Skip to Content

Visita do IES Fernando Blanco ao Instituto Xenómico de Santiago

O pasado martes 1 de abril trece alumnos e alumnas do IES Fernando Blanco visitaron o Instituto Xenómico, que ten a súa sede no Hospital Clínico de Santiago de Compostela.

A visita foi unha invitación ao alumnado por parte do director do Instituto D. Ángel Carracedo, que impartiu unha charla sobre o ADN no IES Fernando Blanco o pasado mes de outubro.

 O alumnado de 2º de bacharelato, acompañado por dúas profesoras do centro, Josefa Facal e Lupe Díaz, foron recibidos e acompañados polo propio Ángel Carracedo. Todos quedaron encantados coa visita, así como da humildade, da cercanía e dos coñecementos que D. Ángel compartiu con eles.

Conferencia sobre "O bosón de Higgs"

Dentro do programa "A ponte entre o ensino medio e a Universidade de Santiago de Compostela", o venres 28 de marzo de 2014 tivo lugar unha conferencia impartida polo físico teórico José Daniel Edelstein Glaubach titulada “O bosón de Higgs”.

A conferencia desenvolveuse no salón de actos do IES Fernando Blanco e a ela asistiron 150 alumnos e alumnas de bacharelato deste centro educativo, así como alumnado invitado do IES Agra de Raíces.

O Bosón de Higgs foi o tema estrela da conferencia, onde se comentou o mecanismo de Higgs que é o proceso polo cal as partículas fundamentais adquiren a propiedade da masa.

Tamén houbo referencias aos resultados obtidos hai unha semana polo experimento BICEP2, que detectou de xeito indirecto ondas gravitacionais verificando a teoría do Universo inflacionario do físico Alan Guth.

 

 

Conferencia de don Ángel Carracedo "Que se pode facer co ADN?"

Dentro do programa de actividades realizadas co gallo de “O mes da Fundación”, organizadas pola Fundación Fernando Blanco de Lema, o 15 de outubro de 2013 tivo lugar unha conferencia impartida polo eminente xenetista don Ángel Carracedo titulada “Que se pode facer co ADN?”.

A conferencia desenvolveuse no salón de actos do IES Fernando Blanco e a ela asistiron 200 alumnos e alumnas de bacharelato do noso centro e tamén do Agra de Raíces.

O ADN, o seu significado e as aplicacións do seu estudo en materias como a medicina ou a ciencia forense foron algúns dos aspectos abordados nesta conferencia.

O xenetista, director do Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela,  compartiu o seu prezado tempo co alumnado presente, transmitiulles como naceu nel a paixón pola ciencia e detalles do seu traballo que o converteu nun referente internacional.

 

 

II Becas-Premio Fernando Blanco de Lema

O pasado sábado 7 de setembro, tivo lugar no salón de actos do IES Fernando Blanco a cerimonia de entrega das Becas-Premio Fernando Blanco correspondentes ao curso académico 2012-2013. Estas becas foron creadas para premiar o esforzo nos estudos do alumnado do noso centro e están organizadas polo IES Fernando Blanco e pola Fundación Fernando Blanco de Lema, entidade que conta co patrocinio da empresa Ferroatlántica, do Concello de Cee e da Deputación da Coruña.

Estas Becas-Premio, tratan de recuperar a tradición que xa se iniciara no ano 1886 cando, ao remate do primeiro curso académico no colexio Fernando Blanco, se premiou aos estudantes cos mellores expedientes académicos.

A cerimonia, que foi conducida polo secretario da Fundación Darío Areas, iniciouse ás 12,00 horas e nela estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Xesús Vázquez Abad, o xefe do servizo de inspección territorial da Coruña Fermín Álvarez Lata, a alcaldesa de Cee Zaira Rodríguez, membros do Padroado da Fundación Fernando Blanco de Lema, profesorado do I.E.S Fernando Blanco, representantes das casas colaboradoras, representación de Ferroatlántica e familiares dos alumnos premiados.

O conselleiro, Xesús Vázquez, reivindicou a figura de Fernando Blanco de Lema quen, como moitos outros “indianos” en Galicia, investiron parte da súa fortuna en dotar á súa localidade natal de medios para poder dar unha formación aos seus nenos e nenas, subliñando “o valor central que este home de prol lle daba á instrución na vida das persoas” e lembrando a “riqueza e amplitude do patrimonio escolar” que salvagarda e difunde a institución ceense.

A alcaldesa de Cee, Zaira Rodríguez, lembrou algúns dos fitos que foron posibles en Cee grazas á existencia do colexio Fernando Blanco, como a existencia dunha botica que distribuía medicamentos de xeito gratuíto entre os veciños que os necesitaban, o primeiro teléfono da vila ou a chegada da luz eléctrica a Cee en 1906. Tamén gabou o altruísmo de Fernando Blanco como “unha das cousas máis importantes que pode ter un persoa, pensar antes nos demais que en un mesmo”.

