Skip to Content

Efemérides

O Macías contra a violencia de xénero

O pasado 25 de novembro o Macías sumouse á conmemoración internacional, e denunciou a violencia contra as mulleres. O alumnado concentrouse cunha pancarta elaborada polos alumnos/as de ESO, e escoitaron a lectura dun manifesto a cargo de dous compañeiros/as de Bacharelato que demandaban entre outras cousas " a erradicación de todas as formas de violencia machista: física e sicolóxica, ameazas, coaccións, agresións á liberdade sexual..."

                       

No manifesto incluíanse unhas verbas de Emila Pardo Bazán que, escritas hai máis de 120 anos, desgraciadamente seguen de plena actualidade: "o que axexa o paso dunha muller, atravésalle o corazón ou a degola, e despois alega que a quería, que a adoraba, que non podía vivir sen ela, a ese, todo o rigor da lei, porque ademáis de criminal é un covarde".

                                              

O MACÍAS DI NON A TODO TIPO DE VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES!!!

17 de maio, Día das Letras Galegas

Onte, luns 16 de maio, co motivo da celebración do DÍA DAS NOSAS LETRAS, que este ano se dedican a Florencio Manuel Delgado Gurriarán, o noso IES participou na VII Festa da Lingua que o Concello de Padrón organizou, e na que tamén participou o alumnado do IES Camilo José Cela.

O noso alumnado presentou as seguintes propostas:

  • Lectura do poema de Rosalía de Castro "Eu cantar, cantar, cantei" (Cantares Gallegos), e do poema de Florencio Delgado "Resposta a Rosalía" (Galicia infinda), a modo de diálogo, a cargo de alumnado de 4º ESO.
  • Interpretación do poema de Florencio Delgado "A Pandeirada", musicado por tres alumnas de 1º Bacharelato e unha alumna de 4º ESO, cantando e tocando a pandeireta.
  • Lectura dun texto baseado no manifesto que o colectivo de A Sega dedicou a Luísa Villalta, Galega das Letras 2022, por dúas alumnas de 2º ESO.
  • Lectura dun poema de Luísa Villalta, por un alumno de 2º ESO.
  • Lectura do manifesto pola lingua, Danza das Bolboretas, por unha alumna de 4º ESO. Este manifesto foi escrito pola dinamizadora da Lingua Galega do noso centro.

Estas actividades foron organizadas desde o centro polo EDLG, que contou tamén coa colaboración da Vicedirección e de profesorado de distintos departamentos, como Lingua Galega e Bioloxía. Por suposto, queremos dar os parabéns ao alumnado voluntario que quixo participar na celebración deste día tan importante para a nosa lingua.

Día das Artes Galegas

O 1 de abril é o Día das Artes Galegas. Para celebralo, no noso centro tivo lugar, onte martes 5 de abril, un obradoiro de 2 horas dirixido ao alumnado de 1º ESO e impartido por Nina Alvela e Camilo Seira, e dedicado ao artista José Otero Abeledo, Laxeiro, o homenaxeado nesta efeméride este ano 2022Esta actividade foi organizada polo departamento de Debuxo.

Aquí podedes ver algunhas fotos da xornada:

   
   
   
   

Entrega de premios "Canto sabes de Macías, o noso Namorado?

E por fin chegaron os esperados premios do concurso virtual organizado por Vicedirección e o equipo da Biblioteca, Canto sabes de Macías, o noso Namorado?

A través de 10 cuestións, o alumnado participante tivo que demostrar todo o que aprendeu sobre a personaxe que dá nome ao noso instituto. As respostas estaban na exposición: nos mapas, nos obxectos medievais, nos instrumentos, no cómic de Antonio Ceacero Hernández, nas personaxes do departamento de Plástica, nas cantigas, nas obras de Larra e de Lope de Vega, na información do concello de Arjonilla, etc.

Parabéns ás dúas rapazas gañadoras do premio! Un 10 para elas!

Ademais, preparamos un vídeo coas fotos da exposición, que podedes consultar no blog da Biblio, premendo aquí.

8M, Día Internacional da Muller

Hoxe, 8 DE MARZO, celebramos no noso IES o DíA INTERNACIONAL DA MULLER:

  • Repartíronse MÁSCARAS MORADAS ao alumnado, profesorado e persoal non docente.

  • Elaborouse un MANIFESTO, cuxa lectura, megáfono en man, correu a cargo de varias alumnas de 2º Bacharelato e Ciclo Superior durante o 2º recreo na explanada do centro. Parabéns para elas, e o noso máximo agradecemento por participaren na iniciativa. Podedes ler este manifesto aquí.

Agradecemos tamén a todo o profesorado, alumnado e persoal non docente a súa colaboración e participación neste acto para visibilizar a necesidade dun mundo máis igualitario, xusto e libre, tal e como dixeron as rapazas na súa lectura.