admisión para o alumnado que non procede dos centros adscritos, que deberán efectuar a mesma entre o 1 e 20 de marzo de 2023.

Premendo en "Leer máis" pódense consultar os prazos destacados a ter en conta no procedemento de admisión e a lexislación que regula o proceso. 

Modificación do calendario escolar (ESO e Bacharelato)

Visada a Orde do 27 de decembro de 2022 e as aclaracións publicadas pola Consellería de Educación para a organización do final do curso 2022/23 para a ESO e o Bacharelato, indicamos as cuestións máis relevantes no que ten que ver coa modificación do calendario escolar:

A sesión da terceira avaliación parcial da ESO deberá coincidir coa  sesión de avaliación final. Polo tanto, non haberá unha avaliación previa á final a principios de xuño. Realizarase unha única avaliación con data 22 de xuño de 2023. 

A asistencia á clase será obrigatoria ata o 21 de xuño na ESO e 1º de Bacharelato. O curso de 2º de Bacharelato, réxese polo seu propio calendario, condicionado polas probas da ABAU.

As alumnas de FOL de 1º de TAPSD gañadoras do concurso "FP lidera la prevención frente a los riesgos ergonómicos" do INSST

As alumnas de primeiro curso do ciclo de atención a persoas en situación de dependencia resultaron gañadoras do certame de video corto "FP: ¡Lidera la prevención!". Este concurso organizado polo Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST), en colaboración coa Axencia Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo (EU-OSHA) ten como obxectivo promover unha cultura preventiva entre a poboación máis nova fronte aos riscos ergonómicos que poden causar trastornos muscoesqueléticos relacionados co traballo.

 A través do vídeo titulado "a maxia da prevención" dannos 5 pequenos truco que podemos seguir para previr este tipo de lesións que son tan habituais en sectores como o sociosanitario dentro do que se engloba o ciclo.

Antía Martínez, alumna do ciclo, participou en representación da aula na xornada técnica organizada polo INSST que leva o nome "Los trastornos muscoesqueléticos en jóvenes desde la mirada de sus protagonistas ".

A continuación podedes ver o vídeo co que resultaron gañadora do certame ENLACE

EUROPA DE REPENTE: A improvisación oral en verso en Sardegna

“O modelo educativo da regueifa e a improvisación oral en verso, creado polo Proxecto Regueifesta, está a ser divulgado a través dun proxecto Erasmus+ en diversos países europeos.”

O proxecto Europa de repente, coordinado polo CFR de Vimianzo e en parcería co CEIP Labarta Pose, o IES do Milladoiro e o IES Marco do Camballón realizou a súa terceira mobilidade á illa de Sardeña (Italia) para coñecer as diferentes formas de improvisación oral en verso.

Nestas visitas de observación e intercambio de experiencias con asociacións culturais de Sardeña, graváronse as composicións improvisadas da gara poética ou o muteto, cantadas nas diferentes variantes do sardo.

Partillar experiencias educativas, construír cooperación pedagóxica, mellorar competencias e construír rede son algúns dos obxectivos clave do proxecto que vai rematar nas próximas semanas coa mobilidade a Iparralde, no estado francés.

Nesta visita á illa, igual ca nas anteriores mobilidades a Madeira e á Toscana, as persoas docentes do proxecto  realizaron numerosas entrevistas e gravacións a persoas de moi diferentes idades para compoñer un documentario que visibilice cal é a situación actual do repentismo en Europa.

Este traballo ten como obxectivo a creación e desenvolvemento dun proceso no coñecemento, valoración e difusión do noso patrimonio inmaterial en irmandade con outras manifestacións artísticas similares. Un recoñecemento emocional da riqueza da nosa regueifa como impulsora e dinamizadora educativa, social e cultural.

Unha experiencia única para crear oportunidades nas que compartir coñecemento, observar metodoloxías novas e fornecer lazos de colaboración entre países veciños que repercutirán positivamente nas nosas aulas.

Erasmus de irmandade entre a Regueifa e a Ottava Rima na Toscana

O IES Marco de Camballón e o IES do Milladoiro estámos a participar nun programa Erasmus+K1, baixo o título Europa de repente. Neste programa europeo, no que estámos involucrados estes dous centros de ensino, participan tamén centros da Madeira (Portugal) e de Florencia (Italia). A coordinación lévase a cabo desde o CFR da Coruña.

Do 27 ao 30 de setembro de 2022, levouse a cabo a segunda mobilidade do programa, na que se observou “in situ” o panorama actual da improvisación oral na Toscana. Realizáronse entrevistas con improvisadores vinculados á asociación Lottava Rima, cun centro de ensino da Toscana (Cutigliano) e mais no Centro Studi Beatrice di Pian degli Ontani (improvisadora e poeta do século XIX) da mesma localidade. 

Ao igual que se fixo na primeira viaxe do mes de xaneiro á illa da Madeira, por parte dos catro docentes destes dous centros e mais do coordinador do CFR, nesta viaxe realizáronse tamén numerosas entrevistas e gravacións a persoas implicadas neste tema (músicos, investigadores, profesorado, improvisadoras e improvisadores, activistas culturais, alumnado...) para coñecermos improvisación tradicional nesta zona (ottava rima). Alén diso o profesorado galego tivo oportunidade de participar en dous encontros ao vivo de poesía oral improvisada. Afondouse nesta modalidade literaria nun percurso polo roteiro de Beatrice, na montaña de Pistoia, referente da  improvisación nos Apeninos.  

Todo o material escrito e audiovisual realizado nestes encontros vai servir para a elaboración de material educativo e compoñer un documentario que visibilice cal é a situación actual do repentismo nos puntos anteriormente referenciados e que se expoñerán no final do proxecto para a comunidade educativa europea que teña interese neste tema.

Presentación coas familias

Convocamos ás familias a unha reunión informativa co/a profesor/a titor/a do grupo o día 28 de setembro ás 18:00 horas. Indícase no cadro os cursos convocados:

As familias accederán ao centro e dirixiranse á aula do seu grupo, onde as recibirá o titor/a.

Ciclos formativos con prazas dispoñibles

Ata o 23 de setembro permanece aberto o prazo de matrícula en ciclos formativos con prazas dispoñibles.

No caso do noso centro hai prazas libres nos tres ciclos que se imparten:

  • Ciclo medio de Soldadura e caldeiraría
  • Ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia
  • Ciclos básico de Servizos administrativos

As persoas interesadas en matricularse nestas ensinanzas deberán formalizar a matrícula no centro educativo, que se realizará por orde de chegada.

Distribuir contido