A directora do centro, Chelo Trillo, lembrou a Fernando Blanco ao dicir que “canta menos formación se teña máis difícil será decidir o rumbo da nosa vida”, polo que animou aos seus alumnos para que non perdan nunca “a ilusión por saber” e cualificou as bolsas como “o soño feito realidade” do mecenas da educación e a cultura ceense “máis alá dun fermoso edificio”.

Entregáronse un total de 5 becas aos mellores expedientes académicos que nesta edición lle corresponderon a:

Sergio Grandío Rodríguez, de 3º da ESO, cunha nota media de 9,58.

Maruxa Cernadas Leis, de 1º de Bacharelato, cunha nota media de 9.

Santiago Lafuente Calvo, de 1º de CM de Electromecánica de vehículos automóbilescunha nota media de 10.

Yohana Moreira Pose, de 1º de CS de Administración e Finanzas, cunha nota media de 9,14.

Ariane Lema Paz, de 1º PCPI de Instalacións electrotécnicas e de telecomunicaciónscunha nota media de 9,30.

 A entrega das distintas Becas-Premio, consistentes nun cheque de 200 € en metálico e outros 312 € en vales de compra foi realizada por representantes das empresas patrocinadoras que foron: Ferroatlántica, Estación de Servizo Bazarra, Librería Trazos, Ler Librerías, Fersi Papelería, Aurora Sport, Cabo Sport, Grupo Santitel, Centro Comercial Finisterrae, Compucee, Hotel-Restaurante Praia de Quenxe y Roberto G. Rigaut.

Gañadores das II Becas-Premio Fernando Blanco de LEma

Gran Éxito da Final da II Olimpíada Cultural O Saber ten Premio no I.E.S. Fernando Blanco

Os tres equipos finalistas e parte da comisión organizadora

Venres 7 de xuño tivo lugar no IES Fernando Blanco a Gran Final da II Olimpíada Cultural O Saber Ten Premio. Na que participaron os tres equipos finalistas: Violeta, Solfamidas e Top Team.

Esta final constou de dúas partes:

A primeira parte, na que os tres equipos tiveron que contestar a 20 preguntas extraídas ao chou entre máis de 600, mediante un programa informático elaborado polo profesor do centro Martín Pardiñas Fondo. Nesta primeira parte resultaron clasificados os equipos Top Team e Solfamidas.

A segunda parte consistiu nun debate sobre o tema “A crise saca o mellor ou o peor das persoas”, na que os dous equipos defenderon posturas opostas. Esta parte foi xulgada por un xurado composto por tres profesores do centro.

Despois destas dúas partes resultou gañador desta II Olimpíada Cultural o equipo Solfamidas, composto por: Santiago Pequeño Leis, Paula Rey Trillo, Adán Leis Caamaño, Brais Soto Pose e María Villar Piñeiro.

En 2º lugar quedou o equipo Top Team, composto por: Antón Lestón Lago, Uxía Velay González, Ainoa Vázquez Lado, Eloy Romero Martínez e Guilherme García Canosa.

O 3º clasificado foi o equipo Violeta, composto por: Carlos Leis Fernández, Óscar Sestayo Yermo, Cristian Blanco Alvite, Iván Barcia Pensado e Andrea Rodríguez Trillo.

A gala estivo conducida por Darío Areas, secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e responsable do seu Museo, contou cunha nutrida presenza de familiares do alumnado participante que, ademais, puideron asistir a varias actuacións musicais das alumnas Thelma Trillo Trillo e Paula Lorenzo Cristino acompañadas ao baixo polo profesor Javier Turnes.

Os premios desta Olimpíada Cultural contaron co patrocinio de FERROATLÁNTICA e o director das fábricas de Cee e Dumbría, don Carlos Oliete, estivo presente e fixo entrega dos premios aos equipos gañadores.

Gran Final da II Olimpíada Cultural O Saber ten Premio

Cartel Final II Olimpíada Cultural
O vindeiro venres 7 de xuño de 2013 terá lugar a Gran Final da II Olimpíada Cultural O Saber ten Premio, os equipos clasificados e os seus compoñentes son:
Equipo  “VIOLETA”, composto por:

Carlos Leis Fernández, de 1º de Bacharelato.

Óscar Sestayo Yermo, de 1º de Bacharelato.

Cristian Blanco Alvite, de 1º de Ciclo Medio de Instalacións eléctricas e automáticas.

Iván Barcia Pensado, de 1º de Ciclo Medio de Instalacións eléctricas e automáticas.

Andrea Rodríguez Trillo, de 1º da ESO.

 

Equipo “TOP TEAM”, composto por:

Antón Lestón Lago, de 2º de Bacharelato.

Uxía Velay González, de 2º de Bacharelato.

