portada30

Complementarias

Animádevos a participar!

Semana das Ciencias. Día 5

Semana_das_Ciencias_marzo_2023_Dia_5_Sesion_1

Chegamos ao final da semana cun sorriso nos labios. Hoxe tocaba xogar e ver a parte lúdica e divertida das Ciencias.

Visitounos Alejandro Saavedra, profesor de Bioestatística da USC, para falarnos de xogos cooperativos. Explicou a teoría de xogos, falou de repartos de diñeiro aplicados a gastos comunitarios e de como esta teoría se pode aplicar á vida real.

Xogar facendo ciencia e xogar aprendendo. Como fixeron os nosos alumnos esta mañá, impartindo pequenos obradoiros, dando charlas aos seus compañeiros (como a que impartiron os estudantes de Anatomía  titulada "SarDonald's: Os sentidos e a nutrición" para os seus compañeiros).

Unha semana para non esquecer.

Grazas a todos os que a fixestes posible.

Semana_das_Ciencias_marzo_2023_Dia_5_Sesion_2

Semana das Ciencias do IES de Sar

Semana das Ciencias. Día 4

Semana_das_Ciencias_marzo_2023_Dia_4_Sesion_1

Hoxe visitáronnos Alejandro Díaz Sueiro, portavoz do Comité Científico de Voz Natura, e Nazareth Díaz Castro, coordinadora do programa Voz Natura, para falarnos dos seus 26 anos de compromiso e acción medioambiental. 

A súa motivación durante estes anos consistiu en implicar a toda a sociedade a través da escola con proxectos rigorosos avalados por un comité científico que botou a súa andaina no ano 1997. Nestes 26 anos fructificaron máis de 6000 iniciativas que conseguiron implicar tamén a sociacións medioambientais, asociacións de veciños ou entidades privadas de todo tipo.

Teñen internacionalizado os seus proxectos, difundindo os mellores en países europeos e hispanoamericanos.

Logo animaron ao alumnado a que participase, expoñendo algunhas das iniciativas máis interesantes dos últimos anos: no ámbito do patrimonio etnográfico, sobre flora e fauna, sobre roteiros didácticos, hortas e xardíns ou sobre proxectos de emprendemento.

Presentounos o noso profesor de Bioloxía Leopoldo Bahíllo e recibiron un gravado da nosa alumna Matilde Fernández Blanco, que cursa 1º de Bacharelato de Artes.

 

Semana_das_Ciencias_marzo_2023_Dia_4_Sesion_2

Coordinado pola nosa profesora de Matemáticas Rosa Gómez, hoxe celebramos no instituto o obradoiro Canguro Matemático, organizado a nivel internacional pola Association Kangourou sans Frontières (AKSF), no que participaron alumnos voluntarios de toda a ESO e de 1º de Bacharelato.

 

Semana_das_Ciencias_marzo_2023_Dia_4_Sesion_3

Na segunda charla desta mañá visitounos a pintora e profesora de Física e Química, Margarita Cimadevila.

Xa hai días que temos unha exposición da súa obra nos corredores do centro.

Hoxe falounos do seu proxecto Mare plasticum, que compartiu co pintor e químico austríaco Wolfgang Trettnak, e que medrou a partir da recollida de crebas nas praias de Sada.

Investigación científica e arte para denunciar a presenza de microplásticos nos seres vivos mariños. Uns microplásticos que ao final acaban nas nosas mesas.

Presentouna a profesora de Física e Química, Nuria Rodríguez e recibiu un gravado da alumna de 1° de Bacharelato de Artes, Xoana Lema Barcia.

Semana das Ciencias. Día 3

Semana_da_Ciencias_marzo_2023_Dia_3_Sesion_1

Luís Sampedro, biólogo do CSIC, contaxia o seu entusiasmo pola Antártida. É un home próximo e divertido que nos deixou coa boca aberta, contando a súa experiencia investigadora no continente branco e moitas anécdotas que fixeron que o alumnado non perdese detalle de nada do que contou dese continente que segue a ser tan descoñecido que ás veces nin aparece nos mapas. E iso a pesares de ter o dobre de superficie que Australia e de contar co 98% da auga doce do Planeta.

En 2017 tivo a "fortuna" de pasar un mes e medio nesas terras, investigando a descomposición das algas mariñas coa finalidade de determinar os cambios de temperatura que se están a producir nas súas augas.

