portada30

Semana das Ciencias. Día 2

Semana_das_Ciencias_marzo_2023_Dia2

Hoxe foi un día moi especial para a nosa comunidade educativa. Cando tes diante un sabio, o tempo detense e a aprendizaxe convértese nun privilexio. Ángel Carracedo é un dos maiores expertos internacionais en Medicina xenómica.

Como acontece cos sabios, estes acostuman ter o don de transmitir os seus coñecementos dunha maneira próxima e rigorosamente didáctica. Por iso nos explicou dun xeito tan plástico que o libro do xenoma humano está escrito en 23 tomos, como se se tratara dunha historia da Humanidade, que realmente é o que explica esta metáfora. E que, aínda que a primeira molécula da vida mutou sen parar, dando como resultado a diversidade na Terra, realmente o ser humano leva aquí dous días, como quen di: apenas 200 millóns de anos.

Ler ese libro do xenoma humano, interpretalo, seica levou 12 anos, implicando a miles de científicos e investindo miles de millóns de dólares nesa aventura do coñecemento e da evolución humana: a maior revolución científica da Historia, segundo as súas palabras.

Home sabio e xeneroso, Ángel Carracedo deixoulles aos nosos alumnos, que non pestanexaron durante máis dunha hora mentres o escoitaban, unha fermosa lección de futuro que el aprendera da súa avoa: "mira sempre as estrelas e trata de alcanzalas".

Presentouno a nosa profesora de Bioloxía Pamen García Romalde e recibiu como agasallo o gravado que fixo Álvaro Rodríguez Pais, de 1º de Bacharelato de Artes, para esta ocasión.

Quedámoslle profundamente agradecidos.

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer