Saltar navegación.
Inicio

O IES Marco do Camballón promove a revista de astronomía Setestrelo

O noso centro acaba de publicar o primeiro número da revista de astronomía Setestrelo. Este proxecto está promovido polo departamento de matemáticas, que imparte a materia de libre configuración Iniciación á astronomía (1º BAC).

A revista retoma o traballo de divulgación astronómica realizado na comarca por José María López Pérez, coñecido popularmente como O neno das estrelas. Durante a década de 1990, José María López promoveu no seu observatorio do Couto de Zarragrande un bo número de actividades de observación e charlas sobre astronomía. Entre as súas iniciativas tamén destaca a creación da agrupación astronómica local ALLER e a publicación da revista Astronomía amateur. Revista de divulgación astronómica, sostida con contribucións de asociadas/os e patrocinadores.

No presente número contamos cun artigo da astrofísica da Universidade de Vigo, Ana Ulla, titulado “Variábeis cataclísmicas”, cuxo texto orixinal que fora publicado en Astronomía amateur e do agora publicamos unha versión actualizada. Canda este traballo, o alumnado da materia Iniciación á astronomía dos cursos 2019-20 e 2020-21 elaborou diversos artigos sobre o relevo lunar, parámetros estelares e catálogos astronómicos. Tamén achegamos unha entrevista a Ramón Iglesias Marzoa, astrofísico do CEFCA. Completa o número a reproducción dun artigo do propio José María López Pérez, O neno das estrelas, titulado Conxecturas sobre o universo publicado na súa propia revista.

O número inclúe ilustracións orixinais de Jose M. Iglesias García e Séchu Sende.

 

AdxuntoTamaño
setestrelo 1-web.pdf2.61 MB