blogue deNoelia

NACERON AS BOLBORETAS NO COLE. (PAPILIO MACHAON) 13 - 06 - 2022.

Hai varias semanas que dúas eirugas de "Papilio Machaon" (unha das variedades de bolboreta máis grandes que existen nestas latitudes)  viñeron a visitarnos á escola. Estivemos coidando delas, alimentándoas e observando como realizaban a súa transformación en crisálida.

Despois desta fin de semana atopámonos coa sorpresa de que xa naceran.

Levámolas por todas as aulas do colexio e saimos ao patio todos e todas para poñelas en liberdade e devolvelas á natureza.

Ata pronto bolboretiñas!!!

COLLEITA DE CHÍCHAROS NO HORTO ESCOLAR (9 - 6 - 2022).

O alumnado de Infantil, primeiro e segundo de Primaria foi ao horto a recoller os chícharos.

En primeiro lugar houbo que sacar todas as plantas, despois escollemos as vaíñas e por último bullamos a colleita para levarlle á nosa cociñeira Silvia.

Estamos desexando probalos!

 

 

 

"TOUPICIENCIA SHOW" NA BIBLIOTECA ESCOLAR. (3 - 6 - 2022).

Mañá de Ciencia na nosa biblioteca por xentileza do Consorcio Editorial Galego!

As nenas e os nenos de Infantil, 1º e 2º de Primaria asistiron hoxe ao espectáculo "Toupiciencia Show" na biblioteca escolar.

A toupiña científica xunto con Petronio, o seu axudante, achegaron a Ciencia aos nosos nenos e nenas dun xeito moi divertido.

Pasámolo de marabilla cos seus experimentos!

Moitas grazas por agasallarnos con esta actividade!

 

A GARDA CIVIL VISITA O NOSO COLE. (2 - 6 - 2022).

O alumnado de 5º e 6º de Primaria recibiu unha charla sobre o acoso escolar, enmarcada dentro do "Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos centros educativos e a súa Contorna" " que, nas zonas rurais, desenvolve a Garda Civil.

Na aula de Infantil tiveron a visita de David (o pai de Anxo e David) quen veu co seu compañeiro a explicarnos en que consiste o seu traballo. Responderon a todas as súas preguntas e foron da man dos máis pequeniños coñecer a horta e o galiñeiro.

Tamén viñeron axentes do SEPRONA e todas as nenas e nenos do colexio puideron baixar a ver os diferentes vehículos oficiais que nos amosaron así como o seu equipamento.

Moitas grazas por vir vernos e ensinarnos tantas cousas!

VISITAMOS A BIBLIOTECA MUNICIPAL (Semana do 23 ao 27 de maio).

Ao longo desta semana todos os nenos e todas as nenas do noso centro, acompañados das súas titoras,  pasaron pola biblioteca municipal para renovar os carnés e, nalgún caso, facelos por primeira vez.

Recibiunos e explicounos o funcionamento da biblioteca Miriam quen nos preparou diversos obradoiros relacionados coa figura de Florencio Delgado Gurriarán.

Moitas grazas por convidarnos e por prepararnos todas esas actividades tan divertidas!!

 

 

 

 

 

 

 

A A.N.P.A. CONTRIBÚE Á TRANSFORMACIÓN DA BIBLIOTECA ESCOLAR MERCANDO UNHA ESTUPENDA MESA DE LUZ PARA O RECANTO CREATIVO.

Hoxe estivemos marabillados estrenando a nosa nova mesa de luz. A asociación de nais e pais do colexio fixéronnos este fermoso agasallo que, ademáis de ser un fantástico recurso pedagóxico é moi divertido. Moitas grazas!!

AS EXCURSIÓNS RELACIONADAS CO PROXECTO "A NOSA HORTA".

O 23 de novembro, levamos o millo da nosa colleita ao muíño. Recibiunos Luisa, atendeunos de marabilla e, mentres acababa de moer, fomos visitar o fermoso lugar de Ribas Pequenas.

E poucos días despois recibiunos Manolo no Mazo de Penacoba. Unha visita onde puidemos aprender a forma tradicional de traballar o ferro para poder ter as ferramentas necesarias nunha sociedade agrícola e gandeira como segue a ser a nosa.

REMEMORAMOS DIFERENTES CONMEMORACIÓNS E ACTIVIDADES DA 1ª E DA 2ª AVALIACIÓN.

Estamos rematando o curso e imos facer un alto no camiño para recordar algunhas actividades pasadas.

En Outubro celebramos no cole o Samaín e o tradicional magosto.

E Bhawna fixo obradoiros con todo o alumnado do cole explicándonos o "Diwali", festival da luz na India.

En novembro volvemos conectar coa científica galega Sonia Villapol e conmemoramos o "Día en contra da violencia de xénero".

En decembro participamos no concurso de carteis proposto por "Domus VI" polo "Día das persoas con discapacidade" e mandáronnos un fermoso crebacabezas.

Comezou o novo ano e celebramos o "Día da Paz" cun fermoso mural colectivo.

E chegou febreiro e celebramos o día da nosa querida Rosalía de Castro cantando o seu poema "O Moucho".

En marzo celebramos o "Día da muller" lembrado ás mulleres da nosa vidae poñendo os nomes de todas elas colgando en lazos morados na entrada do cole.

 

E tamén a "Semana da prensa" na que traballamos con xornais nas aulas.

E para rematar o segundo trimestre conmemoramos o "Día da saúde".

 

O GALIÑEIRO ESTÁ LISTO PARA RECIBIR AOS PITIÑOS E A BIBLIOTECA CASE A PUNTO. (20 - 05 - 2022).

E para rematar a semana, as familias viñeron dúas tardes a colaborar coa organización dos espazos do colexio.

O xoves rematouse o peche do galiñeiro e montouse a casiña de madeira para as pitas. O venres  centrámonos na cartelería para indicar a ubicación dos libros na biblioteca.

Un intenso traballo en equipo que,  dende o cole, agradecemos de corazón.

Unha aperta enorme!

 

ESTUPENDA SESIÓN DE CONTACONTOS E MÚSICA COA PROFE SARA E ÁLEX. (20 - 05 - 2022).

Seguindo coas actividades do "Mes da Letras", puidemos gozar dunha divertida sesión de contacontos a cargo da profe Sara e o seu compañeiro de contos Álex.

Contaron e cantaron diferentes contos que deixaron ao noso alumnado marabillado!

Moitas grazas por vir e compartir con nós esta estupenda experiencia!

Distribuir contido