AS ESTRELAS VIVEN NA NOITE E ALBA ROMPE O DÍA

    Frecuentemente nas aulas atopámonos con diversos problemas de audición e linguaxe para os que Mariña, a especialista, presta un gran apoio cun enfoque da problemática, na miña opinión moi axeitado e que eu  comparto ao cen por cen : non existen nenos problemas senón problemas que teñen determinados nenos ou nenas  aos que se lles da un tratamento lúdico do que participamos todos e todas.

     Onte o xogo ía encamiñado á discriminación auditiva das distintas vogais e a súa correcta pronunciación en concreto á diferenciación do son do e e do a.

     Traía un libro "Rimas con letra" de Gloria Sánchez e abríndoo pola rima do e preguntou :

    - Coñededes este libro? (Risas) Siiii , ese é o embigo de Vicente.

    - Home... coñecémolo de sobra dixo Anxo .

    -E esta letra?

    - Coñecémolas todas!, volveu dicir Anxo cuns olliños luminosos, mirada cómplice e sorriso picarón.

     E claro, e que as letras preséntanse nas palabras sen permiso, todas xuntas e así ímolas coñecendo pero de cando en vez facémoslle un pequeno homenaxe a cada unha delas e  entre outras cousas acudimos ao libro "Rimas con letra" para disfrutar das súas  propostas, amplialas e ás veces  tamén para criticar algún aspecto cun sentido rexoubeiro como cando a rima do u di :

 Uú  -  Uú

                             un moucho vai en autobús.

                              ...........................................

e a ilustración nolo presenta en moto. Rebélanse, aí non vai en autobús profe, que vai en moto.  Pero que é isto?, digo eu,  esta ilustradora... está un pouco despistada. E é que os nenos e nenas non pasan unha, así que ilustradores e ilustradoras poñede máis atención porque nas escolas hai unha crítica moi rigorosa.

     Ben, pois despois de disfrutar coa rima e de participar no xogo, Mariña quixo contarnos un conto que falaba dunha estrela pero xa non foi posible.

     Á pregunta de sabedes onde están as estrelas? sucederon unha serie de intervencións cargadas de lirismo en medio do bulicio.

- "AS ESTRELAS VIVEN NA NOITE" (RAÚL)

- "SI, E ALBA ROMPE O DÍA, E CANDO O SOL VAI TRABALLAR A LÚA TENSE QUE DEITAR" (ANXO).

- "E RAÚL ABRE A NOITE" (ALBA)

Esta intervención de Alba producíu un segundo de desconcerto antes de darme conta de que o dicía porque cando xogamos cos nomes RAÚL lido ao revés di LUAR, e facíalles gracia escoitar que RAÚL tiña unha RA que croaba no LUAR e que LUAR era unha noite de LÚA , así que claro, RAÚL ABRE A NOITE.

     En fin, que cando os nenos e nenas están enfariñados, rebozados e cociñados en poesía de cando en vez e cando menos o esperas deixan escorregar a súa salsa, destilan lirismo, e así acabou a hora con Mariña e nese estado tan poético e bulicioso, que ás veces van da man,   dispuxémonos a seguir co regalo para O DÍA DA NAI, que non vou desvelar porque aínda non chegou o día e malia que seguramente ao saír da escola xa non aguantaran máis sen decirlle que era, naquel momento devanábanse os sesos pensando onde o ían agochar e que lles ían dicir.

CARLOTA : "Eu voulle dicir a miña nai : mamá, vas limpar estes días, antes do día 4, do domingo, do día da nai, debaixo da cama?. E se me dí que non, o deixo alí e se me di que sí o meto nun caixón ou noutro sitio onde non o vexa".

RAÚL : "Eu tamén, debaixo da cama"

ANXO: "Eu tamén, debaixo da cama"

PEDRO : "Pofe, mía, eu vouno esconde debaixo da pama".

ALBA : "Eu debaixo da almohada".

     En fin, xa sabedes onde non podedes facer limpeza nin mirar estes días.