Seica nos últimos 50 anos o incremento das temperaturas na Antártida ten sido de 5 graos; pero, con todo, deixounos a mensaxe esperanzada de que estamos a tempo de salvala.

Hoxe os nosos rapaces sabían que estaban sendo afortunados de poder escoitar a un investigador de primeiro nivel en persoa. E el recompensounos dicindo que se sentía afortunado de estar no IES do Sar divulgando os seus coñecementos. Porque "a Ciencia -dixo- é Cultura e hai que transmitila".

Agasallámoslle un gravado de Nerea Alburquerque, alumna de 1º de Bacharelato de Artes.

 

Semana_da_Ciencias_marzo_2023_Dia_3_Sesion_2

Na segunda sesión da mañá contamos con José Ramón Leis Fidalgo, profesor de Química na USC.

Sorprendeunos con algún experimento de inducción electromagnética e faloulle ao noso alumnado de como reaccionan quimicamente o cobre, o sodio, o cloro ou o paladio con outros elementos químicos. 

Tamén falou de moléculas con propiedades interesantes: fluídos non newtonianos (polímeros), ferrofluídos ou hidrogeles.

Os alumnos tiveron ocasión de comprobar algunhas desas reaccións in situ e en primeira persoa, participando dos experimentos que lles propuxo.

Toda unha experiencia.

Presentouno a profesora de Física e Química Mercedes Monteagudo.

Agasallámoslle un gravado da alumna de 1° de Bacharelato de Artes Paula Pereira López.

Semana das Ciencias do IES de Sar

Semana das Ciencias. Día 2

Semana_das_Ciencias_marzo_2023_Dia2

Hoxe foi un día moi especial para a nosa comunidade educativa. Cando tes diante un sabio, o tempo detense e a aprendizaxe convértese nun privilexio. Ángel Carracedo é un dos maiores expertos internacionais en Medicina xenómica.

Como acontece cos sabios, estes acostuman ter o don de transmitir os seus coñecementos dunha maneira próxima e rigorosamente didáctica. Por iso nos explicou dun xeito tan plástico que o libro do xenoma humano está escrito en 23 tomos, como se se tratara dunha historia da Humanidade, que realmente é o que explica esta metáfora. E que, aínda que a primeira molécula da vida mutou sen parar, dando como resultado a diversidade na Terra, realmente o ser humano leva aquí dous días, como quen di: apenas 200 millóns de anos.

Ler ese libro do xenoma humano, interpretalo, seica levou 12 anos, implicando a miles de científicos e investindo miles de millóns de dólares nesa aventura do coñecemento e da evolución humana: a maior revolución científica da Historia, segundo as súas palabras.

Home sabio e xeneroso, Ángel Carracedo deixoulles aos nosos alumnos, que non pestanexaron durante máis dunha hora mentres o escoitaban, unha fermosa lección de futuro que el aprendera da súa avoa: "mira sempre as estrelas e trata de alcanzalas".

Presentouno a nosa profesora de Bioloxía Pamen García Romalde e recibiu como agasallo o gravado que fixo Álvaro Rodríguez Pais, de 1º de Bacharelato de Artes, para esta ocasión.

Quedámoslle profundamente agradecidos.

Semana das Ciencias. Día 1

Semana_das_Ciencias_marzo_2023_Dia_1

Na primeira xornada da Semana das Ciencias, María Elena López Lago, decana da Facultade de Física da USC, falou de sistemas de comunicación ao longo da historia da Humanidade, profundizando nos medios de telecomunicación óptica: desde a telegrafía a mediados do século XIX ata a fibra óptica na actualidade, pasando pola invención do teléfono en 1876.

Unha sesión chea de coñecementos e experiencia investigadora.

Presentouna a profesora de Tecnoloxía Pilar González Pérez.

O gravado que lle agasallamos é da autoría de Catalina Verela Valencia, alumna de 1° de Bacharelato de Artes.

Semana das Ciencias no IES de Sar

Semana das Ciencias do IES de Sar

Hoxe luns, día 13 de marzo de 2023, deu comezo no IES de Sar a Semana das Ciencias. Durante a mesma están programadas diferentes actividades (relatorios, talleres, exposicións...) cun nexo en común: CIENCIA!

 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer