Ilustración baseada nunha campaña de defensa do gaélico irlandés Sábháil Ár dTeanga (Salva a nosa lingua) que recolle un graffiti de Bansky.
A derradeira persoa que falou galego: Serás ti? Será alguén a quen coñezas?
O 21 de febreiro é o Día da lingua materna, proclamado pola Unesco hai 16 anos para reivindicar a diversidade lingüística e o dereito á lingua propia. Escolleuse a data por coincidir co día en que unha multitude de falantes bengalís foi tiroteada pola policía paquistaní, cando se manifestaban pacificamente polos seus dereitos lingüísticos. Lingua materna foi a nomenclatura oficial elixida para este Día internacional e trátase dun termo estendido na maioría das linguas occidentais –mother tongue, langue maternelle, lengua materna, llegua matter, ama-hizkuntza, Muttersprache etc. –, desde hai máis de 500 anos (hai documentación do termo langue maternelle no século XIV). Non obstante, é unha denominación que está sendo substituída por expresións como lingua inicial ou lingua primeira, xa que os expertos entenden que “lingua materna” pode ter connotacións sexistas ao lle atribuír o papel exclusivo da transmisión lingüística á nai e tamén porque pode resultar ambiguo en sociedades plurilingües.
Que é a lingua inicial ou materna?
É aquela á que o individuo está exposto desde o nacemento, a lingua que primeiro adquire, habitualmente no seo da familia. A súa característica máis salientable é que se aprende espontaneamente na interacción cotiá, a través da conversa.
Que está a pasar coa nosa?
Nas dúas últimas décadas, a porcentaxe de monolingües iniciais en galego descendeu máis de vinte puntos porcentuais, en tanto que aumentou o número de bilingües e monolingües en castelán. En 2013, hai case trescentas mil persoas menos que aprenden a falar en galego ca dez anos antes, mentres o número de galegos bilingües iniciais aumentaba en case douscentos trinta mil.
No noso instituto festexamos o feito de termos unha lingua propia e que non queremos deixar perder con varios eventos (conferencia de Xurxo Mariño, concurso de adiviñas en liña e reparto de adhesivos con versos dos nosos poetas sobre a lingua). Mira os adhesivos que hai
O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase anualmente dende o 21 de febreiro de 2000 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural.
Neste día celebramos a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta e a necesidade de preservar este patrimonio e de promover o plurilingüismo. Na nosa e na vosa man está o futuro da lingua galega.
O EDLG do IES David Buján vai repartir este autocolantes de balde para festexar esta data e concienciar sobre a importancia de empregar unha lingua, porque as linguas crecen na nosa boca.