MEMORIAS DUN NENO LABREGO

"Memorias dun neno labrego" é unha obra emblemática dentro da literatura xuvenil en galego, ademais de ser a máis lida e reeditada da nosa literatura e, a día de hoxe, unha das máis traducidas.

O libro relata as vivencias dun rapaz labrego duns doce ou trece anos, Balbino, na Galicia dos anos corenta do século vinte. As súas páxinas reflicten a vida e costumes do mundo rural, que hoxe en día imos esquecendo paulatinamente debido ao forte cambio social acontecido nestas últimas décadas.

Pero, ademais de conservar este prezado legado para as xeracións vindeiras, a obra denuncia claramente, dende o comezo, as tremendas inxustizas ás que se ve sometido o mundo da infancia, dos labregos e dos pobres. O protagonista encarna, desgraciadamente, as tres condicións:
"Eu son… BALBINO. Un rapaz da aldeia. Coma quen dis, un ninguén. E ademáis, probe".


Segundo Xosé Neira Vilas, autor da obra, foi escrita no segundo semestre do ano 1960 nun café da rúa Cullen de Buenos Aires, cidade á que chegara, dende a súa Galicia natal, en 1949.

(http://www.realacademiagalega.org)