Saltar navegación.
Inicio

Resolto o I Premio Juana López Elizagaray pola igualdade

A galardoada foi Carolina Cabaleiro López, exalumna do CM de Soldadura e caldereiría.

Co gallo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o IES Marco do Camballón convoca o Premio Juana López Elizagaray pola igualdade co obxectivo de valorar o traballo en favor da igualdade da muller no eido local (Vila de Cruces e comarca).

Esta convocatoria busca recoñecer aquelas persoas, colectivos ou entidades que veñan desenvolvendo iniciativas e actuacións transformadoras en favor da igualdade e a visibilización da muller. Na proposta de candidaturas participa alumnado, profesorado e familias; o xurado tamén está composto por profesorado e alumnado.

Na convocatoria deste ano, o premio recaeu en Carolina Cabaleiro López, antiga alumna do IES Marco do Camballón. Carolina completou os dous cursos do CM de Soldadura e caldereiría con excelentes cualificacións, convertíndose na primeira muller que remata este ciclo no noso centro. Por este motivo, o xurado quixo valorar a súa aposta, tanto persoal como académica, por un ámbito profesional tradicionalmente masculinizado.

A entrega tivo lugar o pasado luns. Carolina expresou o seu agrademento e valorou a iniciativa. Amosouse emocionada por ser a primeira premiada e lembrou como, cando se incorporou ao centro, non existía vestiario feminino para o alumnado, que tivemos que acometer. Ademais, fixo un chamamento ás futuras alumnas para se incorporaren a este ciclo pois, nas súas palabras, entraría nunha “profesión apaixoante”.