blogue deNoelia

MAGOSTO E SAMAÍN NO NOSO COLE. (28 - 10 - 2022).

  Este venres tivemos dúas celebracións no noso cole:

  Primeiro foi a festa de Samaín que se levou a cabo no ximnasio. Baixando as escaleiras adentrámonos no fabuloso túnel do terror e comezou a nosa sesión de xogos.

  Xogos con castañas, con globos e xogos de pistas ocuparon boa parte da mañá. Despois de moito correr e saltar subimos ao pavillón onde Martín (pai de Maia) e Carlos (pai de Dylan e Daniela) nos prepararon un rico magosto no tambor.

  Foi unha xornada estupenda chea de risas e diversión, lástima que a auga non nos permitiu repartir as nosas cabazas polos cruces de camiños de Bóveda nin levarllas ata a residencia Domus VI (seguro que algo se nos ocurrirá para solucionalo.)

 

 

FAMILIAS E PROFES MONTAN O TÚNEL DO TERROR (26 e 27 de outubro 2022).

  As tardes do 26 e 27 de outubro dedicáronse a crear un túnel do terror para a nosa celebración do Samaín. Ata contamos cun cadaleito de verdade!!

  Moitísimas grazas a todas as familias que nos mandastes decoración e ás que viñestes para montar todo!

  Sodes xeniais!!

OBRADOIRO DE CABAZAS (27 - 10 - 2022).

  Ao longo desta semana, as familias do alumnado, mandaron ao cole cabazas e castañas para a nosa celebración do Magosto - Samaín.

  Moitas grazas pola vosa colaboración!

  Ademais, María e Luís (nai e pai de Xila) e Yolanda (nai de Theo), acompañáronnos  no obradoiro  para axudarnos a transformar as cabazas en caveiras arrepiantes coas que espantar os nosos medos!

  Quedaron estupendas!!

 

A PRIMEIRA MEDIA DUCIA DE OVOS. (26 - 10 - 2022).

  Comeza nesta semana o reparto de ovos do noso gaiñeiro para as familias que manifestaron o seu desexo de levalos para a casa.

  Iremos en orde de lista, dende o alumnado máis pequeniño ata o alumnado de maior idade.

  Comeza Valentina, que marchou feliz coa súa maletiña para transportalos!

 

"PROCÚRA-SE PEPA A LOBA" (24 - 10 - 2022).

  Este luns, para conmemorar o "Día das bibliotecas" fomos convidados pola biblioteca municipal de Bóveda ao espectáculo de monicreques "Procúrase Pepa A Loba" de Cristina Collazo. Compartiron esta xornada con nós usuarios e usuarias da residencia "Domus VI".

  Foi un espectáculo moi divertido e pasámolo de medo!

  Moitas grazas por organizalo e convidarnos a asistir!!

O NOSO PRIMEIRO OVO NO COLE (20 - 10 - 2022).

  Como cada día, despois do xantar, Chichita e un par de nenos/as van levar comidiña ao galiñeiro.

  Hoxe tocoulles a Carlos e máis Aurora que se atoparon coa grata sorpresa de que as nosas pitas comezaron a poñer.

  Este é o noso primeiro ovo da escola e queremos compartir a noticia con toda a comunidade educativa.

PERRUQUERÍA DE GALIÑAS E CHEGADA DO NOVO GALO AO GALIÑEIRO. (7 - 10 - 2022)

  Hoxe recibimos a visita de Luís, o avó de María, que chegou cun novo galo para o galiñeiro.

  Luís viña preparado, ademais,cunhas tesoiras especiais para as plumas das ás das nosas pitas.

  O avó de María sabe moito sobre galiñas e explicounos que é preciso recortarlle un pouco as plumas da punta das ás para que non escapen voando. (Iso non lles doe nada, é coma ir á perruquería a cortar o pelo).

  Estivemos moi atentos e atentas a todo o proceso e agradecémoslle a Luís o seu traballo e as súas ensinanzas.

 

 

 

 

 

CRÓNICA DO GALIÑEIRO: a misteriosa desaparición do galo Manuel (6 - 10 - 2022).

  Nesta semana vivíronse no noso cole momentos asombrosos! Dende a explosión dun ovo fétido ata a desaparición da parella da nosa galiña Rosalía. Comecemos dende o principio:

  A PASADA FIN DE SEMANA chegou a primeira pita habitante do noso galiñeiro, ela é Rosalía, unha pitiña negra que chegou de noite da man de Montse, Diego e Amable (nai, irmán e avoa de Álex) tapadiña nunha caixa e acompañada dos dous ovos que estaba rematando de incubar.

  Rosalía estaba destinada a ser a nai adoptiva dos ovos que tiñamos na incubadora. Lastimosamente, os ovos non foron adiante así que depositamos as nosas esperanzas neses outros dous que Rosalía traía consigo.

  O LUNS fomos correndo a ver a Rosalía e comprobar se naceran pero o ansiado momento non acababa de chegar.

  O MARTES apareceu o galo Manuel, pequeniño pero impetuoso e, dado que os ovos de Rosalía non naceran decidimos abrilos. Aquí é onde se produciu a EXPLOSIÓN INESPERADA que colleu de sorpresa aos alí presentes deixando un aroma indescriptible nos arredores do horto.

  Coa idea de que a natureza seguira o seu curso e nos regalara os tan ansiados pitiños, decidimos aumentar as posibilidades traendo ao cole dúas galiñas máis. Hoxe XOVES, Yolanda (nai de Theo), trouxo dúas pitiñas novas que fomos levar a primeira hora ao galiñeiro.

  Foi nese momento cando nos decatamos do sorprendente suceso: O GALO MANUEL NON ESTABA NO GALIÑEIRO! Deixamos ás dúas pitiñas dentro e rapidamente iniciamos unha procura que resultou infructuosa.

  Precisabamos axuda de todo o cole así que o alumnado de Infantil percorreu todas as aulas informando da desaparición e emprazando a todos e a todas a unha procura exhaustiva na hora do recreo.

  Todo o mundo participou e, grazas ás dotes detectivescas do noso alumnado, puidemos atopar as pistas en forma de plumas negras e varios buratos por onde poida que Manuel se fugase.

  Seguiremos investigando e informaremos de calquera avance nas nosas pesquisas.

  Esta é unha FOTO DE ARQUIVO do noso galo. Rogamos a quen o vexa que avise axiña ao colexio. Grazas pola vosa colaboración.

 

COLLEITA DO MILLO (4 - 10 - 2022).

O alumnado de 3º e 4º de Primaria coa axuda do profe Félix realizou a colleita do millo do horto escolar e gardaron todos os tomates para que vaian madurando no interior.

Os habitantes do noso galiñeiro darán boa conta desta nosa produción!

 

 

DECORANDO A ASEMBLEA DO HORTO. (Obradoiro cooperativo: Infantil-3º ciclo). (22 - 09 - 2022).

  Antes de cada sesión de traballo no horto sentamos nos troncos da nosa asemblea para poder organizar as labores e tamén, ao remate, valorar a xornada.

  Para que estes "sentallós" poidan durar moito tempo decidimos protexelos e decoralos con pintura acrílica de cores.

  O alumnado de Infantil xunto co alumnado de 5º e 6º de Primaria, levaron a cabo este obradoiro cooperativo de traballo por parellas.

  A actividade foi todo un éxito: as nenas e nenos pequenos portáronse de marabilla e as nenas e nenos maiores fixeron un fantástico traballo de titorización, asesoramento e colaboración.

  Grazas rapazada! Sodes xeniais!!

Distribuir contido