Skip to Content

Lingua Galega e Literatura

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Os tres porquiños de Venecia (Contos do mundo)

15/03/2017 10:00
Etc/GMT+1

Os tres porquiños de Venecia é o título do conto teatralizado que o alumnado de 1º de ESO, coa profesora Menchu Costa, preparou para as cativas e os cativos de 4 anos do veciño CEIP A Sangriña, dentro do proxecto de ambas as dúas Bibliotecas titulado Contos do mundo, sobre o que levamos varias semanas informándovos.

Coma sempre, o lugar do encontro foi o colexio, aínda que desta volta no canto da biblioteca, a sesión tivo lugar no salón de actos. Este alumnado de 5º de Educación Infantil está a traballar nun proxecto sobre Italia, país co que gardaba relación o conto representado.

Velaquí as fotos, cedidas polo CEIP. Máis información en BiblioPepiño.

A tropa de trapo

03/03/2017 10:15
03/03/2017 12:00
Etc/GMT+1

O pasado 3 de marzo, o noso alumnado de 1º e 2º de ESO puido gozar dunha moi amena sesión de música e contacontos protagonizada por A tropa de trapo, que presentou "A hora azul". Con este espectáculo, os contacontos profesionais Brais e Marta - chegados desde Cangas - renden homenaxe ás mulleres, á emigración e ao realismo máxico de Galicia, acompañados do son da guitarra portuguesa, do laúde árabe, da darbouka, do caixón flamenco e das Karkaba. A continuación desta sesión, o alumnado de 1º de ESO asistiu a un obradoiro, impartido por Brais e Marta, a través do cal puideron afondar no marabilloso oficio de contar contos.

Contos do mundo: Cuba e Exipto

10/03/2017 00:10
10/03/2017 13:10
Etc/GMT+1

O venres pasado tiveron lugar a quinta e sexta sesións do proxecto de Contos do mundo que estamos a levar a cabo co noso veciño CEIP A Sangriña.

O alumnado de 1º de Bacharelato, acompañado da profesora Marisa Guerra, faloulles de Cuba e as súas narracións a rapazas e rapaces de 5º de Primaria; e o grupo de 2º de ESO B, xunto co profesor Juanra Torres, representarnon unha pequena obra de teatro chamada "Una momia muy responsable".

A continuación, tendes imaxes de ambas posta en escena, cedidas polo CEIP. Sempre podedes ampliar información no seu blog de biblioteca, BiblioPepiño.

Día de Rosalía (reportaxe)

24/03/2017 12:00
24/03/2017 14:00
Etc/GMT+1

Podemos ver a continuación algunhas das imaxes máis significativas do festival poético-musical celebrado o pasado día 24 de febreiro, no salón de actos, para conmemorar o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.

Durante a mañá, realizáronse dous pases para que todo o alumnado da ESO puidese gozar dunha moi sentida lectura dos máis coñecidos poemas da autora (“Adiós ríos, adiós fontes”; “Negra sombra”; “Unha vez tiven un cravo”; “A xustiza pola man”…), feita por varias alumnas e alumnos pertencentes e 3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato. Estas lecturas recibiron acompañamento musical por parte do alumnado de Música de 1º Bacharelato. A continuación, Manuel Adrover, alumno de 4º ESO, interpretou unha fermosa danza en homenaxe á nosa poeta.
O peche do festival puxérono as profesoras Marisa Guerra e Nuria Vázquez achegando unha leda e animada lectura do poema “Vente rapasa, vente miniña.”

No vestíbulo do centro puidemos, tamén, gozar dunha exposición de traballos, feitos polo alumnado de Plástica, onde vimos a súa propia interpretación dos poemas de Rosalía.

Distribuir contido


by Dr. Radut