blogue deNoelia

OS AUTORES DE "SUBNORMAL", MIGUEL PORTO E FERNANDO LLOR, VISITAN O NOSO COLE. (20 - 05 - 2022).

 

O 2 de maio conmemórase o día en contra do acoso escolar.

Nesta ocasión o C.E.I.P. Rosalía de Castro de Bóveda e o C.E.I.P. Ricardo Gasset de O Incio puxémonos en contacto cos autores da obra "Subnormal" baseada na historia de Iñaqui zubizarreta, ex-xogador de baloncesto que sufríu acoso escolar sendo neno.

Grazas ao traballo de artistas como Miguel e Fernando podemos poñer aos nenos e ás nenas en contacto con esta realidade ante a que cómpre estar alerta.

Moitas grazas pola vosa visita e por explicar tan ben ao noso alumnado o proceso creativo da banda deseñada!

Gustounos moito!

 

 

ALBA, A NAI DE CARLOTA, VEU AXUDARNOS A FACER UN ESPANTALLO PARA A HORTA. (19 - 05 - 2022).

Dentro do proxecto "A nosa horta" no que contamos coa visita de todas as familias do alumnado de Infantil; hoxe tivemos con nós a Alba, a nai de Carlota, quen trouxo todos os materiais necesarios para facer un espantallo.

Despois dun proceso de creación colectiva, tocou poñerlle nome: o noso espantallo é unha espantalla e chámase Carlota.

Moitas grazas Alba por traernos esta estupenda actividade!

 

TORTA DE MILLO E BOLIÑOS NA CASA DA PROFE JULIA (18 - 05 - 2022)

E despois de sementar o millo, velo medrar, colleitalo, degrañalo, levalo a moer e peneirar a fariña... o alumnado de infantil foi cocer ao forno.

Foi unha xornada moi especial onde puidemos ver a diferencia entre a fariña de millo e a fariña de trigo. Amasamos as dúas para facer a torta de millo e boliños preñados de chourizo.

Moitas grazas á avoa de María por aprendernos tantas cousas sobre o millo, a Sandra pola súa paciencia e bo facer coa masa de trigo e aos anfitrións Julia e David que nos acolleron na súa casa con todo o cariño do mundo. Un bico enorme!!!

 

 

MARCOS, O PAI DE DANIELA, VEU PASAR O MOTOCULTOR Á NOSA HORTA (6 - 5 - 2022).

E para rematar a semana tivemos a visita de Marcos e Eva (o pai e a nai de Daniela), que viñeron a axudarnos a poñer a punto a nosa horta.

Estivemos encantad@s escoitando as explicacións de Marcos e vendo como traballaba.

En breve iremos a sementar o millo e a plantar as plantiñas do sementeiro.

Moitas grazas por esta visita tan proveitosa!

 

JOSE E MARÍA, PAI E NAI DE XOEL, MONTARON O ARMARIÑO PARA COLOCAR OS LIBROS NA ZONA DE LECTURA AO AIRE LIBRE. (5 - 5 - 2022)

A nosa biblioteca exterior xa case está a punto! Hoxe a familia de Xoel veu ao noso cole para axudarnos coa tarefa de montar

un pequeno armario para gardar os libriños destinados a ler na zona verde. Quedou xenial!

Moitas grazas por axudarnos e por compartir con nós o voso tempo!

 

O OBRADOIRO DE CREACIÓN DE EMPREGO DO CONCELLO DE BÓVEDA PON A PUNTO O NOSO COLE. (Semana do 2 ao 6 de maio).

O colexio de Bóveda ten o privilexio de contar cun dos patios escolares máis grandes e máis verdes da nosa contorna.

As rapazas e os rapaces do Obradoiro de Emprego do Concello de Bóveda e a súa monitora estiveron toda esta semana no noso centro realizando as labores de limpeza e debroce da área verde. Trouxéronnos e colocaron os bancos que nos deu o Concello para a nosa zona de lectura ao aire libre e realizaron animaliños de madeira para decorar o noso patio.

Moitas grazas polo voso traballo!!

EN 21 DÍAS NACERÁN OS NOSOS PITIÑOS. (3 - 5 - 2022).

O martes día 3 de maio, o pai de Enzo trouxo á clase de Infantil unha ducia de ovos "galados". Estivemos investigando como funciona a incubadora que nos prestou a nai de Liza e trouxemos libros da biblioteca que explican como vai ser o proceso.

En 21 días nacerán os nosos pitiños. Traeremos a unha galiña que nos presta a nai de Álex para que coide deles mentres son pequeniños.

Estamos desexando velos nacer e levalos por todas as clases para que os vexan os maiores!

 

O GALIÑEIRO ESTÁ EN MARCHA (29 - 04 - 2022).

E despois de facer o proxecto, solicitar os permisos e buscar os recursos... xa se está materializando o noso galiñeiro!!

O Concello preparou a base de cemento e fíxose cargo dos materiais necesarios. As familias (dous papás e un avó) están a realizar a montaxe do "peche"para que as nosas galiñas teñen un lugar seguro e confortable onde vivir.

Xa temos a incubadora no cole e na semana que vén montaremos a casetiña de madeira que mercamos para que vivan os pitiños.

Iremos informando dos novos avances!!


 

 

 

EXPURGO EN FAMILIA (28 E 29 DE ABRIL)

Rematando esta semana chea de actividades, viñestes as familias a tarde do xoves e a do venres para botar unha man no expurgo.

Baleirar os estantes, reorganizar o espazo,  seleccionar os fondos e volver colocar.

Un traballo inmenso e intenso que, como di o anuncio, non se paga con diñeiro.

Moitas grazas!!

O MORCEGO "PLATA" FOI ELIXIDO COMO MASCOTA DA NOSA BIBLIOTECA. (27 - 04 - 2022)

Dende o equipo da biblioteca queremos agradecer a todas as familias a súa implicación nesta actividade. Os deseños que mandastes eran espectaculares e calquera deles podería representarnos con moito acerto.

Unha vez recibidos os debuxos tocounos a ingrata labor de escoller só 12 deles para entrar no proceso electoral. Priorizamos aqueles deseños que facían alusión á biblioteca escolar e tamén aos que tiveran relación co noso entorno (natureza, colexio...) buscando un equilibrio de xeito que todas as aulas dende Infantil a terceiro ciclo estiveran representadas.

No día de onte, alumnado, persoal non docente e docentes levamos a cabo o proceso electoral.

Despois dunha reñida votación, resultou elixido o morcego Plata.

Parabéns Plata! Benvido ao noso cole!

 

Distribuir contido