blogue deNoelia

PROXECTO EDUCACIÓN INFANTIL: O PROTAGONISTA DA SEMANA

  Este curso escolar, a aula de Infantil está levando a cabo o proxecto "Protagonista da semana" que permite abordar os obxectivos e contidos

da educación infantil dunha maneira atractiva, dinámica e interesante. Ademais de incidir na formación dunha autoestima positiva, axústase

de maneira especial ás características individuais de cada nenx e facilita a implicación familiar.

Durante unha semana, todas as actividades realizadas na aula xiran ao redor do alumno ou alumna que lle corresponda ser protagonista e

realizamos un libro con documentos e imaxes delas: fáiselle unha pequena entrevista, amosa e explica fotos da súa vida, debuxámolx,

medímolx, pesámolx, contamos cousas sobre el/ela, etc;  e recibimos na aula á súa familia.

Cada familia organiza a visita do xeito que prefira traendo á aula unha actividade preparada dende a casa.

Deixamos aquí algunhas imaxes das actividades realizadas ata o momento.

Moitas grazas familias pola vosa participación e implicación!

Sodes xeniais!!

 

Sesión de cancións e xogos coa familia de Valentina:

 

 

 

Sesión de maquillaxe coa familia de Miley

 

Coñecemos a "Limón" a chinchilla de Xila.

 

Contos coa familia de Theo.

 

Xogos de mesa coa familia de Dylan.

 

Obradoiro de arxila, contos e música coa familia de Maia.

 

 

 

E, neste curso, aínda quedan moitas semanas de protagonistas por diante cheas de sorpresas e ideas marabillosas que poñer en práctica.

Grazas as familias por axudarnos a crear unha comunidade educativa aberta e participativa!!

Galego Sticker by AiFalaches

APRENDEMOS A RELAXARNOS E A ACTIVAR OS SENTIDOS EN INFANTIL.

Continuamos coas sesións de Ioga na aula de Infantil.

Nesta ocasión, e como o mal tempo non nos permitía saír fóra, realizamos unha sesión de relaxación con pouca luz, música suave e incienso.

Experimentamos diferentes sensacións táctiles con bolas de xel e discos de masaxe.

Para rematar, escoitando música clásica, representamos libremente as sensacións experimentadas nun mural colectivo que pintamos no chan.

Pasámolo xenial aínda que a nosa roupa tamén quedou decorada coas pinturas (je,je).

SESIÓNS DE IOGA AO AIRE LIBRE CO ALUMNADO DE INFANTIL

No programa de estimulación da linguaxe (PELO) que se leva a cabo os mércores na aula de infantil,dedicamos unha parte da sesión á relaxación e á toma de conciencia do noso corpo.

A nosa nova compañeira especialista en Audición e Linguaxe Noelia Soriano, estanos aprendendo exercicios de Ioga que nos encantan.

Hoxe, animad@s polo sol, decidimos facer estes exercicios ao aire libre conectando coas árbores, os paxariños e o río que se escoitaba por debaixo da escola.

 

 

 

 Grazas Noe! Pasámolo xenial! Esperamos que siga o bo tempo para poder repetilo!

 

Relax Vakantie Sticker by miekinvorm for iOS & Android | GIPHY

TEMOS NOVAS PITAS NO COLE. (28 - 09 - 2023).

O xoves 28 de setembro, viñeron dúas novas pitas ao cole. Son dúas poliñas novas ás que aínda non lles puxemos nome.

A pesar de que o primeiro encontro coas outras pitas e o galo foi algo brusco, pouco a pouco estanse aclimatando e comezan a sentirse máis integradas no galiñeiro.

  Moitas grazas a Yolanda, nai de Theo por este fermoso agasallo!

Pin on vida

SALSA DE TOMATE

VISITA AO CONCELLO, XINCANA DE XOGOS E FESTA NO ÚLTIMO DÍA DE CURSO (21 - 06 - 2023).

   Rematou o curso 2022 - 2023 e neste último día tivemos unha xornada chea de actividades: 

   Comezamos realizando unha saída ata o Concello de Bóveda onde fomos recibidos polo alcalde e pola Concelleira de Cultura e Educación.

    No salón de actos contestaron a todas as nosas preguntas e compartiron con nós unha fermosa presentación en vídeo do noso Concello. Antes de despedirnos regaláronnos un pin co escudo de Bóveda explicándonos a súa simboloxía: os tres ríos do Concello e as catorce parroquias.