Ainoa Vázquez Lado, de 1º Ciclo Superior de Administración e finanzas.

Eloy Romero Martínez, de 1º Ciclo Superior de Administración e finanzas.

Guilherme García Canosa, de 4º da ESO.

 

Equipo “SOLFAMIDAS”, composto por:

Santiago Pequeño Leis, de 2º de Bacharelato.

Paula Rey Trillo, de 2º de Bacharelato.

Adán Leis Caamaño, de 1º de Ciclo Medio de Instalacións eléctricas e automáticas.

Brais Soto Pose, de 1º de Ciclo Medio de Instalacións eléctricas e automáticas.

María Villar Piñeiro, de 2º da ESO.

Viaxe de estudos á Universidade do Minho en Braga

Aproveitando o parón lectivo da Semana Santa, 34 alumnos e alumnas de 1º e 2º de Bacharelato do IES Fernando Blanco de Cee realizaron unha viaxe de estudos a Braga (Portugal) acompañados polos profesores Serxio Iglesias, Manuel Canosa e o profesor en prácticas Alexandre Nieves.

Este grupo de alumnado asiste voluntariamente e en horario extraescolar  a cursos de Portugués co profesor Serxio Iglesias e de AutoCAD co profesor Manuel Canosa.

En Braga asistiron a clases de Portugués Lingua Estranxeira no Instituto de Letras e Ciencias Humanas da Universidade do Minho e realizaron diversas visitas a facultades e institutos da Universidade, co obxectivo de coñecer unha realidade universitaria próxima e ao mesmo tempo achegarse a unha comunidade lingüística irmá.

Ademais, os estudantes tiveron tempo para visitar cidades próximas como Guimarães ou Porto e realizar unha ruta de sendeirismo polo Gerês.

Esta actividade está enmarcada dentro dos Contrato-Programa na procura da excelencia educativa, plan que vén de asinar este curso o IES Fernando Blanco coa Consellería de Educación.Alumnado e profesorado do IES Fernando Blanco na Universidade do Minho en Braga

GRAN ÉXITO DOS EQUIPOS PARTICIPANTES NO YOUNG BUSINESS TALENTS

Rematou a fase do concurso Young Business Talents en Galicia e de máis de 200 equipos participantes só pasaron á gran final 14 equipos de toda Galicia, entre eles 2 equipos formados por alumnos e alumnas do IES Fernando Blanco.

Estes equipos son o "DERAZA" que acabou de 3º clasificado, está formado por:

Rocío Canosa López

Iria Martínez Noya

María Ángeles Martínez Pérez

Elisa Suárez Alvite

O outro equipo clasificado para a final é "LOJODUJU" no posto 11º, este equipo está integrado por:

Juan Cambeiro Otero

José Lago Barreiros

Lorenzo Pérez Oroña

Eduardo Rivas Insua

Os dous equipos están formados por alumnado de 2º do Ciclo Superior de Administración e Finanzas e estiveron asistidos polo profesor Rogelio Pesqueira.

Temos que salientar que houbo máis equipos participantes do IES Fernando Blanco, tanto do Ciclo Medio de Xestión Administrativa como do Ciclo superior de Administración e Finanzas, pero foron quedando eliminados nas distintas fases

En toda España participaron 1.189 equipos procedentes de 234 colexios e institutos. O concurso está organizado por Beiersdorf e Praxis MMT. Durante o concurso os alumnos tiñan que tomar unha serie de decisións relativas á produción, as finanzas, os recursos humanos e o marketing para converterse nos mellores empresarios virtuais de España. Este torneo, permite a estudantes de ESO, bacharelato e formación profesional dirixir as súas propias empresas en Internet grazas ao uso dun avanzado simulador de terceira xeración.

A capital de España acollerá a última fase que se realizará os días 13 e 14 de abril e que contará con 22.000 euros en premios que se repartirán entre os 25 mellores equipos.

Noraboa aos membros dos equipos clasificados!!

II Olimpíada Cultural O Saber Ten Premio

Comeza a II Olimpíada cultural O Saber ten Premio!

O profesor Serxio Iglesias galardoado co Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

Serxio Iglesias Rodríguez, profesor de Lingua e Literatura Galega no noso centro, foi galardoado a pasada fin de semana co XXV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón organizado polo Concello de Dodro.

O premio á súa obra titulada Viaxe ao interior da fenda foi concedido por unanimidade dos membros do xurado de entre os 38 traballos presentados ao certame.

Hai que salientar que, ademais da contía económica, o premio conleva que a obra galardoada sexa publicada dentro da Colección de Poesía "Eusebio Lorenzo Baleirón" da Editorial Sotelo Blanco.

Desde esta páxina web queremos felicitar ao noso compañeiro e desexarlle máis éxitos no futuro.O profesor Serxio Iglesias

Distribuir contido


by Dr. Radut