Skip to Content

2022

Bo Nadal e feliz 2023!

O IES DAVID BUJÁN deséxache unhas felices festas e un ventureiro 2023 coa nadaliña gañadora  no concurso do EDLG

 

 

OUTROS GAÑADORES

Alba Prieto Rocha

Candela García Figueira

Ainhoa Pose Zamora

Emma Rodríguez-Trelles Mira

Susana Blanco Araus

Paula Morandeira Martínez

Chloé Rodríguez Fernández

 

Parabéns

Os seus diplomas dixitais

Nadaliñas 2022

Recollida das nadaliñas

O martes desta semana empregados do concello pasaron polo centro para recoller as nadaliñas que o alumando do IES David Buján elaborara. Foi unha participación entusiasta e abundante. Moitas grazas a todos e a todas. Coa vosa axuda este ano o Nadal en Cambre será máis galego.

Proximamente reunirase o xurado para decidir cales foron as nadaliñas que merecen un premio especial.   Vai ser unha decisión difícil porque había  moitas que estaban realmente ben. Sorte!!

Deixamos aquí unha mostra desta abondosa participación. A música é de Malvela.

Cinema no Buján

O EDLG, no marco do seu proxecto de dinamización da lingua galega no centro, inicia un novo ciclo de proxeccións  de cinema

O alumnado do IES David Buján asistirá a unha proxección de cinema na semana anterior ao nadal. O título escollido para este trimestre é  "A gran sedución" (2013), un filme do canadense Mckellar , versión dunha fita francesa  de dez anos antes.

"A gran sedución" ocorre nunha vila de pescadores do Canadá onde xa non se pode pescar, e búscase que instalen unha fábrica, pero para iso precisan dun médico...

Aquí deixamos un adianto

Gocemos de cine na nosa lingua

Nadaliñas

Este ano imos participar nunha  actividade proposta polo do CEIP Wenceslao Fernández Flórez. Imos facer nadaliñas para distribuir polos comercios de Cambre  para que este ano no noso concello se viva un Nadal en galego.

Cada alumno/ a pode entregar ata un máximo tres nadaliñas (técnicas libres) pero todas teñen que seguir un modelo, que se adxunta ao final desta entrada, : teñen que ser  feitas unha cartolina A4 dobrada,  na portada ten de haber unha ilustración (pode ser a que o centro fornece) e o lema BO NADAL  (no lado longo ou no lado curto, dabaixo da ilustración) e dentro ten de haber un texto en galego-mínimo catro versos- de entre os que se  achegan no documento adxunto.

O resultado final debe ser curioso e esteticamente agradable, pois será empregado polas persoas que o desexen para felicitar o Nadal  aos seus achegados e amigos.  Os mellores terán premios (puntos) do EDLG. E a que resulta a gañadora entre todas as elaboradas, a ollos do xurado, será a empregada no centro para felicitar as festas.

Se tes dúbidas, pregúntalle ao profesorado de Plástica ou de Lingua Galega

Anímate e participa

Os nadais galegos

En Galicia a tradición das nadaliñas está documentada xa dende hai ben tempo. Dende a inmediata Posguerra ata primeiros dos oitenta chegou a ser común o envío de nadaliñas entre autores galegos, que escribían como felicitación das festas poemas (sobre todo panxoliñas e outros cantos natalicios), habitualmente acompañados de imaxes creadas ex professo por coñecidos pintores e, en ocasións, tamén acompañados de partituras musicais.

Foron asiduos ás nadaliñas Aquilino Iglesia Alvariño, Ben-Cho-Shey, Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez, Luz Pozo Garza, Manuel Fabeiro Gómez, Manuel María, Sebastían Martínez Risco, Xohana Torres, Faustino Rey Romero, Francisco Vales Villamarín, Celso Emilio Ferreiro, María do Carme Kruckenberg, Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane ou Fiz Vergara Vilariño, entre moitos outros. Unha boa mostra é a exposición que hai na entrada do noso centro e os textos que se escolleron para a actividade. Todas as nadaliñas  da exposición do centro  pertencen á colección de Sebastión Martínez-Risco.

 

Tradicións do Samaín: os colares de zonchos e a as almas liberadas do Purgatorio

Ritos e tradicións fúnebres

Outra tradición relacionada coa veneración ou a prevención cos mortos é a dos colares de zonchos, isto é, de “castañas cocidas coa pelica” que cunha agulla e un cordel se enfían como se fosen as doas dun rosario. Fanse para llelos poñer aos nenos nos días un e dous de novembro, especialmente no de Defuntos, para, segundo algunhas fontes, protexelos contra os espíritos con este amuleto, ou, segundo outras, porque por cada castaña agasallada e comesta sálvase unha alma. Esta tradición segue manténdose viva en moitos lugares do norte do territorio.