   Seguidamente fomos xogar ao parque da Filgueira e despois iniciamos o camiño de regreso polo fermoso paseo á beira do río.

   No cole estaba esperando por nós a xincana de xogos organizada polo profesorado e as familias: unha hora e media de xogos en diferentes estacións con merenda de froita incluída.

   E para rematar o día, despois da entrega de notas e materiais, fomos directos ao pavillón municipal a disfrutar da fantástica festa que tiña organizada a ANPA para o alumnado con demostracións das diferentes actividades extraescolares, música, baile e colchoneta incluída.

   Un día emocionante onde despedimos aos nosos compañeiros e compañeiras de sexto que marchan do cole e ao profe Fran que non estará con nós para o vindeiro curso. A todos e todas vós desexámosvos moita sorte nesta nova etapa e un feliz verán!

   Ata pronto!!

 

EXCURSIÓN AO PARQUE ZOOLÓXICO DE MARCELLE (20 - 06 - 2023).

   O pasado martes, todo o alumnado do centro realizou unha visita ao parque zoolóxico de Marcelle en Lugo. A actividade foi pagada pola ANPA do centro e o Concello fíxose cargo do trransporte.

   Tivemos a sorte de que o tempo nos acompañase nunha xornada intensa e chea de emocións nesta última saída do curso antes do comezo das vacacións.

 

"O NOSO GALIÑEIRO" Proxecto finalista para a IX beca das fundacións María José Jove e INGADA. (20 - 06 - 2023).

   Este pasado 20 de xuño, tivo lugar o acto de entrega da IX beca da fundación María José Jove e INGADA (Instituto Galego do TDAH e trastornos asociados) resultado dos traballos presentados no Curso de Formación de Profesorado en relación co Alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) que foi impartido en toda Galicia co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.

   Un destes traballos foi presentado polo noso centro "O NOSO GALIÑEIRO. APRENDENDO A XESTIONAR A ECO-GRANXA ESCOLAR" e resultou un dos tres finalistas para optar á beca de 3.000 euros que ambas entidades ofrecían.

   O noso proxecto non resultou gañador pero despertou moito interese na fundación INGADA polo que manifestaron o seu desexo de poñerse en contacto con nós para o vindeiro curso escolar coa idea de estudar o cofinanciamento do mesmo.

   Esperamos con interese esta chamada mentres seguimos traballando por unha educación inclusiva en comunidade!

RECICLANDO PAPEL E FOMENTANDO A CONVIVENCIA NO DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE (05 - 06 - 2023).

   Este 5 de xuño, "Día mundial do medio ambiente", celebramos no noso centro un obradoiro de papel reciclado.

   Despois dunha semana de preparación recollendo o papel usado, clasificando, picando e batendo para facer unha pasta base; por fin chegou o momento de elaborar as nosas láminas.

   Quixemos facelo en comunidade, convidando ás familias a participar pero tamén aos nosos veciños e veciñas da residencia de persoas con discapacidade "Domus VI".

   Un grupo de usuarios e usuarias xunto coa educadora e a animadora sociocultural achegáronse ata o noso centro e compartiron coa comunidade educativa do Rosalía de Castro unha mañá de traballo colaborativo e experiencias creativas.

   Moitas grazas a todas as persoas que colaborastes para que este obradoiro saise adiante! Sodes xeniais!

 

O CEIP ROSALÍA DE CASTRO COLABORA CO MERCADIÑO SOLIDARIO DE "HOSPITALEIROS SEN FRONTEIRAS" EN SARRIA (sábado 3 de xuño).

   Esta pasada fin de semana, entregamos á ONG "Hospitaleiros sen fronteiras" a recadación que o alumnado xuntou coas "tomateiras solidarias".

   Dende a organización transmitíronnos o seu agradecemento pola xenerosidade das familias de Bóveda e o bo traballo das nenas e dos nenos sementando e coidando as plantiñas que se venderon tan ben.

   Pero a colaboración non queda aquí: o vindeiro sábado día 3 de xuño, a ONG celebra en Sarria o segundo mercadiño solidario en favor dos nenos Talibé do Senegal. Nesta ocasión o noso cole colabora con bisutería elaborada nos tempos de lecer no "recanto creativo" da nosa biblioteca escolar.

   Haberá obradoiros, actividades e actuacións dende as 12:00 h. ata as 21:00 h. Animádevos a ir!

 

Distribuir contido