SUSPENSIÓN DA ACTIVIDADE LECTIVA

O Presidente da Xunta de Galicia anunciou o pasado 12 de marzo a suspensión de toda a actividade lectiva nos centros de ensino de Galicia. O día 15 de marzo publicouse no BOE o Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Sabemos que a batalla contra esta pandemia depende en gran parte da nosa capacidade para limitar os desprazamentos e as interaccións durante o tempo que sexa necesario. En consecuencia, establecemos as seguintes pautas de actuación ata novo aviso: 

1. O centro  atenderá todas as xestións administrativas de xeito telemático. De todas formas, cómpre lembrar que os prazos dos procesos que estaban en marcha se interrompen ata a volta á normalidade, tal e como se recolle na disposición adicional terceira do Real Decreto 463/2020. Pola súa parte, a Consellería de Educación, Universidade e Formación profesional publicou unhas instrucións  nas que se aclara que se amplía provisionalmente o prazo de presentación telemática e presencial de solicitudes de admisión, que finalizará unha semana despois do reinicio das clases.

2. O profesorado enviará,  por medios telemáticos, actividades xenéricas relacionadas cos contidos curriculares para que o seu alumnado as poida realizar no seu domicilio, e fará o seu seguimento, pero non terán carácter de avaliables.

3. A comunicación coa comunidade educativa xestionarase a través do correo electrónico do centro (ceip.silleda@edu.xunta.es), no que atendemos permanentemente. A atención telefónica xestionarase a través do 886151696 en horario de 10.00 h a 13.00 h.