 Zoncho é unha das palabras que a nosa lingua ten  para designar as castañas cocidas.  Outras son mamotas, ou burgazos. Un nome como os múltiples que existen para nomear os distintos tipos de castañas, un dos produtos galegos máis importantes da gastronomía do país durante centos de anos ata que foi sendo substituída pola pataca. Con todo, a castaña segue sendo moi importante na cultura gastronómica e popular de Galicia e está asociada a moitas das nosas tradicións, entre elas, o Samaín, o Magosto ou o Nadal, os colares de zonchos, ..

 O EDLG para continuar con esta tradición ben bonita convoca un concurso de colares de zonchos. Valorarase a orixinalidade, a estética, empregar elementos respectuosos co medio, e a lonxitude do colar.

Atento ás bases que se colgarán na cortiza do EDLG e o día marcado vén co teu colar de zonchos.

Haberá premios para todos.

Xogo do Samaín

Rutas literarias polo Museo

O alumnado de 1º de ESO o pasado xoves, 13 de outubro, foi ao Museo de Lugo para participar nas Rutas Literarias polo Museo

Hai catro rutas: a de Minos, a do Astrágalo, a do Paxaro e a do Carneiro Alado. Cada unha das rutas está baseada nun relato do libro Contos de Fantasmas no Museo. Conta cunha folla de ruta que o alumnado, por grupos, debe completar xa no museo. Logo comprobarán os resultados de cada unha das catro expedicións. 

Tamén aproveitamos para ir ver o Centro de Interpretación da Muralla, a piscina arqueolóxica e para pasear polo adarve da única muralla de orixe romana que conserva íntegro o seu perímetro.

A actividade estaba organizada polo EDLG e o Departamento de Historia.

Preme no enlace para veres o álbum de fotos.

Voluntariado lingüístico

 

O EDLG do IES David Buján,  como cada ano,   gustaríalle que formasen  parte do equipo do noso centro todas aquelas persoas que  queiran a través do Voluntariado Lingüístico.

Seguro que tes moitas cousas que dicir e  moitas ideas que  achegar.

Apúntate xa!!

Manda un correo cos teus datos (nome e curso) a edlg@iesdavidbujan.gal

Concurso de relatos Contos_eme 2022 para Bacharelato

A Escola de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo convoca o Concurso "Contos_eme 2022"

Envía os teus relatos antes do 30 de outubro de 2022.

Os relatos deberán ser orixinais, en lingua galega ou castelá.

Deberán empezar coa frase seguinte, segundo o idioma:

“Cando ela nos dixo que ía estudar Enxeñaría na Escola de Minas e Enerxía...”

Cada participante so poderá presentar un relato. Deberá ter, sen contar a frase inicial obrigatoria, unha extensión mínima de 200 palabras, máxima de 300 e estar escrito con letra Arial 11 e entreliñado de 1 liña.

Entregarase un premio por categoría que consistirá en diploma acreditativo e 200 euros.

Os relatos deben enviarse, en formato pdf, por correo electrónico a eme@uvigo.gal. O tema do correo deberá ser “concurso de relatos”, e no propio correo aparecerán os datos de autoría: nome, apelidos, DNI, correo de contacto e o nome do centro de matricula. 

O prazo de presentación remata o 30 de outubro de 2022, ás 20h.

Día Europeo das Linguas

 

O EDLG do IES David Buján súmase á conmemoración do Día Europeo das Linguas que, cada 26 de setembro, lémbranos a importancia e a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultural e lingüística de Europa.

Para festexar a data lanzamos dous xogos sobre as linguas de Europa e do mundo. Lembra que podes gañar puntos e gorentosos peperetes do bar da Aurora.

Xoga e lembra colocar o teu nome no "placar dos líderes". Cada persoa só pode estar na clasificación unha única vez (para non acaparar) Emprega o teu usuario da conta do instituto. Os premios entréganse o día 29. Xoga todas as veces que queiras

 

Xoga e acumula puntos. Sorte!!

Florencio Delgado Gurriarán

Aquí tes xogos e actividades interactivas para afondar na  vida e obra do homenaxeado no Día das letras Galegas de 2022

 

Distribuir contido


by Dr. Radut