blogue deNoelia

"DÍA EN CONTRA DA VIOLENCIA DE XÉNERO" "As mulleres que nos constrúen" (25 - 11 - 2022)

Fomos ata o salón de actos da casa de cultura do Concello para realizar esta fermosa actividade.

O alumnado levou a cabo unha preparación previa cubrindo un cuestionario e traendo unha fotografía dunha muller de referencia da súa familia.

Con todas as fotos e a información recadada, realizouse un mural colectivo que hoxe loce nun dos corredores do noso centro.

 

"DÍA DAS BIBLIOTECAS" (24 - 10 - 2022)

Para conmemorar o "Día das Bibliotecas", a biblioteca municipal de Bóveda convidounos ao espectáculo

"Lúa triangular. Nada é imposible" de Jara Ortiz. Moitas grazas! Encantounos!

O NOSO LIBRIÑO COA RECEITA DO BISCOITO DE RUMANÍA.

 

ANIMÁDEVOS A PREPARALA NA CASA!!

"MERCADIÑO DO LIBRO USADO" (26 de abril de 2022)

 

Esta é unha proposta para darlle unha nova vida a eses libriños que temos na casa esquecidos.

  Nalgún recantiño do noso fogar poida que haxa algún libro que hai tempo que non ledes. Poden ser libros que deixaron de gustarnos ou que xa non se axustan á nosa idade.

  O 26 de abril, levaremos a cabo na biblioteca o noso primeiro "Mercadiño do libro usado".

  Trátase dunha actividade voluntaria que consiste en traer ao cole libros en bo estado (nin pintados, nin rotos, nin raiados ou nin deteriorados) a cambio dos cales obteremos "Billetes de Rosalía".

  Podedes traer ata tres libros que serán cambiados por outros tantos "Billetes de Rosalía". O día do mercadiño poderedes adquirir outros libros empregando eses billetes.

  Animádevos a participar para que os libros que están parados nas nosas casas poidan seguir facéndonos soñar!

O equipo de biblioteca

CERTAME DE DEBUXO EN FAMILIA. "DESEÑA UNHA MASCOTA PARA A NOSA BIBLIOTECA".

  A nosa biblioteca precisa unha imaxe que nos represente, un amiguiño ou amiguiña que nos propoña actividades, xogos, proxectos... e a quen lle guste investigar.

  Propoñémosvos que poñades as vosas cabeciñas a pensar e deseñedes (coa axuda da vosa familia) un personaxe divertido que poiderá ser un obxecto, animal ou ser fantástico que imaxinedes.

  O deseño virá en forma de debuxo nun folio ou cartolina.

  Todos os deseños serán expostos na biblioteca.

  Realizaremos unha selección de deseños para que sexan votados por todo o alumnado.

  Os criterios para a selección serán:

- Orixinalidade.

- Relación da mascota coa lectura e/ou investigación.

- Relación coa nosa contorna. (Concello e/ou colexio).

  Os debuxos serán entregados á titora correspondente na semana do 19 ao 22 de abril.

  Moitas grazas por participar!

O equipo de biblioteca.

 

ISABEL E TOÑO, NAI E PAI DE MARCOS, TROUXERON ABONO PARA O NOSO HORTO. (27 - 1 - 22)

   A terra precisa fertilizantes para producir. Este abono será o alimento das nosas hortalizas.

   Iso foi o que viñeron a explicarnos Isabel e Toño ao tempo que nos traían uns sacos de abono da súa explotación de vacas.

   Grazas a esta achega, o noso horto estará preparado para producir en abundancia!

                                       

RAQUEL, A NAI DE MARÍA E CARLOTA, VEU AMOSARNOS COMO SE PENEIRA A FARIÑA. (9 - 12 - 22)

   Con diferentes peneiras que o alumnado trouxo das súas casas, iniciamos a labor de preparar a fariña para poder cociñar con ela.

   Raquel amosounos a técnica que se empregou, de sempre, para levar a cabo esta labor.

   O alumnado de Infantil estivo encantado, pero tamén o alumnado de Primaria que peneirou en cadansúa aula.

   Entre todos e todas faise mellor o traballo!!

                                               

ARTURO E ALMUDENA, O AVÓ E A NAI DE SOFÍA, APRENDÉRONOS A DEGRAÑAR O MILLO (18 - 11 - 22)

Quen mellor que unha nai e un avó para amosarnos como se realiza esta labor cando o millo xa está seco e vale para levar a moer?

Almudena e Arturo axudáronnos a degrañar o millo da nosa colleita e convidáronnos a uns riquísimos flocos de millo.

                                    

JAVI, O PAI DE ENZO, VÉN FALARNOS DA VIDA DAS ABELLAS. (7 - 10 - 22)

   Impulsado dende a biblioteca escolar, o proxecto "A nosa horta" enriquécese grazas ás achegas das familias do alumnado de Educación Infantil.

   Ao longo deste curso escolar, nais, pais, avoas, avós, tías, tíos e demais familia; achéganse ao centro cos seus saberes e destrezas para botarnos unha man no cultivo do noso horto.

   Comeza as visitas do trimestre un papá experto en apicultura que achega ata nós o marabilloso mundo das abellas.

   Que sería das nosas hortiñas sen os insectos polinizadores?

                                     

 

Distribuir contido