blogue deNoelia

VEÑEN ALBA (NAI DE CARLOTA) E PABLO PARA REFACER A NOSA ESPANTALLA. (31 - 05 - 2023).

   O alumnado de Infantil dedicou o día a renovar o espantallo do noso horto escolar.

   Nesta ocasión trátase dunha espantalla chamada Alba que a nai de Carlota máis Pablo viñeron para axudarnos a facela. Quedou fermosa cos seus pelos de cores e a súa cariña ben feita!

   Moitas grazas por vir ao cole e pasar o día con nós!

A MÚSICA DE RAÍZ NA ESCOLA. Fundación LEGAR. (26 - 05 - 2023).

   Este venres tivemos a visita de Xavier Blanco e Martina Ferradás da FUNDACIÓN LEGAR PARA A PRESERVACIÓN DA MÚSICA DE RAÍZ, dentro do proxecto "A música de raíz na escola".

   Pretenden dar a coñecer a variedade instrumental e cultural da música de raíz galega, fomentando o uso da nosa lingua e dende unha perspectiva pedagóxica aberta, amena e creativa.

   Resultou unha actividade moi interesante da que participamos cantando e bailando.

Moitas grazas por vir!

 

MALETA VIAXEIRA DE "BIBLIOTECA CREATIVA" (22 - 5 - 2023).

  Chegou ao noso centro a maleta da Asesoría de biblioteca escolares que solicitamos para este último trimestre. Trátase dun surtido de libros e xogos de "Biblioteca creativa" que poderemos gozar ata finais de curso.

"CONTO EN FAMILIA". Almudena, nai de Sofía, veu interpretar para nós "Pepiño Cebola". (19 - 5 - 2023).

  E nesta ocasión gozamos dun conto representado.

  Almudena, nai de Sofía, achegounos a historia de "Pepiño Cebola" de Sandra Alonso, un neno moi ben abrigadiño con tantas capas de roupa como unha cebola.

  Moitas grazas por vir! Encantounos!

CONMEMORANDO AS "LETRAS GALEGAS" A CARÓN DO RÍO. (19 - 5 - 2023).

  Cúmprense 60 anos da creación da conmemoración do "Día das Letras Galegas" que este ano se dedican a Francisco Fernández del Riego. 

  A existencia desta festividade debémoslla a este escritor nacido en Lourenzá, galeguista, estudososo e amante das nosas tradicións e cultura.

  A nosa pequena homenaxe a Francisco Fernández del Riego fixémola moi preto do cole, a carón do río, visitando o muíño dos Fernández (recentemente rehabilitado), lendo textos do autor deste ano e levando nas nosas mans a todos os escritores e escritoras que foron homenaxeados neste día das nosas letras.

 

RÚA FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO. Función teatral na casa da cultura de Bóveda. (15 - 5 - 2023).

  Esta tarde, xunto con usuarios da residencia "Domus VI", puidemos disfrutar da función teatral "Rúa Francisco Fernández del Riego" organizada dende a biblioteca municipal de Bóveda.

  Dun xeito ameno e divertido, achegámonos á figura do autor homenaxeado no "Día das Letras Galegas" deste ano, coñecendo diversas facetas da súa vida.

  Moitas grazas por convidarnos a asistir a este espectáculo!

"CONTO EN FAMILIA". Actuación dos "Nickis" na nosa biblioteca. (12 - 5 - 2023).

  Nesta terceira edición de "Conto en familia", Verónica e Martín (nai e pai de Maia) viñeron acompañados de María, Jesús e Azul para levarnos a dar unha volta ao mundo musical.

  Con temas de Brasil, Australia, Cuba, Italia e Galicia; asistimos a un divertido espectáculo que rematou bailando todos e todas nun tren polos corredores. Foi divertidísimo!!

  Moitas grazas por vir! Sodes xeniais!!

 

 

 

CHARLA AFECTIVO - SEXUAL PROMOVIDA POLA ANPA. (10 - 5 - 2023).

  Na xornada do mércores, o alumnado dende 6º de Infantil ata 6º de Primaria, acudiu a unha charla afectivo-sexual impartida por dúas matronas do colexio de Enfermería de Lugo na biblioteca do noso centro. O obxectivo era dar a coñecer a súa profesión e tratar diversos aspectos relacionados coa reprodución e cambios corporais ligados á puberdade entre outros. A actividade foi ofrecida pola FAPACEL e xestionada pola nosa ANPA.

TOMATEIRAS SOLIDARIAS CON "T" DE TALIBÉ. (9 - 5 - 2023).

  Este martes puxemos en marcha a campaña "TOMATEIRAS SOLIDARIAS" para colaborar coa ONG "Hospitaleiros sen Fronteiras".

  Enmarcado no proxecto do horto escolar que se promove e organiza dende a biblioteca, o alumnado do noso centro sementou, coidou e trasplantou (tamén coa axuda das familias) unhas 250 plantas de tomate que agora ofrece a cambio dun donativo para a escolarización dos nenos "Talibé" do Senegal.

  As sementes proceden da produción da nosa propia horta (como o tomate azul ou o tomate cherry amarelo) e tamén achegadas polas familias do centro (tomates de bendilló, tomates de inverno ou tomates do bisavó).

  Podedes facer os vosos encargos a través do alumnado do centro!!

Moitas grazas adiantadas pola vosa colaboración!!

"CONTO EN FAMILIA" Yolanda, nai de Theo, vén presentarnos o seu conto "O misterio do tulipán" (5 - 5 - 2023).

  E nesta segunda edición de "Conto en familia" tivemos a sorte de escoitar, en primicia, a primeira lectura en público do conto "O misterio do tulipán" escrito e ilustrado por Yolanda Álvarez.

  Moitas grazas por compartir a túa arte con nós!

 

Distribuir contido