Skip to Content

Lingua Galega e Literatura

Departamento de Lingua Galega e Literatura

RadioTrega


Este curso 2020-2021comeza un novo proxecto no IES A Sangriña: a RADIOTREGA. O proxecto, impulsado polo Equipo de Dinamización Lingüística do centro e coordinado polo profesor Kike Estévez, tentará poñer o noso alumnado en contacto co marabilloso mundo da radio, fomentando, por outra parte, a dinamización da nosa lingua entre a comunidade educativa. Ademais, coa creación de RadioTrega, participaremos no proxecto radiofónico “Ponte nas Ondas”, que propón traballos conxuntos entre escolares de Galicia e Portugal.

Este mes produciuse a gravación do primeiro “podcast” de RadioTrega, no que se realizou a presentación do proxecto por parte do alumnado do noso centro. Ademais, con este podcast comezou a nosa andadura no proxecto “Ponte nas Ondas”, pois participamos coa súa emisión no “Día Mundial da Radio”, que se celebrou o día 13 de febreiro de 2021. O programa desta semana, como non podía ser doutro xeito, está centrado na figura de Rosalía de Castro. 

Desde o Equipo de Dinamización Lingüística animamos a toda a comunidade educativa a participar neste proxecto colaborativo e expansivo que é RADIOTREGA.

Podedes acceder a RadioTrega desde esta ligazón: https://www.ivoox.com/pt/podcast-radio-trega_sq_f11177607_1.html

Xa levamos tres programas! Velaquí as ligazóns para que os poidades escoitar:

Obradoiros de regueifa

Durante este mes leváronse a cabo uns obradoiros de regueifa para o alumnado de FP Básica de Automoción. Neste obradoiro lúdico e participativo, alén de repasar a historia desta arte da improvisación poética galega e as diferentes melodías empregadas, o alumnado achegouse á técnica da creación poética improvisada e remataron facendo as súas primeiras coplas de regueifa. Ademais, aproveitaron para preparar algunha copla retranqueira coa temática do Entroido. O obradoiro foi impartido polo regueifeiro e docente no noso centro Kike Estévez.

 

 

TradiTrega


Nas últimas semanas púxose en marcha a web do proxecto TRADITREGA, proxecto colaborativo de recollida de tradición oral por parte do alumnado do IES A Sangriña ás súas familias, impulsado polo Equipo de Dinamización Lingüística e pola Biblioteca do noso centro, e coordinado polo profesor Kike Estévez. O proxecto partiu dun traballo de recollida de tradición oral realizado como deberes de Nadal por parte do alumnado de 3º ESO e 2º ESO. Cos datos obtidos creouse unha web (TradiTrega), que será o lugar de almacenamento de todas as recollidas dos cursos que se vaian sumando ao proxecto.
Os obxectivos deste proxecto son principalmente dous:

  1. Poñer en contacto o noso alumnado coas súas familias e persoas achegadas, fomentando deste xeito a transmisión interxeracional de saberes e o emprego da nosa lingua…
  2. Recuperar e poñer en valor parte da tradición oral da comarca da Guarda e do Baixo Miño (historias, contos, lendas, cantigas, refráns…) e recollela nunha web para o seu acceso e consulta pública; nun proxecto que aspira ser aberto, participativo e inclusivo…

Desde o Equipo de Dinamización Lingüística animamos a toda a comunidade educativa a participar neste proxecto colaborativo e expansivo que é TRADITREGA. Xa podedes consultar as primeiras recollidas do noso alumnado introducidas na web: https://www.traditrega.com/

Videoconferencia do Ghatocósmico

Distribuir contido


by Dr. Radut